Quintana ve "negativa e desilusionante" a proposta de cotas para 2017 realizada pola Comisión Europea

A conselleira do Mar insta os técnicos "a entender o novo regulamento da Política Pesqueira Común (PPC)"

Ferrol | 28/10/2016 | Actualizada ás 16:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, valorou de xeito "negativo e desilusionante" a proposta de cotas de pesca anuais realizada pola Comisión Europea (CE) para o próximo ano 2017, e que estima reducir nun 35,9% as posibilidades de pesca da flota comunitaria para a pescada capturada en augas ibéricas, mentres que propuxo un aumento do 2,8% no caso da pescada do norte, ambas as dúas de grande valor comercial para a flota española.

Quintana instou "os servizos técnicos da Comisión Europea a entender o novo regulamento da Política Pesqueira Común (PPC)" e que establece "nos mesmos parámetros e na mesma posición de igualdade os aspectos ambientais, sociais e económicos" e que, por iso, a xuízo da conselleira en funcións, "o que non se pode facer é unha proposta que é mais esixente que os propios datos dos científicos".

A responsabe en funcións da Consellería do Mar mostrou a súa esperanza a que "dende o Goberno central se argumente con todos os datos" dos que dispoñen neste momento "esta reclamación, para conseguir superar as dificultades" que na primeira proposta se nos ten trasladado".

REFLEXIÓN

Rosa Quintana tamén quixo achegar "algúns datos para reflexionar" e, así, asegurou que no caso da "pescada sur, de manter o TAC (Total Admisible de Capturas) deste ano, o rendemento máximo sostible vaise mellorar un 40 por cento", mentres que se se aumenta o "TAC nun 10 por cento" se vai conseguir un 20 por cento" no stock de reprodutores".

Con estes datos, a representantes do Goberno galego en funcións trasladou que "co aumento dese 10 por cento" se vai conseguir "que se pode manter o sector pesqueiro activo, tardando un pouco máis en chegar ao rendemento máximo sostible, pero iso xa está escrito no novo regulamento da Política Pesqueira Común".

Por último, pediu aos técnicos da Comisión Europea "reflexión á hora de asesorar no Consello de Ministros da Unión Europea (UE) e que se poidan tratar ao mesmo nivel os datos sociais, económicos e ambientais".

VISITA Á LONXA DE FERROL

Estas manifestacións realizounas Rosa Quintana en Ferrol, onde visitou a lonxa desta cidade, situado no Muelle de Curuxeiras, acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño.

A lonxa foi obxecto dunha importante reforma, onde o ente portuario realizou unha inversión de 1,2 millóns de euros e a Consellería do Mar de algo máis de 81.000 euros, para dotar a esta rula de varios equipamentos, como unha maquina clasificadora de marisco, ademais dunha maquina de fabricar xeo e un silo para o seu almacenamento.

Quintana destacou que o sector pesqueiro e marisquero "non é o fundamental a un porto de interese xeral do Estado, pero é necesario ter a sensibilidade de unión entre a sociedade civil e as autoridades portuarias", onde remarcou "o esforzo realizado pola Autoridade Portuaria para reordenar o porto e facelo máis utilizable, nun sector que é fundamental na economía de Galicia".

A integrante do goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo, tamén recordou que as obras previstas incialmente "para seis meses se prolongaron durante case dous anos, pola aparición dalgunhas complicacións e esixencias". Engadiu que é o seu desexo "vela chea todos os días de marisco e que a partir de agora as cousas vaian moito mellor".

ACTUACIÓNS

As obras consistiron en melloras no interior e exterior do edificio, co reforzo da cimentación, da estrutura e das cerchas de cuberta, así como na renovación das das redes de servizos.

Tamén se modificaron as zonas de oficinas, carpintarías tanto interiores como exteriores, e dótase á zona de novas sistemas de seguridade e cerramentos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta