Galicia, un dos lugares que menos recicla de Europa

Sogama só trata 3,32 toneladas de cada 100 que recibe, unhas cifras que están moi lonxe do 50% que esixe reciclar a UE para 2020. A pesar de reciclar o lixo do 94% do territorio galego só ten a 23 persoas contratadas de xeito directo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia é un dos lugares de Europa que menos recicla, se se ten en conta a actividade da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama), que durante o pasado ano só procesou o 3,32% do lixo que recibiu, é dicir, 3,32 toneladas de cada cen.

Planta de Sogama en Cerceda
Planta de Sogama en Cerceda

Segundo reflexa a memoria de sustentabilidade de 2015 que a empresa da Xunta acaba de facer pública, o índice total de reciclaxe (toneladas recicladas/toneladas xestionadas) acadou o 0,00332. isto fai que Galicia teña un dos índices máis baixos de Europa en canto a reciclaxe. De feito, estas cifras son máis baixas que as de 2014 (6,3%) e 2013 (3,4%). Con este panorama será difícil que a Xunta cumpra cos obxectivos mínimos de reciclaxe que a UE fixa no 50% para 2020. 

A sociedade pública insiste no modelo da incineración. De feito, o pasado ano queimou o 74% do lixo que recibiu, mentres que mandou ao vertedoiro ao 26% dos residuos restantes, dos que só reciclou o 3,32%.  

De feito, e se se compara con outros complexos de tratamento de lixo do país, a súas cifras son ínfimas. Así, no complexo de Nostián (Coruña e a Mancomunidade das Mariñas) a reciclaxe acada o 13,4%; e para a Mancomunidade Serra do Barbanza (Lousame) o 35,7%. 

Emprego

Ademais, o informe do 2015 tamén destaca o número de empregados que xera a reciclaxe en Galicia. Son só 23 de xeito directo, todos eles de perfil administrativo e técnico a pesar de que Sogama trata o lixo do 94% dos concellos de Galicia. Unhas cifras ás que hai que sumar outras 329 persoas máis que están empregadas por empresas subcontratadas. En total, o custe anual é de máis de 118 millóns de euros.

Traballadores do transporte de SOGAMA anuncian manifestación en defensa dos postos de traballo no transporte de residuos de SOGAMA
Traballadores do transporte de SOGAMA anuncian manifestación en defensa dos postos de traballo no transporte de residuos de SOGAMA | Fonte:

Isto fai que a ratio de traballadores por 100.000 toneladas sexa de 45. Unhas cifras que tamén contrastan cos postos de traballo que xera a planta de compostaxe do Barbanza, 150 persoas para tratar, tan só 34.000 toneladas.

Ante as cifras deste informe, asociacións ecoloxistas como Adega volven criticar o modelo de incineración da Xunta. “A 4 anos de que a reciclaxe teña que acadar o mínimo do 50% fixado pola UE, a Xunta parabenízanse por ter chegado ao 3,3%. Cun modelo máis propio dos anos 70 do pasado século, SOGAMA segue engulindo enormes cantidades de recursos públicos inmune a toda lexislación e a toda lóxica”, denuncia.

Ademais, destaca que, dende 2008, e coincidindo coa chegada de Feijóo ao poder, as cifras de Sogama eran “segredo de estado”. “Tan só datos espallados nos Planos de residuos e algún outro documento solto permitían á sociedade galega, accionista maioritaria da empresa (51% Xunta; 49% GN Fenosa), albiscar o que estaba a acontecer intramuros do complexo de Cerceda”, indica. Por iso, critica duramente os datos que amosan, agora, este informe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Verdá Chovi

Pois a Marearnos e seguir facendo como En Marea opoñernos á compostaxe