Sestayo afirma non notar que haxa goberno en Ferrol, "baleiro de contido", e o alcalde evita responder ás súas críticas

Aprobada por 80.000 euros a contratación da iluminación ornamental na campaña de Nadal, un procedemento convulso en anos anteriores

Ferrol | 24/10/2016 | Actualizada ás 19:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A socialista Beatriz Sestayo afirmou non notar que haxa goberno" en Ferrol, onde interpretou que "existe un baleiro de contido" nas escasas comisións que se celebran". O alcalde, Jorge Suárez, de FeC, evitou responder ás críticas da que fose a súa socia de goberno.

Preguntada Sestayo sobre cál é a súa valoración con respecto á situación na cidade departamental tras a súa marcha do bipartito, sinalou que "existe un baleiro de contido nas escasas comisións que se celebran e moitas delas xa nin sequera se convocaron".

A voceiro do grupo municipal socialista instou ao executivo que lidera Suárez a "poñer as pilas", porque, segundo incidiu, "hai moitos asuntos por resolver e esa rotura do goberno de xeito unilateral por parte do alcalde está a traer consecuencias malas" para a cidade".

Malia iso, Sestayo trasladou que "o Partido Socialista vai realizar o papel de intentar axudar naqueles puntos en que exista acordo e arrimará o ombro". "Pero o que non bendiciremos serán cuestións que poidan prexudicar a Ferrol", advertiu.

"TRÁNSFUGA"

Ademais, aproveitou para asegurar que "Ferrol segue contando cun goberno tránsfuga, unha valoración terrible para un goberno de esquerda, con miles de votos socialista depositados nas urnas que a día de hoxe están nun goberno de Ferrol en Común".

Ao mesmo tempo, apuntou que confía "na rectificación das dúas concelleiros tránsfugas e que Jorge Suárez deixe de querer votar con votos que os cidadáns de Ferrol non lle deron".

Beatriz Sestayo tamén dixo que tanto "o traballo do grupo municipal como da executiva local continúan con normalidade" e enviou unha "mensaxe" a algúns dos seus detractores, xa que para ela "non hai que confundir esta cuestión co que persoas que non conseguen nas asembleas queren lograr a través de reprimendas nos medios de comunicación". "Xa que por moito que se berre nestes, non dá os votos nas asembleas", apostilou.

REXEDOR

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol opinou que "non é momento de entrar en partidos de tenis" ao ser cuestionado polas manifestacións pola que foi ata o pasado 27 de setembro o seu primeiro tenente de alcalde.

A preguntas dos medios de comunicación tras a finalización da xunta de goberno, Suárez trasladou que non ten nada que dicir", e proclamou que "hai moito traballo por diante".

Así, o rexedor de Ferrol en común evitou un novo cruzamento de manifestacións entre os que foron socios de executivo durante algo máis de 15 meses na cidade naval.

Ademais, Suárez adiantou que no pleno ordinario de fin de mes, previsto para as 19,00 horas do próximo 27 de outubro, "darase conta dos cambios nas comisións de cultura, que pasará a estar presidida por Suso Basterrechea e Benestar Social, por Sainz Ruiz".

"O resto de cambios, en canto á composición de comisións e representante do Concello en órganos externos será levado ao pleno de novembro, ademais dos dereitos das concelleiras non adscritas, xa que estamos pendentes dun informe da secretaria xeral", expuxo.

Suárez xustificou esta medida "para poder abrir unha vía de diálogo con todos os grupos, sen exclusión de ningún, para poder traballar co que se predica, que é traballar con altura de miras e tratar de chegar aos maiores e mellores acordos posibles".

CONTRATACIÓN

O alcalde de Ferrol tamén aproveitou a súa comparecencia para dar traslado de algunha das decisións tomadas na xunta, que aprobou "a contratación, por todo o seu importe, da iluminación ornamental na campaña de Nadal, cun presuposto de 80.000 euros,", que vai simplificar o trato e a relación cos comerciantes dun procedemento convulso en anos anteriores e que será asumido integramente polo Concello de Ferrol".

Tamén se aprobou a contratación e licitación da construción de 240 novos nichos no Cemiterio Municipal de Catabois, para "poder dar resposta á falta de sepulturas e onde sería necesario dar solución e regularizar nos próximos anos este lugar, para optimizar o espazo".

Nesta reunión semanal do goberno de Ferrol tamén se deu luz verde á contratación á compañía Mapfre dun seguro de responsabilidade civil "para poder responder ante os accidentes sucedidos nas rúas". "Confiamos en que cada vez sexan menos e que cobre todos os danos persoais e materiais que se ocasionen", sinalou Jorge Suárez.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta