Sestayo cre que a decisión de absterse debe abrirse a toda a militancia e Silva celebra que "renaceu un PSOE serio"

A viguesa rexeita "dar voz aos militantes só cando interesa" e declárase "farta" do "discurso reduccionista" dos do non

Ferrol | 24/10/2016 | Actualizada ás 19:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A secretaria local do PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, unha das dúas integrantes galegas do Comité Federal que votaron en contra de favorecer a investidura de Mariano Rajoy, opinou este luns que a decisión debería abrirse ao conxunto da militancia. En fronte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que apoiou a abstención en Madrid, celebrou que o domingo "renaceu un PSOE serio e rigoroso, o partido que necesita España".

En rolda de prensa, a ferrolana xustificou o seu posicionamento en "sentir maioritario" da asemblea da súa cidade, así como no seu propio. E, se ben asegurou que acata "as decisións das maiorías" nun partido "democrático" como o seu, abundou en que a decisión debería ser sometida a votación de todos os afiliados.

En canto á postura aprobada, sinalou que "toca confiar" no criterio do máximo órgano do PSOE entre congresos. "Esperemos que teñan razón e que fosemos os do non os equivocados", desexou, antes de apuntar que se trata "dunha decisión enormemente transcendente" tomada nun contexto "moi difícil". Dito isto, remarcou que se chegou a este escenario porque, cando se puido investir un socialista, "Podemos votou non xunto con Mariano Rajoy".

Finalmente, Sestayo aproveitou a súa comparecencia ante os medios de comunicación para abordar a situación do PSdeG e urxir que "se poña fin á temporalidade do partido". "Son partidaria de que a militancia se pronuncie en todo os ámbitos, tamén no ámbito galego, e xa toca que Galicia teña unha estabilidade", sentenciou.

POSICIÓNS "REDUCCIONISTAS"

Pola súa banda, Carmela Silva, nunha entrevista concedida á Radio Galega, puxo en valor que "se debateron as distintas posicións" no Comité Federal e tomou unha decisión votando".

Tras xustificar a determinación tomada en que o país atravesa "unha situación de excepcionalidad", rexeitou someter a decisión á consideración das bases: "Non se pode dar voz aos militantes só cando interesa", esgrimiu, segundo un comunicado difundido pola propia radio pública.

Tamén se sacudiu as críticas dos que avogaba por o non a unha reedición do goberno de Mariano Rajoy ao mostrarse "farta" dos "discursos reduccionistas". "Hai que ser responsables e o PSOE ten que ser un partido serio: a cidadanía falou nas urnas e díxolle ao PSOE que debe estar na oposición", resolveu.

Iso si, máis alá da investidura, descartou que o seu partido chegue a acordos co PP, xa que "non hai nada que acordar" cunha formación que é "antagónica".

"XENTE SERIA"

Así mesmo, a presidenta da Deputación de Pontevedra abordou a situación da súa organización política en Galicia para pedir unha vez máis "responsabilidades" aos que, segundo ela, "romperon o partido", en alusión á presidenta da xestora, Pilar Cancela.

Outro nome que citou é o de Gonzalo Caballero, o sobriño e rival político do alcalde de Vigo, para situalo no grupo de "xente que resta" dentro do PSdeG.

E, aínda que apuntou que o rexedor non debe ser quen encabece a nova etapa do partido en Galicia, si reivindicou a "xente seria" como -enumerou- "Abel Caballero, Pepe Blanco, Mar Barcón e Méndez Romeu". "Xente que, cando goberna, cambia a sociedade", enxalzou Carmela Silva.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta