Francisco Rodríguez recoñece que o BNG contou con “oportunidades mediáticas” nas autonómicas

Destaca a valía da nova voceira nos resultados e suliña que “o nacionalismo existe”, aínda que critica a “españolidade” dos galegos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/10/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O ex dirixente do BNG e ex lider da UPG, Francisco Rodríguez, recoñece nun recente artigo publicado no Terra e Tempo –o voceiro oficial da Unión do Povo Galego-- que o BNG gozou nesta campaña electoral das autonómicas de “oportunidades mediaticas”, grazas a que contou “cunha portavoz adecuada”, en alusión a Ana Pontón.

Francisco Rodríguez Sánchez
Francisco Rodríguez Sánchez

“É verdade que, neste caso, tivemos a sorte de contar coa portavoz adecuada para enfrontar unha situación crítica, que aproveitou moi ben a oportunidade mediática coa que, conforme ás regras de xogo vixentes, contou”, escribiu no artigo “Que nos pasa?”, no que sinala que “o nacionalismo galego existe, tanto como a orfandade de Galiza é manifesta”.

Rodríguez sempre foi moi crítico coa visión que os medios de comunicación deron do BNG. De feito, durante a ruptura desta formación no 2012, que deu lugar a aparición de Anova, Compromiso e outras formacións, Rodríguez criticaba tamén no Terra e Tempo as “caricaturas, prexuízos e manipulacións perfectamente orquestadas por algúns medios de comunicación”, en clara alusión a La Voz de Galicia. Este medio, xunto con outros, tiveron, sen embargo, nesta campaña unha postura completamente diferente co Bloque que é a que, en parte, alude o propio Rodríguez que mesmo chegou a escribir artigos de opinión no xornal de Santiago Rey.

No seu artigo, o ex líder da UPG destaca os resultados do BNG e suliña que a mensaxe nacionalista e a súa voceira “prendeu lume así nunha mecha que conectaba cun sector social proclive a sentir e pensar en clave de país”. “Reavivouse a chama que ardía nos seu peito e na súa cabeza, mobilizándose en porcentaxe relevante a prol da causa da crenza na nosa capacidade como pobo e na necesidade de nos responsabilizar de nós mesmos. Triunfouse contra o desánimo e o derrotismo”, engade.

De feito, para Rodríguez o BNG comeza xa a saír do seu “via crucis electoral” logo de quedar fora do Congreso e do seu espectacular descenso nas pasadas municipais. “O resultado das eleccións autonómicas últimas chafou as profecías, convertidas case en realidade por infumábeis enquisas, da desexada desaparición e feliz ruína do nacionalismo galego. Por fin albiscaban a posibilidade dunha Galiza totalmente anónima, inexistente, absorbida, asimilada, sen o menor perigo, remoto sequera, de molestar a madre España”, apunta.

Críticas á “españolidade” dos galegos

Sen embargo, Rodríguez critica tamén a “españolidade” dos galegos e galegas porque é “esperpéntica” e “deforma e ridiculiza como un produto de imitación, e de renuncia a ser o que somos”. “Mirémonos dentro, e tamén fóra, especialmente na emigración americana, e constataremos  que esas manifestacións de españolidade  van sempre en detrimento e anulación de Galiza. Moitos galegos e galegas pensan que son alguén grazas a España, non por nós, por eles propios. Acabamos  así sendo o país que nunca existiu, o facilmente prescindíbel”, indica.

Con todo, e a pesar diso, destaca que o nacionalismo galego “existe”, “tanto como a orfandade de Galiza é manifesta”. “Traballemos co criterio de que non tivemos só un problema electoral. Pasamos e estamos a pasar pola agudización dun proceso de dependencia, subordinación e asimilación, en todas as ordes. De aí provén a miseria, o caos e a confusión na que seguimos vivindo. Non foi pequeno mérito sobrevivir politicamente. Porén saibamos que necesitamos tanto a lexitimidade electoral como actuar con obxectivos económicos, sociais, políticos, ideolóxicos, culturais, e psicolóxicos mesmo, que favorezan a toma de conciencia do pobo galego sobre si mesmo”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 23 comentarios

3 Comunista

Oportunidades mediáticas, dí. Directamente La Voz fixo campaña polo BnG. De feito, o propio Zarzuelas e outros coroneis están en nómina do Grupo Voz. A quen quere enganar este sipahi?

2 Androide

É difícil imaxinar un título máis contradictorio co texto que encabeza. Non sei se atribuir esta contradicción a falta de profesionalidade ou directamente malicia do autor do redactor.

1 romerales o enquisador

si sobre todo nas enquisas de (0 e 2) a ultima daba soamente 1 escano o bloque DESPOIS FORON 6 , ninguen dimitiu nin nada... foi gran engano de dereitas de coz da malicia...