“Compostela ten unha elevada centralidade política, malia que «de iure» non é a capital autonómica”

Un estudo do politólogo e xurista Daniel Casal Oubiña analiza e compara o papel de Santiago, Vitoria, Barcelona, Quebec, Edimburgo e Bruxelas, como capitais, na construción da identidade territorial das nacións sen Estado. Nel, salienta a singularidade do caso galego, no que Compostela e A Coruña se reparten os tres poderes clásicos: Executivo, Lexislativo e Xudicial.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As cidades de Santiago de Compostela (Galicia), Quebec (provincia homónima en Canadá), Edimburgo (Escocia), Bruxelas (Flandes), Vitoria (País Vasco) e Barcelona (Cataluña) teñen unha cousa en común: todas son capitalis de nacións sen Estado. Sobre esta realidade, Daniel Casal Oubiña, —doutor en Ciencias Políticas e da Administración Pública pola Universidad Complutense de Madrid, máster en Xestión da Comunicación Política pola Universidad Autónoma de Barcelona e licenciado en Dereito pola Universidad Carlos III de Madrid— fixo o estudo “El papel de las capitales en la construcción de la identidad territorial en las naciones sin estado”, publicado en methaodos.revista de ciencias sociales, da Universidad Rey Juan Carlos. Nel, o autor salienta a singularidade galega, onde Compostela, di, "non conta cun réxime especial de capitalidade autonómica" e "caracterízase por presentar uhna elevada centralidade política, a pesar de que de iure non é a capital autonómica", pois comparte con A Coruña as institucións autonómicas, e ao mesmo tempo presenta "unha centralidade económica relativamente baixa" e "un nivel de centralidade cultural medio".

Alberto Núñez Feijóo e Martiño Noriega nun acto oficial no Obradoiro
Alberto Núñez Feijóo e Martiño Noriega nun acto oficial no Obradoiro | Fonte: diariodenavarra.com

Casal Oubiña estuda o caso da capital galega no marco dunha análise sobre o que supón a designación dunha cidade como capital, xa que é un dos "momentos trascendentais na construción nacional". Así, toma como casos de estudo Compostela, Quebec, Edimburgo, Bruxelas, Vitoria e Barcelona para analizar se no caso destas capitais de “nacións sen Estado” o desenvolvemento das súas institucións de autogoberno imita, no que á capitalidade se refiere, aos Estados. Para isto, describe e define indicadores de centralidade que aplica a estes seis casos.

O VALOR SIMBÓLICO DAS CAPITAIS

"As capitais teñen un extraordinario valor simbólico, pois nelas se sitúan as institucións e afirman e mostran o seu poder, ademais poden concentrar organismos culturais e económicos que reforcen a súa centralidade", argumenta o autor, quen prosegue: "A capital, polo tanto, convértese nun instrumento de configuración da identidade nacional, debido a que é o espazo no cal o Estado manifiesta o seu poder, e polo tanto exerce o seu control político, económico e cultural sobre o seu territorio ao tiempo que se proxecta cara a esfera internacional, mediante a atribución á capital de elementos de centralidade e do deseño urbán da mesma".

Para o caso dos Estados dotados cunha "estrutura política de tipo federal ou politicamente descentralizada", Casal Oubiña esclarece que "á capitalidade hai que engadirlle unha dimensión de constituírse no espazo político a través do cal se resolven as tensións territoriais entre o poder central e as distintas entidades que integran o Estado, adquirindo nestes casos a capital un valor de punto de encontro da pluralidade (lingüística, étnica, relixiosa ouracial) de identidades que conforman a federación". 

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

A partir destas afirmacións, o autor tentou determinar "como se configura o papel das capitais nas denominadas nacións sen Estado que contan con institucións de autogoberno", ademais de "analizar se na configuración da capital como centro do poder rexional xurden conflitos entre as cidades e os territorios, así como detectar se a designación dunha cidade determinada como sede das institucións dun territorio conleva a imposición dun maior ou menor marco de autonomía local, así como constricións fiscais e competenciais que aseguren o control da rexión sobre a súa capital".

O índice de centralidade elaborado polo autor para cada caso mide o papel que xoga a capital cara o territorio en termos político-administrativos, económicos e culturais, os cales determinan "o peso e o papel da capital na construción da identidade dun determinado territorio" e permiten "entender o papel que territorios dotados de autogoberno como Flandes, Quebec, Escocia, Cataluña, Galicia ou País Vasco asignan á sede das súas institucións" e entender se a configuración da capital mostra unha aspiración por "equiparar a súas estruturas políticas coas dun Estado", xustifica Casal Oubiña.

CENTRALIDADE POLÍTICA DE COMPOSTELA

O autor do estudo aborda o caso de Santiago de Compostela facendo primeiramente un percorrido pola historia da propia cidade, dende a súa fundación, no ano 820, pasando por acontecementos más recentes, como o acontecido en 1936, cando Compostela foi a sede da Asamblea de electos galegos que aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia, no que, "se ben non se designaba cal ía ser a capital de Galicia, existía entre os eus propoñentes a vontade de que fose a cidade de Santiago de Compostela", lembra Casal.

O autor tamén meciona a etapa clave da Transición e a instauración da democracia tras a ditadura franquista, cando "Santiago de Compostela se converte novamente no escenario dos pactos que conducirán en 1981 á aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia". Mais "nesta norma básica autonómica novamente non se di cal vai ser a capital da comunidade e a sede das súas institucións encoméndase ao lexislador", expón. Unha decisión que, prosegue, "se adopta debido ao antagonismo que xurde entre Santiago de Compostela e a cidade da Coruña, que como capital da provincia con maior peso demográfico e económico reclama ser a sede das institucións autonómicas".

Esta tensión entre A Coruña e Compostela resolveuse cun reparto de institucións entre as cidades, de maneira que os poderes executivo e lexislativo ficaron en Santiago, coa Xunta e o Parlamento, mentres que o poder xudicial foi para A Coruña, coa sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. "Polo tanto, anque legalmente Galicia conta con dúas capitais, Santiago de Compostela consegue converterse de forma efectiva na única capital política de Galicia", explica o politólogo da Universidad Carlos III.

Casal afonda aínda máis na singularidade do caso galego, onde a súa capital política "non conta cun réxime especial de capitalidade autonómica", aínda que "si conta, como Vitoria, cun recoñecemento normativo específico previsto pola lexislación estatal para as capitais autonómicas que se conteñen na denominada Ley de Grandes Ciudades de 2003 no referente ás competencias e ao marco institucional, e pola Ley de Haciendas Locales no referente ao seu sistema de financiación diferenciado dos municipios de réxime común do resto de España".

Así, Santiago caracterízase, como capital, "por presentar unha elevada centralidade política, a pesar de que de iure non é a capital autonómica, compartindo esta condición con A Coruña, debido ao reparto das institucións entre ambas cidades realizado polo Parlamento de Galicia a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía", sentenza Casal, quen centra a súa análise sobre o Estatuto de Autonomía e obvia a Lei 4/2002, do 25 de xuño, do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela.

BAIXA CENTRALIDADE ECONÓMICA

Casal tamén analiza o caso de Santiago dende unha perspectiva económica, na que compara o escaso desenvolvemento industrial desta cidade co que si tiveron Vigo e A Coruña. No caso de Compostela, o politólogo vincula máis o seu desenvolvemento "á ciencia e a cultura grazas á universidade". Ademais, é a quinta cidade de Galicia por número de habitantes, polo que o seu peso poboacional é discreto, sobre todo fronte a Vigo, a urbe máis grande do país.

"Este modelo de cidade baseado nun desenvolvemento urbano vinculado á educación, a cultura e a ciencia fixo que o peso económico se desprazase tradicionalmente a cidades máis industrializadas como Vigo e A Coruña, nas que ademais existen importantes portos comerciais", describe Casal, quen prosegue: "Este menor papel económico de Santiago de Compostela aprézase no peso do seu PIB no produto interior galego, que alcanza o 6%".

Polo tanto, Casal apunta a que Compostela presenta "unha centralidad económica relativamente baixa que mostra, de forma comparada coa centralidade político-administrativa, unha sorte de distribución de funcións entre as capitais galegas ao radicar na Coruña un maior peso económico".

CENTRALIDADE CULTURAL MEDIA

No que se refire á centralidade cultural, o doutor en Ciencias Políticas pola Universidad Carlos III remítese ao desenvolvemento histórico de Compostela como centro de peregrinación de todo o mundo cristián, polo cal "se dota dun importante patrimonio cultural" que "se viu reforzado coa fundación en 1495 da Universidade de Santiago de Compostela", unha das más antigas en España.

Amais do patrimonio relixioso e académico, Casal lembra que Compostela foi "sede da reivindicación da cultura galega e do renacemento da lingua e a literatura galega, o denominado rexurdimento, que tivo un gran apoio tanto en círculos universitarios como en institucións como o Seminario de Estudos Galegos".

Para o autor, este modelo de desenvolmento vinculado á educación, a cultura e a ciencia "fixo que a cidade ciudad albergue un terzo das institucións de educación superior da Comunidade Autónoma e, sobre todo, que sexa a sede da maior universidade galega". Pero, sobre todo, considera que isto contribuíu que Santiago de Compostela sexa, entre as seis cidades analizadas no seu estudo, a segunda en porcentaxe de institucións museísticas, superada soamente por Bruxelas.

"Estes datos mostran un nivel de centralidade cultural medio, no que o elevado número de institucións museísticas mostra unha clara vontade de converter a cidade nun centro de difusión e, polo tanto, de control cultural do territorio", argúe Casal Oubiña. 

COMPARACIÓNS ENTRE CAPITAIS DE NACIÓNS SEN ESTADO

Na comparación que Casal establece entre as seis cidades analizadas, o autor salienta que a "centralidade de facto" que manteñen "non se ve recoñecida nas normas de autogoberno deste tipo de entidades". Así, sinala que nin a Constitución belga nin os Estatutos vasco e galego nin a Constitución de Quebec "designan as capitais das entidades territoriais que constitúen e moito menos establecen a definición dun réxime administrativo ou fiscal específico". Porén, contrapón estes casos co catalán: "Soamente o Estatuto de Autonomía de Cataluña faino desde 2006 e no caso de Quebec o seu réxime administrativo propio baséase na súa conformación urbana como gran cidade, non na súa condición de capital provincial".

No que se refire ao seu peso económico, Casal expón que mentres Vitoria, Quebec e Santiago de Compostela non alcanzan a representar o 10% do Producto Interior Bruto (PIB) dos seus respectivos territorios, Barcelona e Bruxelas superan ampliamente o 25%, sendo especialmente significativo o caso da capital catalana, que concentra o 32% do PIB catalán.

"Isto significa que [...] a pesar da concentración das institucións de autogoberno nas capitais rexionais analizadas, estas non sempre son centros de decisión económica". Así, nos casos de Quebec e o País Vasco a centralidade económica atópase en Montreal e Bilbao, respectivamente, mentres que no caso de Galicia os seus principais centros económicos son Vigo e A Coruña.

No caso do Estado español, na opinión de Casal este é "especialmente interesante", xa que, en xeral, as capitais presentan unha "elevada centralidade", en boa medida grazas á normativa estatal que define un réxime administrativo específico na Ley 57/2003 de Medidas de Modernización del Gobierno Local (coñecida como Ley de Grandes Ciudades)", que establece un sistema fiscal diferenciado para Barcelona e Santiago de Compostela —non así para Vitoria, que segue un modelo específico polas peculiaridades do sistema fiscal vasco, no que non se lle recoñece ningunha especificidade— no que se refire á participación das capitais nos ingresos do Estado naLey de Haciendas Locales, e no caso específico de Barcelona, ademais, coa Carta Municipal aprobada pola Ley 1/2006. "É polo tanto o nivel central o que outorga ás capitais un marco competencial, fiscal e administrativo diferenciado, cousa que non realiza ningunha das comunidades históricas agás Cataluña",  úica nación se Estado que designa formalmente a súa capital e a dota dun réxime administrativo propio.

CONCLUSIÓNS

Nas súas conclusión, Casal Oubiña expón que "as capitais xogan un importante papel na construción da identidade territorial por parte das nacións sen estado cando acceden ao autogoberno e dótanse de institucións propias que sitúan en poboacións que se converten, de entrada, nunha manifestación do poder  que estes niveis de goberno exercen sobre o seu propio territorio" e que, "coa excepción de Vitoria, son cidades cun papel na historia e a cultura da entidade da que forman parte".

Por último, o politólogo conclúe que "a maioría das entidades territoriais analizadas, agás Cataluña, non chegan a equipararse de todo cos Estados en canto ao valor simbólico e de control territorial do que dotan as súas capitais". 

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago e da Presidencia da Xunta de Galicia.
Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago e da Presidencia da Xunta de Galicia.
Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Pazo de Xustiza na Coruña, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Caronium en Wikipedia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Merucu Xusticieru

Lei 4/ 2002, artigo 2: "Santiago de Compostela e' a capital de Galicia". Que llo digan a esta persoa......

2 Capital

O autor está errado. O feito de que o TSXG estea na Coruña non é unha situación excepcional, ao contrario: en Estremadura a capital é Mérida e o TS está en Cáceres. En Castela e León a capital é Valladolid e o TS está en Burgos. En Andalucía a capital é Sevilla e o TS está en Granada. En Euskadi a capital é Vitoria e o TS está en Bilbao. En Castela A Mancha a capital é Toledo e o TS está en Albacete...

1 Galahaz

"Malia que de iure non é a capital"??? E logo isto (artigo 2)??? http://www.parlamentodegalicia.es/s...

1 Vigués

O autor do estudo trabúcase ao obviar a Lei 4/2002, do 25 de xuño, do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela, pero penso que ao mesmo tempo non lle falta razón, pois non é certo —é unha falsidade— que Compostela sexa a "sede das institucións autonómicas" (de todas), como di o texto desa Lei, xa que o Poder Xudicial se mantén na Coruña. O papel pode dicir unha cousa, pero a realidade é outra, que é que A Coruña mantén co TSXG o seu estatus como co-capital, ao ter o privilexio de ser a capital xudicial de Galicia. De iure ou de facto, Compostela e A Coruña seguen repartíndose as institucións autonómicas e, polo tanto, o poder.

2 Galahaz

Discordo. Capital só hai unha, Santiago de Compostela, que o é de iure desde 2002 (antes érao só de facto). Outra cousa é que as institucións autonómicas estean repartidas entre Santiago e a Coruña, o cal non outorga en ningún caso á cidade herculina a condición de "co-capital". Por exemplo, en Andalucía a sé do Parlamento e do Goberno é Sevilla e a do TSX é Granada, e non por iso Granada é co-capital de Andalucía. A única diferenza neste senso entre Galiza e Andalucía é que alá Sevilla é recoñecida como capital no Estatuto de Autonomía e aquí a declaración legal da capitalidade de Compostela faise nunha lei autonómica, pero entanto a Constitución (art. 147) non obriga aos Estatutos de Autonomía a estabelecer a capital das CC.AA. senón simplemente a fixar a sé das súas institucións, a efectos xurídicos non hai diferenza entre un recoñecemento estatutario e un de rango legal. Por tanto, Santiago é de iure e a todos os efectos a (única) capital.

3 Vigués

Si, claro, non ten ningunha relevancia que o poder xudicial estea na Coruña. En todo caso, que a capital de Galicia non sexa recoñecida no Estatuto xa é moi revelador no plano simbólico. E insisto, o papel minte, xa que as institucións autonómicas non están todas en Compostela. Xa postos a repartir o poder, o Executivo en Compostela, o Xudicial na Coruña e o Lexislativo en Vigo, para ser xustos, ou todas para a capital recoñecida por lei pero non polo Estatuto. Éche de coña...

4 Galahaz

Pois aos efectos da capitalidade non ten ningunha relevancia, claro que non. As institucións autonómicas poderían estar repartidas entre a Coruña, Vigo e Ourense que se legalmente se estabelecese que a capital é Santiago, Santiago seguiría a ser a capital aínda que non tivese ningunha institución. Son dous parámetros distintos, capital é unha cousa (simbólica) e sé das institucións é outra, aínda que normalmente vaian da man. De feito, sendo rigorosos, en termos xurídicos a comunidade autónoma de Galiza non contou con capital até 2002, mais desde a aprobación da Lei 4/2002 Santiago é a capital a todos os efectos (o cal non impide que se poida cambiar mañá mesmo se o Parlamento quixer). Eu critico a inexactitude do titular, que é dobremente criticábel por provir dun estudo dun xurista e politólogo, ao que se lle debe esixir rigorosidade. E sigo mantendo que aos efectos da capitalidade, o reparto das institucións é indiferente. Agardo terme explicado ben.

5 Vigués

Perfectamente explicado, moi claro e non che quito razón. Eu penso que o enfoque do estudo está ben levado, agás en que obvia esa Lei, pero o autor céntrase nos estatutos polo seu valor simbólico (penso eu). E que precisamente Galicia non lle teña recoñecido 100% ese valor simbólico a Compostela como capital no Estatuto penso que si ten relevancia, como a ten que si o fixeron os cataláns no seu Estatuto. Vale que chega coa Lei, pero simbolicamente ten máis valor o Estatuto.