Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2016 | Actualizada ás 11:25
A cifra de negocios da industria en Galicia creceu un 7% en agosto respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que as entradas de pedidos do sector se reduciron un 12,1%, a maior caída do Estado, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).
A pesar deste incremento da cifra de negocios, de media do que vai de ano a facturación da industria galega acumula unha variación negativa do 0,8%. Pola súa banda, os pedidos suman un crecemento do 5,5%.
A nivel estatal, a cifra de negocios da industria aumentou un 6,6% o pasado mes de agosto respecto ao mesmo mes de 2015, a súa maior alza dende agosto de 2011, mentres que as entradas de pedidos do sector avanzaron un 2,9%.
Co dato de agosto, tanto a facturación da industria como os pedidos regresan a taxas interanuais positivas despois de dous meses consecutivos de retrocesos. A variación interanual de agosto no caso da facturación do sector é 14,8 puntos superior á de xullo (-8,2%), en tanto que a dos pedidos supera en 12,8 puntos o dato do mes anterior (-9,9%).
Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria avanzou un 3,3% o pasado mes de agosto en taxa interanual, cifra 4,8 puntos superior á de xullo, mentres que os pedidos do sector creceron un 0,2%, taxa 4,3 puntos superior á de xullo (-4,1%).
En termos mensuais (agosto sobre xullo) e excluíndo a estacionalidade e o efecto calendario, a facturación da industria subiu un 1,3%, fronte ao retroceso do 3,5% do mesmo mes de 2015 e o descenso do 0,5% de xullo deste ano.
Pola súa banda, as entradas de pedidos progresaron un 0,1% en agosto respecto ao mes anterior, fronte ao repunte mensual do 1,5% que experimentaron en xullo e o recorte do 4,2% dun ano antes.
OS BENS DE EQUIPO ELEVAN as SÚAS VENDAS
Por sectores industriais, só a enerxía recortou as súas vendas en agosto, cun retroceso interanual do 13,6%. En contraste, a facturación incrementouse en bens de equipo (+17,7%), bens de consumo duradeiro (+14,3%), bens de consumo non duradeiro (+9,8%) e bens intermedios (+4,1%).
Os índices obtidos segundo o mercado ao que se factura o produto subiron un 11,6% na zona euro, un 9,9% na zona non euro e un 4,4% no mercado interior.
Por comunidades autónomas, tres delas presentaron descensos interanuais nas vendas industriais e o resto, incrementos. Os maiores repuntes corresponderon a Navarra (+29,3%) e Aragón (+15,6%), e os únicos retrocesos anotáronos Cantabria (-5,8%), Asturias (-3,9%) e Andalucía (-3,7%).
BENS DE CONSUMO DURADEIRO
Os pedidos da industria incrementáronse un 2,9% en agosto en taxa interanual, debido aos avances dos bens de consumo duradeiro (+15,2%), os bens de consumo non duradeiro (+8,9%) e os bens intermedios (+5%). Pola contra, os pedidos retrocederon un 13,6% na enerxía e un 1,4% nos bens de equipo.
Segundo o mercado ao que se factura o produto, os datos do INE mostran un ascenso do 12,1% nos pedidos da zona non euro, do 3,4% no mercado interior e do 0,1% na zona euro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.