As augas contaminadas que ameazan a ría de Noia

Adega advirte do vertido dun millón de m3 de augas residuais mineiras das minas de San Fins. Unhas augas que conteñen, segundo os ecoloxistas, altos níveis de metais pesados, que mesmo multiplican por 8 os máximos legais.

Por Galicia Confidencial | Noia | 04/11/2016 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A volta á explotación do histórico xacemento de estaño-wolfram de San Fins (Lousame), hoxe propiedade da mineira "Tungsten San Finx SL" (Grupo SACYR) pode supoñer unha nova ameaza ambiental para toda a ría de Noia. É a denuncia de Adega, que advirte que pode supoñer que se vertan no medio  arredor de 1 millón de metros cúbicos anuais de augas residuais mineinas procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras.

Mina de San Fins, en Lousame
Mina de San Fins, en Lousame

Malia a que a empresa insiste en que as augas residuais que pretende verter cumprirán cos límites legais de contaminantes, as analíticas que manexa Augas de Galicia (e que figuran na documentación do proxecto) din o contrario: mesmo a 1,5 km augas abaixo da mina os níveis de Cd (cadmio), Cu (Cobre) e Zn (cinc) disoltos sobardan os límtes máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental (NCA) do RD 817/2015. 

Por iso, os ecoloxistas din que estas augas residuais mineiras, con elevada acidez e altos contidos de metais pesados, serían vertidas (previo tratamento) ao rego de San Fins, que desauga no Vilacoba e finalmente na ría de Noia. 

Con todo, a empresa asegura que o millón de metros cúbicos que verterá polo río abaixo até a ría cumprirán cos níveis de calidade esixidos, para o que disporá dunha balsa e dun substrato filtrante con calcaria para reducir o pH. E o punto de vertido final levará estas augas até a vella balsa mineira actualmente ateigada de sedimento e con risco de derrubamento, sobre a que a empresa declina toda responsabilidade. 

Xa hai precedentes históricos de graves danos aos ecosistemas fluviais polas verteduras desta instalación: Nos anos 50 do pasado século, a vella balsa que aínda existe na actualidade e ameaza con derrubarse en calquera intre, crebou esterilizando a vida río abaixo case até a vila de Noia.

Mapa da mina de San Fins, en Lousame
Mapa da mina de San Fins, en Lousame | Fonte: Adega

Altos níveis de metais pesados

Perante esta ameaza, en maio deste ano membros de ADEGA desprazáronse até a mina de San Fins e realizaron unha mostraxe das augas en 3 puntos. As análises amosan níveis de Cd (Cadmio, substancia perigosa e prioritaria); Cu (Cobre, substancia preferente) e Zn (Cinc, substancia preferente), que mesmo chegan a multiplicar por 8 (caso do cinc) os máximos establecidos nas normas de calidade ambiental (RD 917/2015). Outros metais pesados como o As (Arsénico), Ni (Níquel) e PB (Chumbo), amosan valores altos mais por debaixo do límite legal. 

Con todo, hai unha progresiva diminución na concentración destes contaminantes dende a bocamina á balsa e finalmente ao rego. “Mais con todo 3 metais pesados, un deles moi perigoso e de interese prioritario (Cd) seguen estando por riba do permitido para garantir un bo estado das augas continentais”, denuncia Adega. Mesmo mostraxes realizadas por Augas de Galicia a 1,5 km augas abaixo da mina, amosan aínda altos valores de Cd, Cu e Zn.

“Lembremos que estes metais pesados son bioacumulativos e tenden a concentrarse nos tecidos dos seres vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que só é cuestión de tempo que acaben provocando alteracións fisiolóxicas e mesmo xenéticas”, lembra.

O risco cero non existe

Os ecoloxistas reclaman da administración hidráulica galega a denegación da solicitude de "Tungsten San Finx SL". “A natureza dos efluentes que a explotación leva vertendo durante anos ao medio (que agora pretende incrementar exponencialmente), e as ridículas medidas de contención, provocarán o lento envelenamento dun ecosistema valiosísimo do que dependen milleiros de persoas”, argumentan.

Ademais, din que, por moitas medidas de contención que se poñan, o risco dun accidente nunca será cero. “Tendo en conta os precedentes históricos, cando hai 60 anos a vella balsa que aínda acumula milleiros de toneladas de lodos tóxicos crebou arrasando todo río abaixo, este risco nunca poderá compensar os supostos beneficios que a mina deixaría na comarca. Canto vale para a Xunta a seguranza e a saúde de toda unha ría?, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta