Lanzan un manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados

Esta proposta recolle 6 puntos reivindicativos e pretende a adhesión de todas as forzas políticas e sociais que loitan na defensa dos servizos públicos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 31/10/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

“Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados” é o nome da proposta que pretenden impulsar desde Galicia a toda Europa unha serie de colectivos e partidos políticos pola defensa da sanidade pública e a unión de todos os colectivos que traballan neste sector.

Algúns dos asinantes do Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados
Algúns dos asinantes do Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados | Fonte: AGE-Europa

O manifesto, elaborado e presentado polo presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, e impulsado polas plataformas presentes no encontro, recolle seis puntos claves e a intención é, a partir de agora, facelo circular para que reciba o apoio e a adhesión de todas as organizacións sociais e políticas implicadas na loita pola defensa dos servizos públicos de toda Europa.

Neses seis puntos de consenso do Manifesto, amósase textualmente o “compromiso a potenciar unha rede de organizacións e plataformas que integren aos sectores sociais e profesionais máis amplos, a nivel local, rexional, estatal e europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos aos sistema público”. Enténdese que a saúde ten “unha dimensión multifactorial que traspasa o Sistema Sanitario, que ten que ver coa actuación pública sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e os e as profesionais do sistema”.

"Mobilización social"

Considera tamén o Manifesto que é “esencial” a “mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas” e rexeita “os instrumentos que só benefician o sector privado e que deberían ser reintegrados ao sistema público”. Denuncia que os modelos de Colaboración Público Privada (CPP) supoñen “un encarecemento moi importante da atención sanitaria, o recorte de recursos, a diminución da calidade da mesma e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara á constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre”. E denuncia que esta CPP representa un dos alicerces fundamentais da estratexia de privatización do Sistema Sanitario Público que se está producindo no Estado español de xeito progresivo”.

A presentación tivo o pasado sábado pola noite dentro das xornadas “A privatización da Sanidade na Unión Europea”, -organizadas por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo-, que durante dous días reuniron na cidade olívica a decenas de persoas pertencentes ao sector sanitario galego, estatal e internacional.

A eurodeputada Lídia Senra valorou moi positivamente este encontro que “pon de manifesto como os partidos que abrazan o neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes empresas e os investidores”. “Pola nosa parte poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas, tanto colaborando na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos presentes”, exclamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Raticulin

De AGE como Beiras que se operou pola privada. Pero que di a antivacinas estas