Convocados os Premios de Xornalismo de Afundación

O Premio Julio Camba suma 38 convocatorias e o Fernández del Riego, 14.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/11/2016 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) e Ámbito Cultural de El Corte Inglés convocan a XXXVIII edición do Premio de Periodismo Julio Camba e a XIV edición do Premio Fernández del Riego, unha referencia ambos os dous dentro do seu ámbito. A esta nova convocatoria poderanse presentar todos aqueles artigos incluídos no xénero de xornalismo literario ou ben no de artigo de opinión, coa única condición de que só se pode achegar un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas. O prazo de presentación dos traballos rematará o 28 de abril de 2017.

Francisco Férnandez del Riego
Francisco Férnandez del Riego | Fonte: lanarrativabreve.blogspot.com

Para todos aqueles artigos realizados en lingua galega, Afundación e Ámbito Cultural do Corte Inglés presentan o XIV Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego. Por outra banda, os textos presentados en castelán competirán polo XXXVIII Premio de Periodismo Julio Camba. A condición temporal establecida en ambos os casos implica que tan só aqueles artigos publicados entre o 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2016 son susceptibles de ser aceptados. 

O xurado, formado por profesionais no campo xornalístico e literario, dará a coñecer o seu veredicto no primeiro semestre de 2017. Cada un dos premios está dotado con 6000 €. Entre os gañadores destes dous galardóns podemos sinalar, entre os máis recentes, nomes tan importantes como Pedro Ugarte, Ramón Pernas, Andrés Trapiello, Manuel Rivas, Santiago Lamas, Ángeles Caso, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Darriba, Luis Ventoso, Manuel Bragado, Ignacio Camacho, Luís Pousa, e Ramón Loureiro e Tamara Montero, gañadores da última edición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta