Un cento de traballadores péchase en Cee á espera de Feijóo

Inician un peche no Concello de Cee ata que Feijóo os reciba. Esta é a crónica do seu primeiro día de protesta dos traballadores de Ferroatlántica.

Por Galicia Confidencial | Cee | 22/11/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Xa o anunciaron a semana pasada e, ao final, cumprírono. Os traballadores de Ferroatlántica iniciaron este luns un peche no Concello ata que Feijoo atenda as súas esixencias. E toca cumplilo. E non é sinxelo deixar a familia e poñerse a loitar polo teu posto de traballo. 

Traballadores e veciños no Concello de Cee protestan pola situación de Ferroatlántica
Traballadores e veciños no Concello de Cee protestan pola situación de Ferroatlántica | Fonte: QPC

Finalmente, foron un cento os traballadores que se pecharon no Concello de Cee. Manterán a súa protesta ata que Feijoo reciba ao Comité e confirme que esixirá o mantemento da vinculación entre as actividades de produción de enerxía hidroeléctrica e de ferroalealiaxes, a “única garantía dos postos de traballo” segundo o comité.

Contan co apoio municipal, En Marea, o PSdeG e o BNG, tamén dos sindicatos e distintas entidades sociais. O peche se complementará, ademais, con concentracións diarias – de 18:30 a 19:30 horas – diante do concello ceense así como seguir recadando apoios a través de reunións e recollida de sinaturas.

A maior parte dos traballadores pasou a primeira noite no salón de plenos. De feito, xa comezan a  a formar parte da vida diaria do Concello ata que Feijoo tome en consideración as demandas do Comité. Con presencia continua do Comité, e dos sindicatos, os traballadores repartiránse a quendas para manifestar que a loita está moi aberta.

O silencio da Xunta

“Cada minuto que a Xunta permanece en silencio,  estalle dando azos á empresa para seguir con esta operación. Temos que lograr que a Xunta diga claramente que non se poden vender as centrais e por outro lado, temos que presionar a Ferroatlántica para que cese de vez nas súas intencións”, aseveraba Paulo Carril da CIG ao inicio do encerro.

Peche dos traballadores de Ferroatlántica no Concello de Cee
Peche dos traballadores de Ferroatlántica no Concello de Cee | Fonte: QPC

A este respecto, Xabier Santos acusaba á Xunta de converterse coa súa actitude ambigua en “cómplice” da empresa, censurando que “mentres o PP na comarca se coloca detrás da pancarta contra a venda das centrais, o PP na Xunta actúa como verdugo desta bisbarra”.

O Comité segue esixindo que o presidente da Xunta que se poña de parte dos traballadores e non de parte de Villar Mir, “como se puxo o goberno de Fraga no 92, cando Villar Mir quixo segregar a empresa para levar a producion a Venezuela, Sudáfrica e China a moito menos custe”.

“Nada mudou que permita autorizar a segregación”

Nese sentido, non entenden por que “en febreiro deste ano aprobouse por unanimidade unha moción do BNG, enmendada polo PP, evitando a segregación, e agora o goberno do PP non pode facer o propio”. Entenden ademais que a pesar de que a UE está a favor da libre competencia, “isto é competencia da Xunta de Galicia”.

Daquela foi o Parlamento de Galicia, nunha decisión posteriormente ratificada polos tribunais de xustiza, quen impediu a separación de actividades, coa finalidade de salvagardar o interese público da explotación dos nosos recursos naturais. “Nada mudou dende entón que permita autorizar a segregación das actividades”, aseverou Mouzo, “nin os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico amparan as pretensións da empresa, nin a suposta repercusión da venda na comarca xustifican esta operación”.

Polo momento xa contan co apoio social, tanto da veciñanza como das entidades sociais, e tamén dalgúns medios de comunicación. Mesmo a TVG achegouse este luns polo peche para informar. Tamén o Parlamento Galego abordará este asunto con preguntas do propio PP, e En Marea, PSOE e BNG.

Do medio colaborador Que Pasa na Costa

Ateigado o Salon de Plenos do Concello de Cee para a rolda de prensa do peche do Comité de Ferroatlántica
Ateigado o Salon de Plenos do Concello de Cee para a rolda de prensa do peche do Comité de Ferroatlántica | Fonte: QPC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 fruiti

Que vergonza algun deses meteu una foto de Feijo na cochiqueira dos porcos...e onde esta o inutil do vello+Vieiras