Os alcaldes das mareas comezan recibir o trato que defenestrou o bipartito

Analizamos a estratexia do PPdeG e dos grandes medios na súa nova ofensiva contra os gobernos das mareas. A batalla polo liderado do PSdeG preséntase como unha das claves.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 04/11/2016 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Se un rebusca entre os comunicados do PPdeG deste ano, a penas hai referencias aos alcaldes das mareas, máis aló dalgún ataque puntual. Por exemplo, alá por maio, Miguel Tellado despachábase a gusto contra o “desgoberno” e a suposta fasta de xestión e estabilidade. Daquela o voceiro do PPdeG criticaba aos que dicían que as maiorías eran malas porque “agora demostrouse que os gobernos en minoría son moito peores”, obviando por exemplo, que o PPdeG goberna en minoría en Ourense.

Pero incluso naquel arrebato contra os os “gobernos ególotras”, a cuestión dos concellos da Coruña, Santiago e Ferrol era secundaria. Tellado sacouna ao fío da vitoria de Xaquín Fernández Leiceaga, máis proclive aos pactos coas confluencias, fronte a Méndez Romeu, contrario a entenderse coas mareas, no PSdeG.

Moito cambiou a cousa dende entón. Desestabilizar e, en último instante, cargarse aos gobernos das mareas é o obxectivo primordial dos conservadores galegos tras a súa vitoria nas autonómicas e con Mariano Rajoy xa de volta na Moncloa. E non lle faltan aliados mediáticos para conseguilo.

La Voz de Galicia (principal altofalante na prensa escrita do PPdeG e o máis favorecido polas millonarias subvencións a dedo que reparte a Xunta) marcaba o camiño da ofensiva conservadora o 28 de outubro. O xornal de Santiago Rey publicaba daquela un compilatorio das “promesas incumplidas y otras imposibles de cumplir” das mareas. Nesa información non hai novidades informativas, calquera lector cun mínimo de experiencia pode ver unha reportaxe predeseñada pola dirección para presentar as mareas como sinónimo de mala xestión. 

Certo é que La Voz leva moitos meses -case dende o comezo da lexislatura- arreándolle duro ao alcalde Xulio Ferreriro, que pechou a billa de cartos que fluía antes dende o Pazo de María Pita cara Santiago Rey. Como leva meses El Correo Gallego atacando a Martiño Noriega (chamándolle “alcalde 2.0” en portada en reiteradas ocasións)  polo mesmo motivo. Con todo, a virulencia e a falta de motivo concreto da nova ofensiva crítica da Voz recorda a outra ofensiva editorial de La Voz, a que desatou contra o bipartito da Xunta en 2009.

De feito, na citada reportaxe incluso se resucita entre liñas o mito dos audis de Touriño, ao aludir a petición de Luís Villares -líder do grupo de En Marea no Parlamento de Galicia- dun coche, malia que Villares non é alcalde nin pediu un Audi. Máis aló disto, único que La Voz atopou dos alcaldes en relación aos coches oficiais é que o de Ferrol renunciou a el e que agora o usa a Policia Local.

A ofensiva oficializouse este mércores, cando os líderes do PP en Santiago, A Coruña e Ferrol compareceron xuntos ante os medios. Incluso enarboraron unha etiqueta, “os trivagos”, un bautismo que lembra ao do “bigoberno” co que o PP marcara con éxito ao tándem Touriño-Quintana.

E por se alguén lle quedaba algunha dúbida, onte Alberto Nuñez Feijóo adicou gran parte da súa alocución dos xoves ante a prensa a arremeter contra a suposta indolencia dos alcaldes de Ferrol, Santiago e A Coruña. O presidente da Xunta aludiu unha e e outra vez a presunta parálise que viven estas urbes. Argumento que precisamente é o máis usado dende La Voz contra o Executivo da Coruña.

Por que se lanza o PPdeG xusto agora a meterlle o dente aos gobernos das mareas? A resposta podémola atopar nos silencios de Feijóo. O líder conservador arreoulle onte aos gobernos de A Coruña, Ferrol e Santiago; mesmo recoñeceu que en Ourense -onde gobernan eles en minoría- a situación non é ideal, como tampouco ou é en Lugo, mesmo lle caeu unha pulla a Lores, alcalde do BNG en Pontevedra que goberna a un só edil da maioría absoluta.

O único alcalde urbano que zafou da ira de Feijóo foi Abel Caballero. O edil de Vigo lidera unha cómoda maioría, é certo; pero tamén é certo que Caballero lidera o bando do PSdeG partidario de romper coas mareas.

Feijóo sabe que , tras o fiasco das autonómicas, no PSdeG abrirase de novo a batalla polo liderado. No PPdeG devecen por unha vitoria do bando de Caballero que, en última instancia, contribúa a romper o apoio tácito do PSdeG as mareas en Santiago e A Coruña.

O último obxectivo sería botalas do goberno na presente lexislatura. De feito, cómpre lembrar que o PPdeG xa lle propuxo ao PSOE de Santiago gobernaren xuntos ao pouco de seren derrotados nos comicios locais, violando así a típica argumentación de Feijóo de que debe gobernar a lista máis votada.  Unha argumentación clásica do discurso do PPdeG que, por certo, levan meses sen utilizar, se cadra na espera de poder formar unha “gran coalición” na Coruña, Santiago ou Ferrol.

Líderes do PP na Coruña, Ferrol e Santiago
Líderes do PP na Coruña, Ferrol e Santiago | Fonte: Lucía Canal

En definitiva, Noriega, Suárez e Ferreiro empezan a recibir o trato dos grandes medios -cautivos das subvencións da Xunta- que no seu día enterrou as carreiras poíticas de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Daquela o leimotiv foi o suposto derroche do gobero, hoxe é a suposta parálise, pero a estratexia, no fondo, é a mesma.


 

Os tres alcaldes das mareas galegas; Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez con algúns dos seus asesores no aeroporto de Madrid
Os tres alcaldes das mareas galegas; Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez con algúns dos seus asesores no aeroporto de Madrid | Fonte: FB Miguel R. Penas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

4 Soledad

A prensa de Galicia da noxo. E unm problema dos mási graves que ten o país e a democracia.

3 Bufffff

É certo que a Voz lles da caña as Mareas; tamén que o redactor deste artículo é un turiferario ou tiraboleiro delas. Obvia os feitos, sendo inacapaz de demostrar que a Marea da Coruña non ten paralizada a cidade. Limítase a falar de suposta paralización, cando é evidentísimo que se a estas alturas do ano so foron quen de gastar arredor fun 13% do presuposto teñen ao Concello paralizado, e non haberá que demostrar que das inversións do concello dependen moitas empresas e postos de traballo. Non hai mais que falar con funcionarios municipais que fan tarefas internas e che din que nunca se viviu tan ben no concello, pq os concelleiros, ou non a rañan, ou non teñen nin idea, ou son lentos....

2 O Freire

"Patera asquerosa" de Juan Merlo, "cretinos" de Rubén Pérez, "puta coja" de Pam, "pobo ignorante" de Fernán Vello... Nas Mareas hai moito impresentable! E xa non falemos dos capitalistas de Podemos! Os alcaldiños non despertan: se os botan que sexa despois de facer politica de esquerdas e galega, non como ao bipartito, que foi un fiasco, tanto medo tiñan aos medios da dereita para recadar votos moderados, e resulta que os moderados pasaron deles e por riba perderon os criticos que lles posibilitaramos a presenza no goberno (perdeu o deputado o BNG que gañou o Partido Podre). Alcaldes, aprendan do grande erro do bipartito!

1 Ana

Certo que La Voz obedece ao seu Amo. Igualmente certo que iso xa foi así co bipartito (sen esquecer que PsoEspañol e BNG ben que untaron ao xornal corunhesista). Tamén é evidente que as Mareas son uns novatos: por novos (na cousa pública), por inexpertos, por torpes e metepatas. Ou sexa, que espabilen ou que apanden. Outro punto a comentar: desta vez non receben só do PPsoE, tamén do BNG (que serve así ao sistema, favores que se agradecerán). Finalmente, as Mareas de Podemos (franquía clara, por moito que a Villares lle escoza), son uns impostores: desde Monedero, passando polo Echenique ao especulador fillo das tarxetas black, uns trepas: desde a insultadora Pam á Yoli...

1 DigoEu

Aniña... non digas esas cousas da Marea, fai o favor, que estás a entrar no terreo das parvadas. Tarxetas black os de Podemos? Sen dáreste de conta o que estás a facer é o traballo da dereita.

2 Ti Mesmo

A tal Ana di "fillo das tarxetas black", está claro que fala de Ramón Espinar de Podemos, a quen acertadamente chama " especulador". Polo tanto consulta quen é o papá, encausado polas tarxetas black, do neno de Podemos. E dirás, ten que ver co fillo? Si, o mesmo fillo recoñeceu que parte dos 50.000 euros eran do pai (o das tarxetas). E os pisos eran dunha cooperativa de CC OO, o papá estaba alí, e ao neno foille adjudicado un piso sen ter ingresos, sen ter como pagalo... E un aniño despois outro traballador pagou 30.000 euros máis polo piso!!! Secadra ser fillo do das tarxetas deulle beneficios... E DigoEu, que é a dereita? A especulación, gañar 20.000 euros en menos dun ano nun pelotazo inmobiliario, o capital especulativo, que é logo a dereita? Pois iso, a dereita é Espinar de Podemos. Legal, si. Ético, moral, decente para quen se encheu de predicar contra a especulación inmobiliaria, NON, NUNCA!!!