Villares formula que En Marea lle "compense" as rendas salariais que deixou de percibir dende que foi elixido candidato

A coordinadora estudará a súa petición dun chofer e un secretario no marco dunha proposta global de 'staff' de persoal do grupo

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2016 | Actualizada ás 18:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A coordinadora provisional de En Marea ten sobre a mesa dende o pasado venres un escrito do seu voceiro no Parlamento, Luís Villares, no que solicita a contratación de persoal de apoio -un chofer e un secretario-, así como que estude "unha compensación das rendas salariais" que deixou de percibir dende o momento no que foi escollido candidato do partido instrumental á Xunta en primarias -dez días despois de presentar a súa excedencia como maxistrado-.

Nesa solicitude que entregou en papel, á que tivo acceso Europa Press, Villares reivindica que, dende as eleccións do 25 de setembro, como candidato de En Marea e voceiro da formación tivo que afrontar "unha serie de responsabilidades derivadas do cargo" que, ademais dos "desembolsos" que lle supuxeron, determinaron "unha dedicación de especial intensidade" que puxeron de manifesto "unha serie de carencias" para desenvolver o seu labor.

O dirixente de En Marea relata os medios técnicos e humanos cos que contou durante a campaña e fai constar que non percibe "emolumentos de ningún tipo" dende o 4 de agosto, data na que presentou a súa baixa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para presentar a súa candidatura ás primarias.

Pasado o 25-S e dado que os medios postos á súa disposición estaban financiados con cargo á campaña (chofer, vehículo e quilometraxe, axudas de custo, secretaría persoal e responsable de prensa), Villares explica que practicamente todos lle foron retirados, ao finalizar ese período, a excepción da persoa encargada de comunicación, polo que se ve obrigado a usar medios propios, como, por exemplo, o coche.

Entre os seus argumentos, apunta que a atención ás súas obrigas tanto de organización coma co grupo parlamentario lle ocupa todo o seu tempo, sen poder "delegar en terceiros parte do traballo", o que lle impide "cumprir con máis eficacia outras funcións inherentes" ao seu compromiso con En Marea como "a propia reflexión política para a xeración do discurso", ademais de "planificar mellor" o seu tempo.

Neste contexto, dirixiuse á coordinadora provisional de En Marea, á que solicita que autorice a contratación dun chofer para a realización dos seus desprazamentos; un secretario persoal para a asistencia de axenda e compromisos de carácter político, vinculados á organización; e a asunción dos gastos de quilometraxe non cubertos na súa función como parlamentario.

Así mesmo, pide que se estude "unha compensación" das "rendas salariais" que deixou de percibir dende o momento en que foi escollido como candidato en primarias, "coas obrigas que, para o futuro, se deriven" para el da Carta Financeira.

UNHA CASO PARTICULAR

Luís Villares trasladou a carta á coordinadora de En Marea na reunión que esta mantivo o pasado venres. Fontes do seu ámbito consultadas por Europa Press incidiron en que o feito de que o grupo e o voceiro conten cuns medios persoais axeitados facilitaría o desenvolvemento do traballo político "por parte de todos".

Tamén subliñaron que o seu caso é particular no que respecta aos emolumentos, toda vez que, a diferencia doutros dirixentes, o seu posto de traballo non é compatible coa actividade política e tivo que renunciar como maxistrado do TSXG para poder presentarse ás primarias.

En todo caso, á marxe dos medios persoais, as mesmas fontes apuntan que a parte da compensación se formula como unha posibilidade a estudar e engaden que se fixo por escrito en aras da "transparencia" e de facer constar os argumentos.

Ademais, con ese mesmo trasfondo, abandonou a reunión tras formular as súas peticións por escrito, o que faría co obxectivo de non condicionar o debate.

PROPOSTA GLOBAL DE PERSOAL

Fontes da coordinadora provisional trasladaron, por outra parte, a Europa Press, que as cuestións relativas aos medios persoais que demanda Villares -un chofer e un secretario- serán sometidas a estudio.

A previsión é que a devandita análise se realice no marco dunha proposta global para o 'staff' de asesores que terá En Marea na Cámara autonómica e que se ultimará nos próximos días, para poder engraxar a maquinaria parlamentaria no prazo máis breve posible.

No grupo parlamentario tamén está pendente de designarse a persoa que se encargará da coordinación. Segundo os documentos aprobados na asemblea constituínte de En Marea do pasado mes de xullo, este papel corresponderíalle ao cabeza de lista no caso de que non se formase goberno --como é a situación actual--, pero tamén está a debate se este labor a desempeñará unha persoa allea aos deputados, como acontece na agrupación parlamentaria do Congreso.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xoc

Chofer, secretario, cartos por adiantado... Peticións propias do PPSOE. Menuda desilusión En Marea. Vaia maneira de dilapidar a confianza dos galegos

1 xustiza social ben entendida

Carallo co democrático vencedor das primarias. Seica o Freira non lle vale. E alguén que o abanique non pidiu?