Cancela (PSdeG) cre que a decisión do Comité Federal supón "unha ruptura" co que pensan as bases do partido

Pide aos membros da xestora que posibiliten que a decisión "sexa o menos traumática posible"

Santiago de Compostela | 23/10/2016 | Actualizada ás 19:54 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A presidenta da xestora do PSdeG, Piar Cancela, considerou que a decisión tomada polo Comité Federal do PSOE de absterse para facilitar o goberno do PP supón "unha ruptura" co que "pensan maioritariamente as bases do partido".

Así pronunciouse este domingo en declaracións aos medios tras participar en Madrid na reunión do Comité Federal do PSOE que votou absterse na investidura de Rajoy con 139 a favor e 96 en contra.

Neste escenario, Piar Cancela asegurou que trasladar a "división" existente no partido ao grupo parlamentario "é un erro" xa que este está "fraccionado nas distintas posicións". "Vai haber moita xente que seguirá mantendo o non", advertiu.

Por iso, pediu aos membros da xestora do partido a nivel estatal que posibiliten que esta decisión sexa "o menos traumática posible". "Neste momento a dirección do partido ten unha cometido tremendamente importante: se seguimos afondando nesa fractura ou se empeza a camiñar nese chamamento que fixo no seu momento de coser", sinalou.

Ademais, preguntada a que se refire cando pide que sexa "o menos traumática posible" dixo: "Refírome a algunha ameaza que se fixo de xeito explícito de expulsión do partido, creo que iso nunca aconteceu no partido, cando alguén adopta unha determinada posición sabe que hai un regulamento que vai ter que aplicarse, pero creo que ameazar con expulsións non é a mellor forma de coser".

Con todo, Piar Cancela non desvelou se votará en contra do goberno do PP ou se se absterá. Así, explicou que exercerá o seu voto "en función do que aconteza esta semana" e das decisións que tome o grupo parlamentario ao que a xestora ten que trasladar o acordado.

COMPETENCIAS DA XESTORA GALEGA

Por outra parte, preguntada por se puido falar coa dirección do partido despois de que lle fosen retiradas as competencias para convocar un congreso, Piar Cancela asegurou que este domingo "non era o día".

"Remitimos dende a xestora de Galicia unha solicitude de entrevista para falar, reiteraremos esa solicitude de entrevista... hai que facela a través das canles formais", manifestou antes de asegurar que "nalgún momento" terán que responder. "Espero que non sexa con outra decisión unilateral", indicou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta