Silva pactará a cesión de competencias e recursos da Deputación á Área, coa que o seu compromiso é "absoluto"

Advirte de que debe haber "estruturas intermedias" entre Comunidades e municipios para garantir servizos

VIGO | 27/10/2016 | Actualizada ás 14:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, proclamou este xoves o seu "compromiso absoluto" coa posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, e a súa disposición a "sentar" e negociar, chegado o momento, a cesión de competencias e recursos da entidade provincial ao novo ente supramunicipal, que se constituirá proximamente.

Así o manifestou a preguntas dos xornalistas nun almorzo informativo celebrado en Vigo, no que recordou que a Área existe porque o goberno municipal olívico (do que ela forma parte), liderado por Abel Caballero, "arrancoulla á Xunta de Galicia".

"Cando se constitúa, falaremos coa presidencia e o goberno da Área, a Deputación sentará e falará do traspaso de competencias e recursos, e todo o que formule a Área o facilitaremos", aseverou, ao tempo que reiterou que apoiará o desenvolvemento deste organismo "dende o primeiro segundo". "Creo na Área Metropolitana como un instrumento para sumar sinerxías", afirmou Silva.

Por outra parte, e a preguntas dos medios, a socialista tamén se referiu ao papel das deputacións e á necesidade de modernizar e reformar a estrutura administrativa de España. Así, indicou a conveniencia dunha reforma parcial da Constitución que defina "claramente" as competencias de Estado, Comunidades, Deputacións e entidades locais.

ESTRUTURAS INTERMEDIAS

Sobre a desaparición das deputacións provinciais, Carmela Silva indicou que é "imprescindible" ter en conta a situación de miles de municipios con menos de 20.000 habitantes, que non teñen recursos para a prestación de servizos.

"Terémolo que debater, pero ten que haber estruturas intermedias, entre as comunidades autonómas e eses concellos para garantir as sinerxías", apuntou, ao tempo que engadiu que, nunha futura reforma constitucional, "as entidades locais teñen que ter máis peso, máis protagonismo, e que se garantan os seus recursos e a súa autonomía".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta