Galicia axuda a Mozambique a consolidar a súa actividade acuícola e investigación pesqueira

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) viaxan ao país africano para ampliar a formación do persoal do Instituto Nacional de Investigação Pesqueira na avaliación de stocks de cefalópodos e na realización de mostraxes para o cultivo de moluscos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/11/2016 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Contribuír á loita contra a pobreza e á mellora das condicións de vida e da seguridade alimentaria das comunidades rurais e costeiras da provincia de Cabo Delgado é o obxectivo xeral das accións que a Fundación Cetmar está a desenvolver en Mozambique, da man do Instituto Nacional de Desenvolvimento de Pesca e Aquacultura (IDEPA) e do Instituto Nacional de Investigaçao Pesqueira (IIP).O Centro Tecnolóxico do Mar, que vén traballando co país africano en diferentes proxectos dende o ano 2006, conta con financiamento da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega para a execución deste proxecto, que se iniciou en xaneiro deste ano e finalizará en decembro de 2017.

Pesca en Mozambique
Pesca en Mozambique | Fonte: CETMAR.

As actividades previstas pretenden incrementar as fontes de ingresos sustentables para as comunidades rurais e costeiras de Cabo Delgado, a través da consolidación da acuicultura na zona e do reforzo da investigación pesqueira. Con este fin, e máis concretamente para aumentar o coñecemento científico cara á xestión sustentable dos recursos mariños en Mozambique, están previstas varias accións nas vindeiras semanas.
Así, técnicos e mostradores do IIP participarán no curso organizado pola Fundación Cetmar, que se desenvolverá do 16 ao 18 de novembro. O seu obxectivo é fortalecer as súas capacidades en materia de avaliación de stocks de cefalópodos a partir de protocolos de mostraxe de polbo e lula, deseñados pola institución galega en proxectos anteriores.

Ademais deste seminario de carácter nacional, dará comezo outra das actividades do proxecto que consiste na avaliación de áreas cara a captación de sementes de moluscos (ostra e mexillón) do medio natural. Así, prestarase apoio aos técnicos do IIP na realización das mostraxes necesarias e na avaliación dos resultados a partir de protocolos dispoñibles para ese fin e adaptados ás características da zona polo Cetmar. A misión dos técnicos da Fundación galega en Mozambique contempla ademais unha visita aos proxectos de acuicultura de Mueda e Montepuez, situados en Cabo Delgado.

OUTRAS ACCIÓNS

Esta actividade dá continuidade ás accións levadas a cabo no mes de xuño sobre o terreo, tamén con presenza de persoal de Cetmar, e que consistiron nunha formación para piscicultores sobre o uso do caderno do acuicultor, considerado como unha ferramenta básica para entender o desenvolvemento do cultivo.

Ademais, aproveitando os bos resultados doutras experiencias de cultivo de tilapia na zona, fomentouse un intercambio de boas prácticas de xestión e iniciativas de comercialización entre os acuicultores da provincia de Cabo Delgado. Finalmente, deseñouse e púxose en marcha un programa de seguimento do uso do caderno do acuicultor que foi integrado no programa de traballo do servizo de extensionistas.

O proxecto rematará co apoio da Fundación Cetmar no ámbito da investigación pesqueira mediante o deseño dun modelo produtivo para o cultivo de moluscos, accións que levará a cabo o Instituto Nacional de Investigaçao Pesqueira. No ámbito da acuicultura, está previsto o desenvolvemento e actualización do censo de piscicultores da provincia de Cabo Delgado, unha medida que levará a cabo o Instituto Nacional de Desenvolvimento de Pesca e Aquacultura, inform a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta