Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/11/2016 | Actualizada ás 08:00
O 13 de novembro de 2002 un petroleiro de triste nome, Prestige, atopábase transitando con 77 000 de toneladas de cru a 28 millas (52 quilómetros) de Fisterra cando sufriu unha vía auga. Un forte temporal agravou as súa condición e fixo moi difícil a actuación dos escasos medios cos que contaba Galicia para facer fronte á situación. O 19 de novembro, tras tentar afastalo de terra, e logo de días manchando a costa galega, partiu en dous e afundiuse a unha profundidade de 3850 metros de profundidade e 250 quilómetros de Galicia provocando o peor desastre ecolóxico do país.
Catorce anos despois daquel incidente, pouco cambiou a seguridade no mar. Destacados especialistas teñen asegurado que, de repetirse unha situación semellante, outra gran mancha tinguiría, novamente, de negro as nosas costas... E, por que?.
Desde o accidente, e a pesar das promesas do distintos gobernos do Estado, pouco se fixo para mellorar a seguridade no mar. 44.000 buques con materiais perigosos seguen atravesando o Corredor de Fisterra cada ano poñendo en risco a costa e sen que haxa, aínda, un protocolo efectivo para facer fronte a un novo accidente. E é que o Plano de Continxencia contra Contaminación Mariña Accidental (Camgal), aprobado tras a catástrofe está moi incompleto en aspectos importantes da seguridade marítima.
De feito, non conta, aínda, cun porto refuxio onde levar os barcos sinestrados en caso de accidente. Unha petición realizada por numerosos expertos e que, sen embargo, a Administración central non quixo atender ante o temor de que a escolla do porto signifique fortes mobilizacións sociais.
Deste xeito, e se volve acontecer un novo Prestige, a decisión de levalo a un porto –ou non--, dependerá do Goberno central e deberá elixir que facer posto que as barreiras anticontaminación atópanse en Vigo, Cambados, Ribeira e na Pobra, mentres que o lugar de atraque natural ante unha catástrofe, e tal como teñen apuntado diversos expertos atópase na costa norte de Galicia, especialmente, na ría de Ares, polas súas boas condicións naturais para conter unha fuga masiva de petróleo.
Plan Galicia
Tampouco se cumpriron as promesas que no seu día fixo o Goberno de Aznar para rexenerar económica, social e medioambientalmente a zona e que se fixeron públicas a través dun pomposo proxecto chamado Plan Galicia. Así, e a pesar da limpeza das costas, o fuel do Prestige segue chegando puntualmente aos areais galegos. As últimas achegas producíronse en marzo e en outubro pasado na praia de Nemiña en forma de pequenas e grandes galletas.
Por outra banda, determinadas infraestruturas prometidas tardaron moitos anos en materializarse e, cando se fixeron, foron a medias, como a Autovía da Costa da Morte, que non se abriu ata este 2016 e só a metade do trazado previsto.
Outras correron aínda peor sorte, como foi o prometido Parador de Muxía –a considerada zona 0 da traxedia-- que non só non está rematado, se non que está paralizado invadindo ademais unha zona natural de valor incalculable.
Xuízo
No plano xudicial, só houbo un acusado, o capitan do buque, Apostolos Mangouras. Unha decisión xudicial que tras anos de proceso está recorrida no Tribuna Constitucional e mesmo pode chegar ao Tribunal Europeo. Nin a armadora, nin os cargos do Goberno central encargados da xestión do sinistro foron condenados. Tampouco o fretador do buque, que, curiosamente, apareceu nos papeis de Wikileaks con negocios coa mafia rusa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.