GC Aberto

Pobre UNESCO, pobre ONU. Por Afonso Vázquez-Monxardín

Certamente o creto que teñen as institucións está en función das cousas que fan.

Por GalizaIsrael (http://www.galiza-israel.org) | GC ABERTO | 25/10/2016

Comparte esta noticia

Certamente o creto que teñen as institucións está en función das cousas que fan. Se fan ben as cousas, sobe o prestixio e se o fan mal, baixa. Non ten moita volta. Así, cando no Parlamento Vasco, Josu Ternera accedeu á Comisión de Dereitos Humanos, pois a valoración pública da cámara, resentiuse. Outro exemplo, na ONU, os integrantes do Consello de Dereitos Humanos son, cando menos, variopintos grazas ao reparto territorial por zonas ou continentes, sen ter en conta os réximes políticos de cada país e o seu nivel de respecto dos famosos dereitos humanos. Así, por exemplo,  entre os seus integrantes está un alto cargo de Arabia Saudí (que aplica a pena de morte e ten un Parlamento asesor con 150 mebros designados polo Rei, sen máis), e doutros de países como China, Uganda, Etiopía, Pakistán, etc. que tampouco se distinguen polo seu respecto a eses valores. En fin, que as institucións teñen estas cousas, e as internacionais, máis, porque son, normalmente compoñendas de altos funcionarios. Por iso, moitas veces, os acordos que toman son disparatados. Un que acaba de tomar a Unesco en Estambul l aquela votación do Ateneo de Madrid que seica tivo lugar durante a II República e na que se decidía, democraticamente, a existencia ou non de Deus.  Digo seica, porque non topo fontes directas e só indirectas, e todos concordan en que o resultado foi só por un voto de diferenza. Pero uns din que a favor da existencia e outros da negación. Non me estrañaría que fose unha lenda urbana ou unha broma de café, máis que un referendo serio e organizado.

As bandeiras palestina e israelí
As bandeiras palestina e israelí
E por onde lle deu a UNESCO agora? Pois por algo tan simpático como decidir democraticamente, que os xudeus non tiñan nada que ver co Muro das Lamentacións, ou sexa, co centro de Xerusalem. Dos cincuenta e oito integrantes do Consello  Executivo, 24 votaron a favor da resolución, seis en contra, 26 abstivéronse e dous non foron á reunión. O máis curioso é ese irse deixando levar e a covardía dos estados europeos que non queren indisporse coas importantes potencias democráticas que promoveron o acordo (Palestina, Exipto, Alxeria, Marrocos, Líbano, Omán, Catar e Sudán!) e decidiron absterse. Francia e España, entre outros, neste vergoñento grupo. Os que mantiveron que era unha declaración disparatada foron Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Holanda e Lituania e Estonia.

O presidente israelí -que non é un tipo que me encha o ollo, precisamente- acertou na ocasión cando comparou a cousa a unha hipotética votación sobre se a Muralla tiña que ver con China ou as Pirámides con Exipto. Ou a Catedral de Santiago con Galicia, digo eu.  Menos mal que a directora da UNESCO, a bulgara Irina Bokova, acaba (dia 14) de facer unha declaración contra a resolución que amosa que aínda queda xente con algo de cabeciña na institución. Di nela algo tan revolucionario, como que Xerusalén é a cidade santa das tres relixións, xudea, cristiá e musulmá. En fin. Que medo que o sentido común saia derrotado fronte ás presións e a covardía. Pobre UNESCO, pobre ONU. Valen para pouco. E cada día para menos. Calquera institución na que o voto dun país como Sudán -extremista islámico, en salvaxe guerra interna, coa Sharia máis extrema en vigor- conte o mesmo que o da Gran Bretaña, pois vai mal. Non sei de deus existirá ou non, pero seguro que non o faría en función da votación do Ateneo. E o muro das lamentacións, igual. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta