Os medios galegos son os segundos que publican máis novas negativas sobre os xitanos

Malia que Galicia é unha das autonomías con menos persoas desta etnia, a prensa do país préstalle moita atención, e maioritariamente de xeito negativo.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 10/11/2016 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

Un 51,7% das novas publicadas o pasado ano 2015 en Galicia sobre a comunidade xitana trasladaban unha imaxe negativa deste colectivo, o que sitúa de novo á comunidade, xunto con Baleares, como as autonomías con maior porcentaxe de “textos desfavorables” sobre este pobo no informe ¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el pueblo gitano 2015, que edita anualmente a Unión Romaní. O presidente desta organización non gubernamental, Juan de Dios Ramírez Heredia, presentou este estudo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Univesidade de Vigo, nun acto no que puxo de relevo a necesidade de “cambiar a mentalidade dos comunicadores que moitas veces engaden á palabra xitano innecesariamente” a unha noticia.

Juan de Dios Ramírez Heredia
Juan de Dios Ramírez Heredia

“De nada servirán todos os programas que poidamos realizar se non gañamos a batalla dos medios de comunicación social”, engadiu este ex-deputado e ex-parlamentario europeo nun acto presentado polo decano do centro, Xosé Baamonde, e no que Ramírez-Heredia denunciou que “o racismo e a intolerancia medran”. O representante da Unión Romaní lembrou na súa intervención o poder da comunicación á hora de “conformar a mentalidade da sociedade”, motivo polo que lamentou que, fronte ao que recollen “numerosos códigos deontolóxicos”, continúe a darse información sobre etnias ou razas en informacións “moitas veces relacionadas con comportamentos incívicos ou delituosos". 

Un estudo froito da análise de preto de 2500 noticias

A última terceira edición do informe que Unión Romaní vén editando desde 1995, co financiamento do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, parte da análise dun total de 2.433 noticias publicadas ao longo do pasado ano por 325 xornais impresos e dixitais, así como do estudo de varios programas de televisión. Estas informacións son catalogadas, segundo explicou Ramírez-Heredia, por un grupo de xitanos e xitanas, que son os que determinan “se esa información lles beneficia, prexudica ou é neutra e simplemente informa dunha realidade”, cuestión que segundo salientou outorga “autenticidade a un estudo rigoroso”. 

Esta análise sitúa no 19,9% a porcentaxe de noticias cualificadas como negativas no conxunto do Estado, mentres que as marcadas por ese enfoque neutro alcanzan o 60,9% e as positivas o 19,1%, segundo recollen as conclusións dun informe no que a Unión Romaní destaca como ese “tratamento negativo foi especialmente predominante” nas novas que abordaron temas como “a lei xitana, agresións ou delincuencia”, ámbitos no que as novas foron cualificadas deste xeito no 90,9%, 72,3% e 69,5% dos casos. Do mesmo xeito, o informe apunta como unha “materia pendente” a consulta de fontes pertencentes á propia comunidade xitana, que non están presentes no 71,2% das novas analizadas. 

O caso de Galicia

No relativo a Galicia, desde Unión Romaní recoñecen que o tratamento xornalístico das informacións relacionadas con este colectivo merece “unha análise profunda”, xa que “pese a ter pouca poboación xitana en comparación con outras autonomías”, figura sempre neste estudo como unha das autonomías que máis novas publican sobre esta. No caso de 2015, Galicia ocupou o cuarto lugar nesta clasificación, cun 10,5% do total das novas. Pero no aspecto no que máis se incide desde esta organización é nesa consideración negativa que atribúen a preto do 52% das noticias publicadas, só superada polo 54,5% de Baleares e moi por riba de Madrid, co 28,9% e Andalucía, co 14,3%, as dúas comunidades que máis novas publicaron o pasado ano sobre esta comunidade. Así mesmo, esta porcentaxe é tamén superior á rexistrada pola comunidade galega na anterior edición do informe, que situaba no 41,8% a porcentaxe de noticias negativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta