Jorge Mira: “É irrelevante cambiar o fuso horario”

O físico da USC repite unha e outra vez, con argumentos científicos, que non ten sentido cambiar o fuso horario. “Sobran os eslogans curtos e fai falla moita discusión científica”, di ao criticar que os partidos políticos teñan incorporado nos seus programas os idearios de “grupos de presión”. Destaca nesta entrevista que un cambio de hora levaría aparellado “moitos inconvenientes”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O debate público sobre o fuso horario español deu un salto cualitativo recentemente, ao saltar ao escenario da discusión política e mesmo ser incorporado no programa dalgúns partidos. Por iso, o Consello da Cultura Galega organizou este mércores unha xornada, coordinada polo físico e divulgador científico da Universidade de Santiago Jorge Mira, na que se abordou esta cuestión.

O científico Jorge Mira
O científico Jorge Mira | Fonte: Pazo da cultura de Pontevedra- pájaros en mi cabeza

Utilizo o título das xornadas para facerche a primeira pregunta. É o noso fuso horario un problema?
Baixo meu punto de vista non é ningún problema, máis ben todo o contrario.

Por que?
Porque é unha convención que temos para organizar os nosos horarios, a nosa vida. Pero os nosos horarios están organizados segundo o fuso no que vivimos. Trátase de poñer un inicio e un final a unha actividade, porque o importante é desde que empezas o día ata que acabas... Se botaches catro, oito ou dez horas traballando. Permite ubicarnos ao longo do día.

Pero este problema non é de agora. Por que se fala agora máis del?
Porque os partidos políticos compraron o discurso de certos grupos de presión. Comezou Ciudadanos, e logo xa o levou o PSOE e, agora, tamén o PP e eu penso que de maneira cega. Sobran os eslogans curtos e fai falla moita discusión científica. Na subcomisión do Congreso que ía destinada a buscar racionalización de horas nas empresas resulta que non había científicos puros. Só xente de empresas, de socioloxía, mulleres rurais, pero non os científicos puros.

E os científicos puros coincidides no mesmo?
Si, todos os que coincidimos nas xornadas do Consello da Cultura coincidimos. Logo, a xente do mundo empresarial pois ten outros intereses.

Como científico, que desvantaxes lle ves a cambiar a hora?
Pois que nos levaría aos españois á mesma situación que estamos agora, pero cunha desorde importante. Para quedar na mesma situación que estamos agora, pois quedemos como estamos.  Esa transición levaría custes e incomodidades. Trataríase dunha viaxe sen moito sentido, porque acabariamos na mesma situación que agora, só que adaptados ao novo fuso.

E hai algunha vantaxe?
Ningunha.

E como é iso de que Portugal ten fuso horario diferente?
Pois porque se adaptou ao seu fuso horario logo da II Guerra Mundial. Cando se entrou na vida moderna, nun mundo escravizado polas horas, pois a xente se acoplou ao seu sistema horario. Se os portugueses tivesen hai 70 anos o mesmo fuso horario que nós pois estarían igual que nós, e se nós tivésemos o deles, pois estariamos coma eles. O que nós adaptamos é a hora, porque o sol sae e se pon sempre á mesma hora en función das estacións. Son as sociedades e os países os que se adaptan. Acabamos sempre adaptados aos valores do reloxo.

E iso de que Franco cambio o fuso para adaptalo á Alemania nazi?
Iso é unha gran falacia. Foi a II República quen o fixo primeiro por unha cuestión de economía de guerra. Había problema de sincronización con certas potencias occidentais. Cando Alemaña conquistou Francia e o resto de Europa, unificou os horarios. Logo, coa guerra rematada, Charles de Gaulle non quixo cambiar. Outros, como Reino Unido, si cambiaron. E Franco tamén preferiu ese fuso horario. Dese xeito, España ten sincronizado o seu amencer co de millóns de europeos.

O Parlamento de Baleares acaba de aprobar que non se cambie a hora e poñen como exemplo a diferencia de luz solar con Galicia...
O dos baleares é xusto ao revés. Eles din que teñamos unha hora máis, en contra dos que piden unha hora menos. Isto indica que a sociedade española está acostumada xa. Imaxínate que o cambiar o fuso o sol se poría unha hora antes. Teríamos máis noite. Que habería que facer entón?, pois adiantar a hora de saída do traballo. E, co tempo, acabaría igual que agora.  Se antes saías ás oito e atrasas o fuso e o sol ponse ás sete e saes de traballar as sete, é como se saíras ás oito co fuso actual. A situación é idéntica. Por iso é irrelevante cambiar o fuso.

E por que te opós?
Porque aínda que se pode facer de un día para outro a través do BOE, a súa adaptación tardaría anos.

E ves posible que se cambie a hora?
Eu témome que si, unha vez que entramos nesta tolemia e tendo en conta que falta información. Como vivimos na sociedade do titular fácil, aínda que sexa mentira, xa hai unha gran bola de neve e teño medo de que sexa tarde, porque os grupos de presión que comezaron con isto xa se fixeron fortes. Agora a bola de neve é tan grande que é difícil de parala.

Cando falas de grupos de presión, a quen te refires?
Pois a Arhoe, a Comisión Nacional para a Racionalización de los Horarios, que é o máis importante. Este comezou a mobilizarse hai moito tempo e fixeron tan ben a súa labor que hoxe en día os medios están inconscientemente adaptándose ao seu discurso. E a clase xornalística non o cuestiona. Din, por exemplo, que en España anoitece tarde e eu demostrei que anoitecemos á mesma hora que outros puntos de Europa.

E como fan para ter tanta forza?
Mobilizáronse ben e a través de Ciudadanos, e meteron a cuña. Teñen firmas, diapositivas bonitas e o seu discurso é facilón e entra ben.

Falas de Ciudanos, pero o BNG xa pide o cambio de fuso horario desde hai tempo...
Pero iso ten que ver máis con cuestións políticas e cun ideario. O BNG intenta poñer unha raia divisoria entre Galicia e o Estado e méteo en clave nacionalista. Galicia podería estar no fuso horario de Portugal, e tamén España. Non digo que un fuso horario sexa peor que outro. O malo é querer trasladar un fuso a outro. Iso de Greenwich é un ordenamento no mapa que puxeron como referente. Eles están nese e nós noutro. O problema é o cambio dun fuso a outro.

E entón o de cambiar a hora dúas veces ao ano, ten sentido?
Non ten que ver unha cousa coa outra. Iso está nunha directiva europea de obrigado cumprimento e débese a que o eixo de rotación da terra está inclinado 23,5º con respecto ao plano da órbita e isto fai que a exposición da Terra ao Sol cambie moito ao longo do ano. O 21 de setembro a diferencia entre horas de día e noite en Galicia é 0, pero tres meses despois é de 6,45 minutos e tres meses despois volve cambiar noutra cantidade igual. Por iso se compensa movendo unha hora para arriba e para abaixo. E isto é máis acusado canto máis ao norte estás. En Suecia son 13 horas de diferencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

17 Paco Delgado

Non lle vexo Moitas razóns científicas no que explica. Non fala da produción de hormonas reguladas cos ciclos circadianos e a luz solar que son modificados polos horarios, sobre todo, da televisión. A teoría da evolución di que os organismos variaron en miles de años ata os organismos actuais adaptàndose a luz do día e a escuridade da noite, mentres nos ùltimos decenios o home olvido o ciclo solar coa difusión da luz eléctrica.

16 Efixio

Non entendo destas cousas. Pero iso de que no vrao as 10 da noite aínda senha de día, a mín, que queres que che diga, paréceme antinatural. Ou que no inverno as 6 da tarde xa senha de noite, tamén digo o mesmo, que queres que che diga...A xente que somos maiores sospeitamos, con certa claridade, que esto só serve para encher páxinas de xornais. Pero non hai nenguha publicación científica de calidade que diga que cambiar o horario con respecto ó sol, é unha boa medida. Sí que sei que hai xente que di que é científica e que avalia os seus dados con "literatura" e non con dados científicos onde o ser humano e os demais animais do planeta senhan os verdadeiros protagonistas dos fusos horarios. E outra cousa. Non é o BNG quen está con ista polémica. Ista polémica segue a ser polémica mentres non haxa un verdadeiro estudo CIENTÍFICO onde os animais que povoamos o planeta senhamos os protagonistas.

1 Efixio

horario con respecto ó sol, é unha "mala" medida. Quixen ponher isto. Perdón.

15 Cachozo

Non se trata de cambiar nada. Simplemente en primavera non se adianta e non pasará nada e non se poñerá patas arriba ningunha cousa. Simplemente se a UE di que xa non se cambia máis ninguén destes críticos abriría a boca. Penoso. O razoamento sobre o BNG non é física precisamente. Un pode ter un gran coeficiente intelectual e ser un patán.

14 Turple

Jorge, eres unha persoa intelixente, e por iso me extrana algunha cousa das que dis. Estás caendo no cientifismo, non convertas a ciencia nunha relixión.

13 Akribéstaton

Um sociólogo não é um "cientista puro"? "Cientista puro" é quem trabalha nas chamadas "ciências duras" (matemático-experimentais)? Sobre uma convenção (social) -mas "convencional" não é o mesmo que arbitrário-, é mais pertinente o saber dum físico que o dum sociólogo? "Grupos [interessados??] de pressão" são esses que menciona? Não são nada frente à inércia social e o interesse dos grandes grupos transnacionais? O "máis facilón" não é "no meneallo"?