Temas: PORTUGAL CIG

A CIG advirte que as condicións que Coren teima impor son de “semiescravitude”

No conflito pola incorporación de cooperativas de autónomos a Frigolouro está en xogo moito máis que o posíbel traslado a Portugal desta planta de 600 traballadores.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 15/11/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Suso Seixo, secretario da CIG, pronúnciase sobre un dos conflitos laborais máis significativos durante os últimos anos no país. Frigolouro é unha filial de Coren que ameazou con levar a súa planta de procesado de carne a Portugal se os sindicatos seguen opoñéndose a incorporación das chamadas “cooperativas de autónomos”. En opinión da central nacionalista, os traballadores non poden ceder porque do contrario estarían condenados a unhas condicións de semiescravitude.

Protesta do persoal de Frigolouro, do grupo Coren
Protesta do persoal de Frigolouro, do grupo Coren | Fonte: CCOO

“O que pasa co tema das cooperativas de autónomos é tremendo. Xa non é que a través da presión as empresas conseguira que o Goberno legalizara a figura dos falsos autónomos, agora xa van ao modelo das cooperativas que son traballadores que carecen de dereitos fundamentais como o de acollerse a un convenio ou o de folga. No caso de Frigolouro, na cooperativa que está aló traballando [Servicarne] non teñen dereito a pagas extras, nin a vacacións. É case unha situación de exclavitude”, denuncia Seixo.

Frigolouro comezou a prescindir de asalariados e incorporar a autónomos no Porriño a través de Servicarne hai anos.  Os sindicatos levaron o asunto a Xustiza e están a espera da resolución do preito. Son relativamente optimistas de que o xuíz, en base a un informe crítico da Inspección de Traballo, ditamine que a filial de Coren está a cometer un fraude de lei.

Tras meses de folgas, impagos de salarios e tensión; a empresa emitiu un comunicado advertindo que xa atopara terreos susceptibles para irse ao norte de Portugal, argumentado que necesitaba baixar custes salariais dado que a competencia xa utiliza a cooperativas como Servicarne. Posteriomente, matizou as súas declaracións, indicando que está a negociar cos sindicatos e que non pechará no Porriño. Iso si, advirte que os novos proxectos poden ir ao Estado luso.

Ante a incertidume creada, a compañía está a recibir presión en diferentes frontes. Os sindicatos xa lle lembraron a Coren que é unha empresa galega que recibe fortes subvencións da Xunta. O BNG pediu ao goberno do Porriño (PP) que peche a porta a que se poida especular cos terreos onde está a actual planta.  O asunto chegará probablemente ao Parlamento de Galicia nos próximos meses.

Protesta dos traballadores de Frigolouro diante da delegación da Xunta
Protesta dos traballadores de Frigolouro diante da delegación da Xunta | Fonte: CIG

O que está en xogo con Frigolouro é moito máis cun conflito puntual nunha empresa que ten uns 600 empregados. Ademais de ser significativo pola ameaza de irse a Portugal, onde xa se mudaron numerosas compañías do país, se a opción de Servicarne triunfa nos xulgados, como xa sucedeu noutras partes do Estado, pode ser un precedente para outras industrias. A perda de dereitos dos proletarios de sectores como as plantas de procesado de alimentos ou a industria é evidente.

Por iso, o líder da CIG advirte  aos empresarios que “se queren ameazar con iso, que ameacen con iso, nós non imos repregarnos a ter unhas condicións laborais dignas; nós sabemos que é unha batalla que depende da correlación de forzas”. “Se nos deixamos arrastrar por ese camiño, onde imos parar?” pregúntase Seixo. Estas declaracións forman parte dunha entrevista con Suso Seixo que GC publicará completa mañá mércores.

Suso Seixo
Suso Seixo | Fonte: cig
Temas: PORTUGAL CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta