(AMP)EPA.- O paro baixa en 16.200 persoas no terceiro trimestre en Galicia e a ocupación sobe en 23.900

A taxa galega de paro, no 16,35%, é 2,5 puntos inferior á estatal, pero tamén é máis baixa a de actividade en 5 puntos (53,83%)

Santiago de Compostela | 27/10/2016 | Actualizada ás 10:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O número de parados baixou en 16.200 persoas no terceiro trimestre en Galicia en relación co trimestre anterior, un 7,25%, ata situar o total en 206.700 desempregados, de acordo coa enquisa de poboación activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Mentres, a ocupación subiu en 23.900 persoas neste período, o que representa un incremento intertrimestral do 2,31%, de modo que os ocupados na comunidade galega ascenden 1.057.900.

No conxunto estatal, o paro reduciuse en 253.900 persoas, o que supón un descenso relativo do 5,5%, e os ocupados incrementáronse en 226.500, un 1,24%. Desta forma, tanto a caída do desemprego como o incremento da ocupación presentan en Galicia un mellor comportamento que a media.

Ademais, o descenso dos parados en Galicia é o sexto maior en termos absolutos (solo por detrás de Cataluña, Madrid, Valencia, Andalucía e Castilla e León) e o oitavo máis elevado en termos relativos (tras Cantabria, Baleares, Castilla e León, La Rioja, Asturias, Cataluña e Madrid).

Pola súa banda, o aumento da ocupación entre os galegos é o cuarto maior dato absoluto (despois dos correspondentes a Valencia, Castilla e León e Baleares) e o sexto maior relativo (por diante figuran Navarra, Baleares, Cantabria, Castilla e León e Asturias).

PEOR EVOLUCIÓN ANUAL

A setembro deste ano, en comparación coa situación de 12 meses atrás, en Galicia hai 16.100 persoas en paro menos ( -7,22%) e 18.900 máis que teñen ocupación (+1,82%).

Desta forma, a evolución interanual é peor que a de todo o estado, onde se produciu unha diminución do 10,93% do desemprego e un aumento do 2,65% da ocupación.

O PARO, NO 16,35%

Non obstante, a comunidade galega segue estando mellor en canto á taxa de paro, cun 16,35% para ambos os dous sexos (1,5 puntos menos que no trimestre anterior e 1,4 puntos menos respecto ao mesmo período do pasado ano). É unha porcentaxe 2,5 puntos inferior á da media, no 18,91%, mentres que alcanza un 15,71% no caso dos homes e un 17,06% no das mulleres.

A taxa de actividade, non obstante, é 5 puntos máis elevada para a media, no 59,28%, que para Galicia, no 53,83% en global (59,04% para homes e 58,17%) para mulleres.

MÁIS POBOACIÓN ACTIVA QUE NO 2º TRIMESTRE

No terceiro trimestre, Galicia experimentou un lixeiro incremento da súa poboación activa, en 7.700 persoas (+0,61%), ata un total de 1.264.600 persoas. Son tamén 2.800 máis que hai un ano, o que significa un aumento do 0,22%. Este número, por a contra, reduciuse para a media, tanto en variación trimestral como anual.

A poboación galega de 16 anos e máis baixou en 200 persoas, un 0,01%, ata 2.349.300, que son 8.000 menos que rematado o terceiro trimestre de 2015 ( -0,34%).

SOBE A TEMPORALIDADE AO 27,4%

Segundo a información da EPA que tamén publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), en Galicia había 837.900 asalariados no terceiro trimestre de 2016, 608.300 con contrato indefinido e os 229.600 restantes con contrato temporal.

Con respecto ao trimestre anterior son 6.300 asalariados máis con contrato indefinido, o que representa un aumento do 1%. O número de asalariados suxeitos a un contrato temporal subiu en 20.700 persoas, o que supón unha suba do 9,9% en comparación co segundo trimestre.

No que se refire á variación anual, os asalariados con contrato indefinido repuntaron un 2,1% e os asalariados con contrato temporal un 1,7%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados, subiu 1,6 puntos neste trimestre, ata situarse no 27,4%.

CAE A TAXA DE PARO XUVENIL AO 27,9%

Mentres, dos 326.800 novos galegos de entre 16 e 29 anos, 126.600 (o 38,7%) están ocupados, 49.000 (o 15%) parados e os 151.200 restantes (o 46,3%) son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 38,7% no terceiro trimestre de 2016, 4 puntos por enriba de onde se situaba no trimestre anterior e 5 décimas máis que 12 meses atrás.

Pola súa banda, a taxa de paro xuvenil diminúe durante o trimestre 5,6 puntos, ata o 27,9%. En comparación co terceiro trimestre de 2015 caeu 1,7 puntos.

O 77,6% dos ocupados de entre 16 e 29 anos ten xornada completa, e son un 13,3% máis que no trimestre anterior. Tamén subiron, un 4,4%, os mozos ocupados a xornada parcial. En relación con hai un ano, soben un 0,9% os mozos ocupados a xornada completa e rexistran unha caída do 8,4% os que teñen xornada parcial.

Dos 114.900 asalariados existentes no terceiro trimestre de entre 16 e 29 anos, o 36,6% está vinculado á empresa por un contrato indefinido. Este numero subiu un 3,2% intertrimestralmente e un 2,2% interanualmente.

Os novos asalariados con contrato temporal creceron un 19,3% respecto ao trimestre pasado e un 4,1% se a comparación se fai co mesmo período de 2015.

Así as cousas, de acordo cos datos que publica este xoves o IGE, a taxa de temporalidade para este colectivo de novos sitúase no 63,4% en Galicia.

GRANDES CIDADES

Por último, entre os grandes concellos, Santiago e Lugo son os que presentan as maiores taxas de ocupación (53,5% e 52,7%, respectivamente).

No terceiro trimestre de 2016, Ferrol continúa sendo o municipio de entre os grandes coa menor taxa de ocupación (30,5%) e coa maior de paro (27,8%).

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta