O Constitucional suspende dous artigos e parte doutro da Lei de acompañamento da Xunta

A Xunta reivindica que aos preceptos aprobados pretenden "defender os intereses dos consumidores e empresas de Galicia"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2016 | Actualizada ás 20:08 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O pleno do Tribunal Constitucional (TC) admitiu a trámite o recurso de inconstitucionalidade promovido polo presidente do Goberno contra dous artigos e parte doutro da Lei 13/2015 de medidas fiscais e administrativas, é dicir, a coñecida como Lei de acompañamento -que está agora en vigor-. Tamén adoptou esta mesma medida para a lei de acompañamento da Comunidade de Madrid.

Isto tradúcese en que quedan suspendidas a vixencia e aplicación dos preceptos impugnados na demanda, decisión que é consecuencia da aplicación do artigo 162 da Constitución. A Carta Magna outorga ao Goberno central a capacidade de impugnar as resolucións adoptadas polos órganos das comunidades autónomas e que estas, en consecuencia, produzan a suspensión (que deberá ser ratificada ou levantada nun prazo non superior a cinco meses).

Concretamente, as medidas afectadas pola resolución do Tribunal Constitucional -que acordou trasladalo ao Parlamento de Galicia e á Xunta- se refiren ao parágrafo segundo do artigo 32, en relación ás solicitudes de potencia eléctrica dos operadores económicos en chans industriais; e aos artigos completos 33 e 34 desta mesma lei, sobre cobramentos indebidos por substitución de equipos de medida e obriga de facturación con base en consumo real, respectivamente.

No parágrafo segundo do 32 recóllese que "non procederá o cobramento de dereitos de extensión aos operadores económicos adquirentes o chan urbanizado pola potencia que xa sufragou o promotor do polígono industrial".

O que se establece por parte da Xunta, segundo explicou a institución autonómica a Europa Press, é que se "fixe un mínimo que garanta as necesidades dos promotores".

CONSUMOS REAIS

O artigo 33 di que "non poderán incluirse na factura cobramentos por equipos de medida con capacidade para a telemedir e a telexestión, nin en concepto de aluguer nin de compra, ata que o equipo estea efectivamente integrado no correspondente sistema e plenamente operativo. Ata ese momento, solo procederá o cobramento que correspondería en relación co equipo de medida que previamente instalase".

Ao respecto deste artigo, nunha explicación ofrecida pola Consellería de Industria a Europa Press, a Xunta explica que, do que se trata con este artigo, é que "non se cobren os prezos dos contadores intelixentes cando non ofrecen aos consumidores as prestacións, ao non estar integrado no sistema".

En canto ao número 34, no que se obriga á facturación baseándose en lecturas reais e non sobre estimacións, a Consellería de Industria explicou que a Xunta buscaba "garantir que se facture" sobre o consumo dos usuarios, "salvo acordo expreso e de natureza contractual das partes".

As partes afectadas teñen de prazo 15 días para comparecer no proceso e formular as alegacións que se consideren convenientes. A admisión a trámite e suspensión preventiva, en todo caso, non prexulga o pronunciamento sobre o recurso, resolución á que agora estará á "espera" de coñecer o Tribunal Constitucional.

DEFENSA DOS CONSUMIDORES

Nas explicacións remitidas a Europa Press, a Consellería de Industria indicou que, coa normativa aprobada, "o que está a facer a Xunta é defender os intereses dos consumidores e empresas de Galicia para garantir os seus dereitos e que teñan acceso a un prezo enerxético xusto".

Por iso introducíronse na lei de medidas fiscais "distintas modificacións normativas" no ámbito enerxético que "buscan a defensa dos consumidores e o impulso da competitividade empresarial", que son as antes referidas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta