Estrean o documental ‘Mareas Vermellas’ para explicar estes fenómenos tóxicos á cidadanía

A peza audiovisual é unha produción de Bioimaxe, foi rodada na Ría de Vigo e explica de forma divulgativa as causas e efectos destes fenómenos tóxicos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/11/2016 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Achegar coñecemento ao gran público sobre as mareas vermellas que afectan as nosas rías. Este é o propósito do documental 'Mareas Vermellas', unha produción de Bioimaxe - Imagen Subacuática y Servicios Marinos, en colaboración con Ardora Formación y Servicios, S. Coop. Galega, e financiado por la Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). O documental, que se estrea hoxe, foi dirixido por Manuel E. Garci, con guión e asesoramento de Jorge H. Urcera, e a el contribuíron tamén Francisco Rodríguez e Santiago Fraga, membros do grupo de investigación VGOHAB, do Instituto Español de Oceanografía-IEO, asesores científicos do proxecto; Teresa Rivas, responsable de comunicación de Ardora, e María Rodríguez Rey, do equipo de rodaxe de Inxenia Audiovisual.  

Imaxe do documental 'Mareas Vermellas'
Imaxe do documental 'Mareas Vermellas' | Fonte: Bioimaxe.

O Edificio Cambón, sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en Vigo, foi o escenario elixido polos produtores deste documental para estrear en Galicia unha peza que foi en parte financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

Ademais do documental, creouse unha páxina web —mareasvermellasgalicia.com— para explicar o proxecto ao gran público. na que ademais se inclúe un sistema de alertas para que calquera cidadán poida avisar da posoible presenza de algas tóxicas.

O documental —en versión en galego, castelán e inglés, ademais de en lingua de signos— inclúe entrevistas con científicos do Intecmar —centro encargado de realizaros controis—, do Centro Oceanográfico de Vigo e do Instituto de Investigacións Marinas-CSIC, ademais de bateeiros.

Como se explica no propio proxecto, España —grazas exclusivamente a Galicia— é o primeiro produtor de moluscos da Unión Europea. O seu cultivo en Galicia supón o 40% da produción total da Unión Europea e aredor do 20% da produción mundial. Galicia representa arrexor do 95% da produción estatal.

Os autores do documental lembran que "o marisqueo e a produción de mexillón e doutros bivalvos son actividades de gran importancia para a economía galega, dos que dependen directamente un gran número de familias que levan sufrindo durante os últimos anos un maior número de paralizacións da súa actividade debido ao incremento do número de episodios de presenza de biotoxinas".

Para explicar esta realidade, realizaron este documental, no que se explica a relación existente entre as condicións oceanográficas e a dinámica fitoplanctónica responsable da presenza de biotoxinas na rías, pero dun xeito dixerible, achegando coñecemento ao gran público.

O documental mostra os tipos de biotoxinas detectadas, as especies de fitoplancto que as producen, así como as causas e factores que determinan a aparición dos fenómenos tóxicos nas rías e a súa consecuencia sobre a explotación dos moluscos bivalvos.

Ademais, como explican os propios autores, "o audiovisual pretende visibilizar o papel da comunidade científica na investigación de sistemas fiables de detección e de métodos de análises exhaustivas que consigan a prevención ou detección temperá destes episodios tóxicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta