Feijóo, ante Rajoy: “Galicia nunca pedirá máis do que lle corresponde nin se conformará con menos”

O líder do PPdeG promete o seu cargo como presidente da Xunta nun acto no Parlamento galego, xunto ao xefe do Goberno central, no que pediu diálogo á oposición e "estabilidade política e institucional" para afrontar os retos do futuro. Tamén dixo que Galicia non estará ausente de ningún debate territorial que cuestione a soberanía común ou un financiamento xusto no Estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/11/2016 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, proclamou, tras prometer o seu cargo como presidente da Xunta por terceira vez, que Galicia "pode e quere ser un modelo de estabilidade" para España, que no seu Goberno terá "un aliado fiel", á vez que, nunha alegación final dirixida ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, lanzou unha declaración de intencións: "Galicia nunca pedirá máis do que lle corresponde, nin se conformará con menos".

Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, no acto no Parlamento galego no que o líder do PPdeG prometeu o seu cargo como presidente da Xunta
Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, no acto no Parlamento galego no que o líder do PPdeG prometeu o seu cargo como presidente da Xunta | Fonte: TVG.

No acto institucional da Cámara galega, Feijóo declarouse "discípulo" do pobo galego e remarcou que Galicia "sabe o que quere", despois de lograr preservar nas urnas a única maioría autonómica do Estado. A continuación, situou a "estabilidade política e institucional" como "requisito esencial" para afrontar os retos do futuro.

"Estabilidade do autogoberno galego e estabilidade tamén da nación española da que Galicia forma parte, e da Unión Europea á que nos vinculan pasados, valores e obxectivos comúns", sentenciou, convencido de que, aínda que a maioría absoluta de Galicia é "unha excepción" en España, non supón unha "anomalía". O "anómalo", contrapuxo, é o "bloqueo institucional", as "liñas vermellas arbitrarias" ou insistir en "prexuízos" que dificultan a gobernabilidade.

Neste sentido, proclamou que Galicia "pode e quere ser un modelo de estabilidade para España" e pediu a Rajoy que lle traslade ao Rey Felipe VI que el é coñecedor de que a súa promesa como presidente galego supón tamén exercer de "representante ordinario" do Estado en Galicia. Farao "con orgullo e con permanente lealdade a España".

Dito isto, subliñou que Galicia non estará ausente de ningún debate territorial que cuestione a soberanía común ou un financiamento xusto para todos os cidadáns e todas as comunidades que conforman España". No peche da súa intervención, apelou directamente a Rajoy e destacou o seu discurso "manuscrito" como proba de que "sente" a súa terra.

"Galicia sempre estará aí. Nunca pedirá máis do que lle corresponde, pero nunca se conformará con menos do que lle corresponde", trasladou Feijóo ao seu xefe de filas, antes de concluír que, superados os mandatos electorais, ao final o que queda é "ser galegos".

"AVANZAR TODOS" PARA AFRONTAR O FUTURO

Feijóo, quen destacou e agradeceu a presenza no acto dos portavoces da oposición galega, tamén profundou na súa chamada ao diálogo, un empeño que xa plasmou no seu discurso de investidura desta semana.

Non en balde, mostrouse convencido de que "a unidade colectiva e a estabilidade institucional son unha garantía para converter ese futuro en aliado".

Ante os máis de 500 convidados que participaron no acto institucional do Pazo do Hórreo, entre os que se atopaban a súa nai, a súa irmá, e a súa parella, Eva Cárdenas, Feijóo pediu que o pobo galego lle ilumine na tarefa de "empezar a vivir no futuro" e de asumir o reto de que "perdure" un dos pobos "máis antigos do mundo".

"Conto para iso co recordo e o exemplo dun galego que non está, pero tamén coa motivación e coa ilusión dun galego que está por vir", concluíu Feijóo, tras unha pausa emocionada, nun ano no que perdeu ao seu pai, pero tamén recibiu a noticia de que será pai por primeira vez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Españolistas dades noxo

"Nunca pedirá máis do que lle corresponde" pois aí debe ter aínda 20 competencias exclusivas sen executar, o pailán este.

1 Anónimo

Participade na enquisa que estou a facer pra saber se queredes que se diga Francia ou Franza (ou France). Podedes participar en https://estensiondogalego.wordpress...