O presidente do Parlamento galego aplaude a abstención do PSOE: "Poderemos ter un goberno, que boa falta fai"

Buscará unha "capacidade produtiva lexislativa maior" que a do anterior mandato e promete subir á web da Cámara toda a normativa en galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2016 | Actualizada ás 14:27 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, aplaudiu este luns que a dirección do PSOE apostase pola abstención e esgrimiu que é "unha boa noticia" que se traducirá en que España "por fin poida ter un Goberno". "Que boa falta fai", apostilou.

Nunha entrevista na Radio Galega, Santalices valorou a noticia, antes de constatar que España "leva unha situación de non poder ter goberno dende fai xa moito tempo", o que está a ter unha repercusión importante "a nivel da sociedade" por "moitos asuntos que estaban parados e necesitan que, dalgún xeito, se poñan en marcha".

"O PSOE neste sentido creo que fai un exercicio de responsabilidade que, ante unha situación que estaba abocada claramente a unhas terceiras eleccións e a que se continúe cunha situación de desgoberno, fai un exercicio de responsabilidade", aseverou.

Ao seu entender, isto non significa que o PSOE "quedase ou quede agora máis tocado ou cunha situación de máis intranquilidade como a que tiñan ata fai tres ou catro días".

COMPROMISOS

Santalices tamén explicou que foi o propio líder do PPdeG e presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quen lle pediu que seguise no cargo e ratificou que o fixo "o mesmo venres" do pleno.

Igualmente, avanzou que intentará que a lexislatura sexa de "capacidade produtiva lexislativa maior que a anterior", que cualificou como "moi boa".

Ademais, prometeu subir á web da Cámara toda a normativa en galego.

"Se temos un Parlamento onde temos unha riqueza que é nosa lingua, se nós podemos compendiar todo o que é a normativa en galego, e seriamos o primeiro Parlamento en España que o vai facer, pois creo que sería un aspecto positivo", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta