O xulgado de Cambados estudará este mércores o caso dos alugueres no que está imputado Louzán

O xuíz terá que decidir se abre o xuízo oral, se arquiva o caso ou continúa coa investigación para que as defensas acheguen máis probas

Santiago de Compostela | 25/10/2016 | Actualizada ás 20:23 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de instrución número 2 de Cambados (Pontevedra) citou para este mércores ás partes implicadas en relación á querela que presentou o fiscal Augusto Santaló por un suposto delito de suborno continuado contra o expresidente do PP provincial e da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e outro impropio contra o exdeputado provincial e concelleiro de Pazos de Borbén, Severino Reguera.

O xuíz terá que decidir se abre o xuízo oral con tribunal popular previsto neste tipo de procesos penais, se arquiva o caso, ou ben se continúa coa investigación para que as defensas poidan achegar máis probas.

Na vista previa convocada, as defensas exporán as súas alegacións. A Fiscalía insistirá na súa tese sobre a existencia dun delito de suborno supostamente cometido por Louzán e a súa esposa ao alugar os locais ao grupo Bruno Pan S.L. do deputado provincial, a un prezo moi superior ao do mercado.

A Fiscalía pide para o actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, unha pena dun ano de prisión, ademais da suspensión de emprego e cargo público durante dous anos e tres meses. Tamén solicita o comiso dos tres locais comerciais dos que é copropietario.

O escrito de acusación do Ministerio Público diríxese tamén contra a esposa de Louzán, Teresa C.F., a quen considera cooperadora necesaria para que o seu marido cometese o suborno pasivo, e pide que sexa condenada a nove meses de prisión e 14 meses de suspensión de emprego e cargo público.

Para o terceiro procesado no caso, Severino Reguera Varela, o fiscal pide que sexa condenado a un ano de prisión como autor dun delito continuado de suborno impropio que supostamente cometeu sendo deputado.

Os feitos dos que lle acusa teñen a súa orixe no ano 2008, cando Louzán e Teresa C.F. reservaron cinco locais na rúa Teixugueiras de Vigo e finalmente compraron tres por 460.122,5 euros e cederon a compra dos outros dous a Severino Reguera e a súa esposa. Para realizar a entrega inicial de diñeiro á empresa que lles vendeu os baixos, Severino Reguera prestoulles 103.748,42 euros.

Tras a compra, Teresa C.F. asinou un contrato privado coa empresa Bruno Pan, da que é administrador Severino Reguera e que ten a sede en Ribadumia, para alugarlle os seus tres locais. O contrato asinouse en 2008 por unha duración de dez anos prorrogable e por un prezo de 3.584 euros e, segundo os datos da investigación da Fiscalía, agás no ano 2008, no demais anos o prezo percibido polo arrendamento superou a amortización das cotas hipotecarias.

LOCAL ÚNICO

Unha vez alugados os locais, Severino Reguera uniunos cos seus, pasando a ser un local único. O fiscal conclúe que "o propósito inicial dos compradores era formar un único local, creando unha especie de sociedade encuberta entre eles".

Segundo o escrito de acusación, a empresa Bruno Pan tivo perdas significativas nos anos 2011 e 2012 e, malia todo, mantivo o prezo do aluguer, contrastando coa rebaixa de alugueres que se produciron froito da crise.

Ao respecto, un informe da Garda Civil concluíu que nesa zona os prezos medios do aluguer se sitúan entre 6 e 12 euros o metro cadrado, pero os baixos de Louzán e cores alugáronse por prezos que foron incrementándonse de 15,7 a 16,4 euros o metro cadrado.

En total, entre 2008 e 2013 Bruno Pan pagoulles 89.026,74 euros máis do prezo nesa zona de Vigo, o que o fiscal cre que é "un premio inxustificado" ao matrimonio.

"TRATO DE FAVOR"

Á vista de todos estes feitos, o fiscal, Augusto Santaló, conclúe que Louzán e a súa esposa compraron os baixos sabendo dende o principio que o prezo de compra e a hipoteca ían ser pagados pola empresa dunha persoa que tamén exercía por aquel entón un cargo político na Deputación e no PP e a proxección económica da cal depende de Louzán.

Na súa opinión, trátase dun "trato de favor" de Severino Reguera a quen entón era presidente da Deputación e do seu partido froito dunha operación de compra inmobiliaria que "se"planeou entre os señores Reguera e Louzán e a súa esposa".

OUTRA INVESTIGACIÓN

Ademais, o fiscal achega no seu escrito información sobre unha nova investigación xudicial na que estaría involucrado Louzán.

Segundo sostén, as súas relacións con Regueira alcanzan a máis actividades e conexións que as relacionadas con Bruno Pan e os locais de Navia, entre elas, a adxudicación a unha empresa da prima de Regueira de tres obras da Deputación Provincial, unha das cales está sendo investigada no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta