Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2016 | Actualizada ás 14:38
“Eu non son portugués, son español e non vou copiar un fuso horario diferente ao meu”. Así de contundente se amosou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a posibilidade de que se cambie o fuso horario.
Esta proposta, defendida pola Arhoe, a Comisión Nacional para a Racionalización de los Horarios, e asumida por C's no seu programa electoral, está comezando a abrir debates no conxunto do Estado. Hai uns días, o Parlamento balear aprobaba unha resolución na que pedía ao Executivo de Madrid que non se cambie a hora nas illas porque afecta ao turismo.
Neste sentido, e preguntado por GC na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo desbotou esta idea e insistiu en que “España debe ter un fuso horario único”. Así, criticou que os baleares ou algúns partidos galegos –en alusión ao BNG e Anova-- queiran ter horas diferentes ao do conxunto do Estado. “Non estou para nada de acordo”, insistiu.
Así, sinalou que España é un “pais mediano” da UE e que non se pode comparar con EE.UU ou Europa, onde hai distintos fusos horarios. “É ridículo que haxa fusos horarios diferentes nun país como o noso”, aclarou.
“Pódese estudar a nivel xeral”
Con todo, Feijóo non se opón a que se abra un debate sobre un cambio de hora en todo o Estado, tal e como propón Ciudadanos. Unha idea á que se sumou tamén o PSOE e tamén o propio PP. “Pódese estudar e se hai un debate que afecte ao conxunto do Estado, pois perfecto, pero outra cousa é dividir o país en fusos horarios. Xa me opuxen durante o bipartito e tamén me opoño agora”, concluíu.
Sobre esta cuestión, o científico Jorge Mira, nunha entrevista en GC, destacou que sería “irrelevante” cambiar o fuso horario actual e criticou aos “grupos de poder”, en alusión a Arhoe, pola súa insistencia en introducir esta cuestión na axenda dos partidos políticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.