Así investiron en publicidade institucional os gobernos do PP e do bipartito

Profesores da Universidade de Alacant mostran que "durante o goberno PSdeG-BNG se produciu o maior incremento de insercións" publicitarias da Xunta, nun estudo con datos de 1999 a 2009. Por sectores, o PP gastou máis en publicidade sobre Educación/Cultura/Investigación, Emprego e Promoción de calidade, mentres que o bipartito disntiguiuse por máis campañas da Denominación de orixe, Impostos, Tráfico e Uso de transportes públicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

En que medida os cambios de goberno inciden na publicidade institucional? A partir desta pregunta, os profesores Emilio Feliu García e Ángeles Feliu Albaladejo, do Departamento de Comunicación e Psicoloxía Social da Universidade de Alacant, realizaron un estudo sobre as insercións de publicidade pagada tanto pola Administración estatal como polas autonómicas, salientando os casos catalán e galego pola súa singularidade, nos que se demostrou que "o paso de gobernos monocolor a gobernos de coalición na Generalitat catalá e a Xunta de Galicia tamén se traduce en cambios máis ou menos substanciais na publicidade institucional", indican os autores, que analizaron o período 1999-2009, no que "se produciron distintos cambios de goberno: na Administración Xeral do Estado, na Generalitat de Catalunya e na Xunta de Galicia". 

Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de violencia de xénero.
Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de violencia de xénero.

O estudo, titulado 'Publicidad institucional y cambio de gobierno', vén de ser publicado nas 'Actas del I Congreso Internacional Comunicación y Pensamiento. Comunicracia y Desarrollo Social'. Nel, o caso galego é notablemente destacado polos investigadores, que partiron da hipótese de que "a cor política dos gobernos incide claramente na cantidade de publicidade realizada como no carácter da mesma". 

Os autores mediron o chamado Indicador de Esforzo Publicitario (IEP), que representa o número anual de insercións producidas por cada 100.000 habitantes, partindo de datos de inserción da base de InfoAdex. 

ETAPA FRAGA VS BIPARTITO

No caso da Xunta de Galicia, os investigadores mostran como "durante o período de goberno de coalición PSdeG-BNG se produciu o maior incremento do número de insercións" publicitarias da Xunta, no período analizado.

Evolución das insercións publicitarias dos distintos gobernos da Xunta de Galicia (1999-2009)
Evolución das insercións publicitarias dos distintos gobernos da Xunta de Galicia (1999-2009) | Fonte: Actas del I Congreso Internacional Comunicación y Pensamiento. Comunicracia y Desarrollo Social.

Sobre os datos recollidos, matizan que "ao producirse o cambio da adscrición política do goberno en agosto de 2005, debemos considerar este ano como unha etapa de transición, aínda que a maioría das insercións poden atribuírse ao goberno saínte".

Respecto ao último período, "tras a chegada do novo goberno popular en 2009 obsérvase un drástico descenso da actividade publicitaria institucional da Xunta (con 4.292,5 insercións), fronte ao observado en termos xerais na maioría de administracións autonómicas e do Estado". Con todo, os autores salientan que "dita diminución parece un feito puntual, posto que en 2010 se duplicaría practicamente esta cifra, ata alcanzar as 8.429,5 insercións", o dobre que no ano anterior, pero por debaixo dos picos acados durante o bipartito en 2008.

Os resultados da investigación mostran que o esforzo publicitario na etapa Fraga foi bastante discreto, agás nos seus dous últimos anos de goberno, cando se disparou, pasando de entre 4.000 a 6.000 insercións entre 1999 e 2002, ás arredor de 10.000 no ano 2004.

Durante o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño (PSdeG), en coalición co BNG, danse os indicadores máis altos, acadando o seu pico máis alto en 2008, con arredor de 13.000 insercións. "O IEP descende drasticamente o primeiro ano de goberno de Núñez Feijóo (PP), en 2009", sinalan os investigadores.

"O Indicador de Esforzo Medio durante o primeiro goberno do Partido Popular (290,54) superouse xa no ano de transición (2005, no que se celebraron eleccións autonómicas en xullo) e pasou a ser 374,81 no goberno PSOE/BNG, para descender drasticamente en 2009 (primeiro ano do novo goberno popular) ata 153,52", aportan os autores do estudo.

COMPARACIÓN POR SECTORES 

No caso galego, os profesores da Universidade de Alacante observan tamén que "a atención prestada a cada sector non foi a mesma, como cabía esperar, cos distintos gobernos". Os resultados foron agregados en tres fases: a primeira con goberno maioritario do Partido Popular presidido por Fraga Iribarne; a segunda, gobernada en coalición polo PSGa e o BNG baixo a presidencia de Emilio Pérez Touriño; e a última, formada polo ano de transición da VII á VIII Lexislatura (2009), con novo goberno popular presidido por Alberto Núñez Feijóo.

"Debemos sinalar que as insercións correspondentes aos anos de inicio de lexislatura (2001, 2005, 2009), é de supoñer que responden en grande medida a iniciativas dos gobernos saíntes", aclaran os autores. Neste sentido, destacan o acontecido en 2005, "ano de cambio da cor política do goberno, producido o 2 de agosto", cando "a gran maioría da publicidade institucional se inseriu nos meses anteriores á toma de posesión do novo goberno". "Se a iso engadimos os prazos necesarios para convocar concursos, realizar adxudicacións, etc., podemos atribuír á acción do novo goberno as actuacións desenvolvidas nos dous últimos meses do exercicio", apuntan. 

Tendo en conta a diferente duración dos distintos gobernos, pódese apreciar que, "mentres algúns sectores non parecen depender do espectro ideolóxico do partido gobernante (Consumo, Deportes, Información de actuacións, Limpeza e ecoloxía, Sanidade), outros teñen máis presenza durante os gobernos do PP (Educación/Cultura/Investigación, Emprego, Promoción de calidade) ou da coalición PSG/BNG (Denominación de orixe, Impostos, Tráfico, Uso de transportes públicos)", conclúen os investigadores.

Insercións publicitarias da Xunta por sectores, nas distintas lexislaturas (1999-2009)
Insercións publicitarias da Xunta por sectores, nas distintas lexislaturas (1999-2009) | Fonte: Actas del I Congreso Internacional Comunicación y Pensamiento. Comunicracia y Desarrollo Social.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pero aquí temos outra maneira de facer as cousas... encher directamente os petos das Empresas Editoriais sen siquera inserir publicidade instituticional.... Cheque Xornal ? A min encantaríame saber canto gasta Abel Caballero en subvencionar os medios locais: Faro de Vigo e Localia Vigo e dixitais como Vigoe... ? Se alguén se anima...?