Quen vixía o vixilante?

Nestes días comezan unha lexislatura minoritaria sen precedentes en Madrid e unha mais ben previsible de terceira maioría absoluta en Galicia. Ambas ofrecen oportunidades dispares para a rexeneración. Se hai vontade a resposta esta en nós.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 08/11/2016

Comparte esta noticia
Na anterior columna falamos do fatalismo co que a miúdo e de xeito interesado ou inconsciente se di que unha sociedade do tamaño da galega non é quen de valerse por si mesma. Ignórase que cando Inglaterra ou Portugal se botaron a conquistar os mares tinan a mesma ou menos poboación ca nós agora. O tamaño importa mais non é inevitable. Hai forzas máis grandes coma a do avellentamento que son máis importantes para entender a parálise xeriátrica da nosa sociedade. Non é cousa dunha soa columna falar diso pero aproveitando o comezo das lexislaturas galega e española si que en catro anos se pode avanzar nalgunhas cousas básicas, coma o funcionamento das institucións.
 
A Unión Europea non é a única entidade que cada vez está a ser máis consciente de que o que conta para o desenrolo dunha sociedade non son tanto os cartos supostamente gratis que se lles botan ós problemas senón que o seu aproveitamento depende da calidade das institucións e a confianza que estas xeran na poboación. Certamente un sistema como o galego, calcado do instaurado no Estado coa transición, non favorece tal cousa, como se está a ver en Madrid e en Compostela.
 
O sistema político español chamóuselle de “parlamentarismo racionalizado”; tal era o medo a un sistema dinamitado como o da I Restauración Borbónica e non falemos o da II República que por límites ás algaradas dos partidos era unha condición básica para que a dereita extramuros do búnker (Fraga) aceptara o novo réxime: listas pechadas, circunscricións pequenas con número mínimo de escanos (o que tamén lle da sempre un mínimo á dereita), mocións de censura constructivas, etc. Isto favorece partidos xerarquizados e un executivo presidencialista que con tempo pasou de preponderante (Gonzalez), prepotente (Aznar II), iluminado (Zapatero) a ensimesmado (Rajoy I). O modelo cecais tiña senso naquel tempo mais co paso dos anos reproduciu dinámicas por todo o sistema político e social que levan a esclerose actual: a maior tasa de nomeamentos políticos do mundo occidental, xuíces con claras marcas partidarias, nulo rendemento de contas das institucións e chiringuitos, etc. Con este esquema o raro é que non tena habido máis corrupción – a actual e moralmente grave mais non chega a sistémica (case)-.
 
Por iso a crise actual do PSOE se non for dramática resultaría risible porque todo obedece a unha falta de comprensión do poder que dá ter un goberno en minoría. Tanto falar de Europa e logo os Pirineos mentais non deixan ver como se pode gobernar tamén desde a oposición. Emporiso o estourido do candado da maioría absoluta dálle unha oportunidade para o sistema do Estado tentar rexenerarse. Veremos.
 
Neste lado do Telón do Grelo a cousa é ben distinta. Non só, a diferenza de España, non houbo realmente nin un remedo de transición (senón máis ben un acomodo) hai corenta anos senón que seguimos firmemente presos da maioría total.
 
Nesa tesitura a oposición pode estar tentada en botarse os próximos catro anos ó seu deporte favorito (e doado) de falar do malo que e o lobo Feijóo e tirarlle a dar os compañeiros da esquerda do hemiciclo. Seguramente será o que pase. Mais poderían botar o tempo a preparar unha alternativa de goberno cuns mínimos cos que todos puideran estar de acordo. A proba do algodón sería propor cambios que ata lle interesaran ó PP cando, nalgún destes séculos, lle toque estar na oposición; esa alternancia tan querida polos nostálxicos de Cánovas.
 
Certo que é moito pedir pero os comezos da lexislatura son coma os días previos ó Nadal, así que aquí vai; na columna anterior falamos da tiranía dos pequenos números. Obviamente non nos vamos pór a ter fillos coma coellos e non parece que Galicia sexa terra prometida para mexicanos ou sirios vir en masa repoboar as nosas aldeas. Así que para compensar o feito de que en Galicia nos coñezamos todos e aínda por enriba nos levemos todos mal con todos, por que non botar da nosa ancestral desconfianza e canalizámola para mellorar as nosas institucións.
 
Por exemplo, en vez de parlamentarismo racionalizado (na práctica amordazado) dotar de medios económicos e humanos a todo o parlamento para que teña capacidade de analizar as propostas e contas do goberno (e facer as súas propias) como fai o congreso dos EEUU, o Parlamento Europeo ou o Parlamento Escocés por pór varios exemplos. Limitar o mínimo absoluto o poder regulamentario dos conselleiros: que todo pase polo Parlamento. Obrigar a que todos os cargos, de conselleiro a secretario de chiringuito, teñan que ser examinados en comparecencia parlamentaria previa votación polo pleno do Parlamento – o goberno seguira podendo pór a quen queira pero disuadirá de colocar os máis incompetentes-. Cambiar o regulamento para baixar o umbral das iniciativas populares e que permita que os deputados individuais poidan presentar propostas lexislativas, enmendas e falar no Pleno en vez de facelo só os voceiros. Que as comisións de investigación que non teñan que ser unha bala de prata, que diría Leiceaga senón algo rotineiro, con suficientes medios para investigar, cecais presidida por un experto e non polos deputados. En definitiva facer dun parlamentiño un parlamento. O que nin sequera precisa modificar o Estatuto ou incrementar competencias (niso ultimo Villares atina).
 
Botar por fóra tamén pode ser útil. Por exemplo obrigar a que os programas electorais teñan memoria económica e que sexan comparados e avaliados por un consorcio de expertos (coma en Holanda) de fora do Estado; incluír sempre expertos estranxeiros nos comités de avaliación de contratos públicos. Unha lei de transparencia que se semelle non á de Suecia (moito pedir) senón os estándares das institucións europeas –incluído o acceso a documentos, incluso borradores e publicar os nomes e datos de contacto e salarios de tódolos traballadores- , e cun organismo independente que vele polo seu cumprimento. Do mesmo xeito dárlle poderes legais e recursos ó Valedor do Pobo e ó Consello de Contas (eses que os centralistas queren eliminar) para que se constitúan en auténticos fiscalizadores das decisións e contas publicas. Contas que por certo deberían ser publicadas en internet en tempo real para calquera gasto da Xunta, Deputación ou Concellos superiores a 1,000 euros. Por suposto separación das funcións do executivo das de contratación pública que serían responsabilidade dun organismo autónomo fiscalizado polo Parlamento.
 
Quimera? Nada do que se lista anteriormente non existe xa en países do noso entorno. O que falla e o factor humano , tanto no goberno, coma na oposición coma na poboación galega en xeral.O que Manuel Barreiro chama a Transversal Conservadora. Gústanos vivir na queixa doada e o bandeirin de enganche. Sen darnos conta que a nosa desfeita só a imos poder resolver nós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA