Cen anos do ‘Titanic’ de Sálvora

O buque 'Santa Isabel' foi entregado o 26 de outubro de 1916. Catro anos e dous meses despois, afundíase en Galicia deixando 213 mortos; só sobreviviron 56 persoas. Agora, Sálvora recorda aquela traxedia cunha homenaxe aos náufragos no centenario deste vapor.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/10/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Tal día como hoxe, hai cen anos, era entregado o Santa Isabel, máis coñecido como o Titanic galego ou Titanic de Sálvora, protagonista da maior traxedia naval na historia de Galicia. No seu afundimento na bocana da ría de Arousa, na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, morreron 213 persoas, entre pasaxeiros e tripulantes; só sobreviviron 56 persoas. Co gallo do centenario da súa estrea, a illa de Sálvora acolle este xoves unha homenaxe aos náufragos deste vapor correo da man dous futuros guías acreditados do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Á esquerda, imaxe da zona exacta, marcada cunha X, na que tivo lugar o naufraxio do 'Santa Isabel' fronte a Sálvora. Á dereita, o buque de vapor
Á esquerda, imaxe da zona exacta, marcada cunha X, na que tivo lugar o naufraxio do 'Santa Isabel' fronte a Sálvora. Á dereita, o buque de vapor | Fonte: X.M.F.P.

O  buque foi construído para o transporte tanto de carga como de pasaxeiros, a maioría deles, emigrantes que viaxaban en terceira clase.

A idea de construír o Santa Isabel xurdiu en 1914, en pleno apoxeo da emigración europea e española a América, principalmente de galegos. Os construtores planearon crear dous buques xemelgos, o Santa Isabel e o San Carlos, destinados ao transporte tanto de carga como de pasaxeiros, a maioría deles, de terceira clase, é dicir, emigrantes humildes que ían á procura dun futuro mellor no continente americano.

O Santa Isabel non foi contruído en Galicia, senón nos estaleiros de Matagorda, na provincia de Cádiz. Foi o primeiro buque de pasaxeiros que a compañía Sociedade Española de Construción Naval encargou a estaleiros andaluces. A idea era construír un barco con capacidade para uns 400 pasaxeiros e 80 tripulantes. No deseño se contemplou poder adaptar parte dos camarotes de terceira para o transporte de carga. Pero como en todo gran buque, tamén se habilitaron espazos de luxo e confort, cunhas poucas prazas de primeira clase, un salón de música e un elegante comedor, e electricidade en todos os camarotes. Ademais, deseñáronse medidas de seguridade, como un servizo de radiotelegrafía, e se lle acoplaron numerosos botes salvavidas, suficientes para toda a pasaxe, logo da traxedia do Titanic, acontecida entre o 14 e 15 de abril de 1912, a cal deixara un fondo impacto na industria e servizos navais da época.

O buque quedou definitivamente listo o 21 de outubro de 1916. Tiña 1.181 toneladas de rexistro bruto, medía 88,85 metros de eslora, 12,9 de manga e 5,95 de puntal, e usaba un sistema de propulsión con dúas turbinas a vapor Parson-SECN, engrenadas a dous eixos con hélices de 4 palas de 1430 CV cada unha. Contaba con catro caldeiras escocesas con tres fornos cada unha que consumían carbón e podía alcanzar unha velocidade máxima de 12,5 nudos, sendo a de servizo de 9 nudos. Ía ademais dotado de velas para aforrar combustible. Tiña, en total, 40 liteiras para pasaxeiros de primeira clase, 16 para os de segunda e 400 para os de terceira. O buque estaba valorado nuns seis millóns de pesetas da época.

Interior do buque 'Santa Isabel', que naufragou o 2 de xaneiro de 1921 fronte a Sálvora
Interior do buque 'Santa Isabel', que naufragou o 2 de xaneiro de 1921 fronte a Sálvora | Fonte: Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O barco tiña 88,85 metros de eslora e contaba con 40 liteiras de primeira clase, 16 de segunda e 400 de terceira, ademais dun salón de música e un elegante comedor.

Cinco días despois —o 26 de outubro—, mentres Europa se desangraba nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial, o Santa Isabel foi entregado á navieira propietaria do buque. Pero a súa estrea xa foi un mal augurio: na súa travesía inaugural, entre Cádiz e Barcelona, unha das turbinas sufriu unha avaría e o barco tivo que atracar no porto de Valencia, dende onde os pasaxeiros e a carga foron trasladados a Barcelona en tren. Logo chegaron máis viaxes regulares entre Cádiz e Bilbao, alternando a ruta coa de Cádiz e a illa de Fernando Poo —na actual Guinea Ecuatorial— vía as Canarias, e outras travesías a Barcelona.

A sua principal función era recoller ao longo da costa española a centos de homes e mulleres que pretendían emigrar a América e levalos até Cádiz para logo embarcar en buques de maior capacidade, como o Reina Vitoria ou o Alfonso XIII.

ÚLTIMA TRAVESÍA

A última viaxe do Santa Isabel comezou o 20 de decembro de 1920, partindo dende o porto de Cádiz rumbo ao norte. O buque parou primeiro en Vigo e logo continuiuou ate o porto guipuscoano de Pasaxes, atracando posteriormente en Bilbao, Santander e finalmente na Coruña, onde chegou na madrugada do 1 de xaneiro de 1921. Alí, fíxose un censo de todos os pasaxeiros, cumprindo as normas do Instituto Xeográfico e Catastral, un documento que foi de enorme valía para a posterior identificación dos falecidos, desaparecidos e superviventes no naufraxio. Cóntase, ademais, que os pasaxeiros recibiron alí o ano novo cunha misa oficiada polo reverendo Antonio Pescador Saberón, unha das vítimas no naufraxio.

O Santa Isabel partiu do porto da Coruña á unha da tarde do 1 de xaneiro de 1921. O seu seguinte destno era Villagarcía de Arousa, onde agardaban embarcar 37 pasaxeiros máis, antes de chegar a Vigo, onde lles esperaban outras 217 persoas, antes de volver a Cádiz, dende onde partirían definitivamente cara América do Sur. Durante a travesía, arredor das dez da noite, o buque foi sacudido por un forte temporal. Os refachos de vento e as ondas do mar golpeaban unha e outra vez o barco. Pasada a medianoite, os faros de Ons e Corrubedo sinalaron a cercanía da illa de Sálvora. A intención do capitán, Esteban García Muñiz, era bordeala pola cara sur e fondear na ría de Arousa. Pero o Santa Isabel quedou practicamente á deriva e, sen capacidade de manobra, arredor das 0.1.50 horas deu cunhas rochas, que resquebraxaron os baixos da quilla. A forza das ondas e do vento fixeron o resto para que o buque comezase a afundirse fronte a Sálvora, cunha forte inclinación cara a estribor, deixando inutilizados a metade dos botes salvavidas dispostos.

O capitán deu a orde de abandonar o barco nos botes salvavidas que aínda quedaban útiles, mentres a luz eléctrica que iluminaba o barco se apagaba, aumentando aínda máis o pánico entre os pasaxeiros e a tripulación. Pouco antes, o telegrafista Ángel González Campos puido enviar esta mensaxe: "Estamos enriba das rochas de Sálv-". Foi todo o que puido comunicar antes de cortarse a electricidade.

No naufraxio morreron tamén moitas persoas que conseguiron subirse aos botes salvavidas que aínda se podían usar. A forza das ondas levou a moitos contra as rochas.

Catro mozas de Ribeira axudaron a rescatar a algúns dos náufragos, arriscando as súas vidas, acto polo que foron condecoradas.

O Santa Isabel partiuse en dúas pezas, lanzando ao mar a maior parte de cantos quedaban alí, cuxos corpos acabaron esmagados contra as rochas. Só sobreviviron 56 persoas —entre elas, o capitán— e 213 morreron no naufraxio, algunhas das cales os seus corpos nunca foron atopados.

Parte dos superviventes foron rescatados por veciños da zona, como foi o caso de catro mulleres: Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro, María Fernández Oujo e Cipriana Crujeiras. As tres primeiras —de entre 14 e 25 nos de idade— subíronse a unha dorna sen medir o perigo para as súas vidas e, tras remar cinco millas, lograron rescatar aos tripulantes do bote salvavidas número oito, mentres a última, Cipriana, atendía aos náufragos en terra. A bravura destas mulleres foilles recoñecida coa Medalla de Salvamento e outros recoñecementos, e o rei Alfonso XII concedeulle á localidade de Ribeira o título de 'Muy noble, muy leal y muy hospitalaria'. Na illa, catro hórreos levan os nomes das que pasaron á historia como as Heroínas de Sálvora.

O propio capitán do barco relatou un dos momentos vividos durante o naufraxio con estas palabras que expresan a intensidade do drama vivido:

"Acurrunchada nun recuncho da cuberta, unha nai tentaba amparar e cubrir co seu corpo a cinco infelices criaturas. Durante un tempo, as ondas, furiosas e xigantes, parecían respectar aquel cadro de tenrura e amor. Cambiou o vento, e o mar abalanzouse sobre as inocentes vítimas. Foi un momento de angustia sen igual ver como cada onda ía arrincando un fillo dos brazos daquela nai, a quen afogaba a dor. Co último dos fillos, ao que abrazou desesperadamente, levou o mar a figura máis fermosa de nai que contemplei na miña vida".

O naufraxio do Santa Isabel deu pé a moita literatura xornalística, pero é talvez o libro Sálvora. Memoria dun naufraxio, de Xosé María Fernández Pazos, a obra fundamental para coñecer a historia do Titanic de Sálvora.

As heroínas de Sálvora: Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo.
As heroínas de Sálvora: Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xosé Fernández Pazos

Unha aclaración, nunca se lle concedeu a localidade o título mencionado de"Moi nobre, leal e humanitaria". Foi unha proposta da prensa da época pero non foi mais aló. XMFP

1 Luchi

Ven de lonxe a cousa, astaleiros e carga de traballo pra o chapuceiros de Cadí. Comercio trasatlántico en exclusiva para Sevilla. Saída de grandes buques dende Cadíz, a pesares da maior emigración galega. Seguramente se os vapores sairan dende Galiza, e non recollendo e deixando a xente coma un barco correo, a desgracia non acontecería. A nova, con tantas vitimas, non moi espallada nin lembrada, xa imaxinamos o por que...