Breogán, triunfo e liderado

O Cafés Candelas vence 80-76 a Melilla no Pazo, suma a oitava vitoria en once xornadas e recupera o liderado polo basket-average. Michael Fakuade, 16 puntos e 11 rebotes, o mellor dos lucenses. Os derbis con Marín Peixegalego e Leyma Coruña, vindeiras citas.

Por gcdeportes | Lugo | 26/11/2016 | Actualizada ás 22:31

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CB Breogán 80:
Juan Fernández (8), Sergi Quintela (0), Gilling (4), Fakuade (16), Geramipoor (9) –cinco inicial- Josep Franch (8), Rafa Huertas (11), Iván Cruz (7), Salva Arco (7), Matt Stainbrook (2) e Jorge Romero (8).
Melilla 76: Pedro Rivero (10), Suka-Umu (16), Eloy Almazán (6), Van Wijk (5), Edu Gatell (1) –cinco inicial- Jorge Sanz (3), Arteaga (14), Pablo Almazán (13), Ott (3) e Héctor Manzano (5).
Parciais: 22-25, 22-20 (44-45), 20-17, 16-14 (80-76).
Árbitros: Alberto Sánchez Ardid e Alfonso Olivares Iglesias. Eliminaron por cinco faltas persoais a Edu Gatell.

Iván Cruz tenta anotar ante a oposición de Arteaga.
Iván Cruz tenta anotar ante a oposición de Arteaga. | Fonte: CBBreogan

Vitoria traballada do Breogán ante un duro Melilla. Vitoria de pico e pa, dende a defensa, con moito sufrimento. O Breo tardou case 20 minutos en poñerse por diante, acadou a máxima diferenza (76-69) a 2:19 do final e gañou anotando nos últimos dous minutos tan só catro tiros libres. Ao final, 80-76, oitava vitoria en once xornadas, e liderado polo mellor basket-average. As vindeiras citas, dous derbis: sábado de novo no Pazo con Marín e martes 6 en Riazor co Leyma.

Suka-Umu anotou os oito primeiros puntos para Melilla, que comezou mandando 5-11. Os puntos de Fakuade termaban do Breo, pero dúas triplas de Pedro Rivero e os visitantes puxéronse 15-23 malia o regreso de Salva Arco ao equipo. Natxo Lezcano parou o partido e un parcial de 5-0 dos lucenses apertou o marcador ao final do primeiro cuarto: 22-25.

Un 2+1 de Arco e unha tripla de Iván Cruz igualaron o encontro (32-32), pero os lucenses non conseguían parar a Olivier Arteaga (11 puntos no segundo cuarto) e Melilla seguía por diante (32-38). Con triplas de Rafa Huertas, Josep Franch e Jorge Romero, o Breogán púxose por primeira vez por diante (43-42). No tempo de lecer, 44-45.

Seguiu a igualdade tralo descanso, pero sempre con Melilla un paso por diante (45-49, 50-54). Dúas triplas de Fakuade, o mellor dos lucenses, volveu poñer a Breogán por riba (58-57). Os lucenses chegaron a poñerse cinco arriba, pero unha tripla do ex-breoganista Van Wijk deixou todo por decidir para os últimos dez minutos: 64-62.

Equipo e afección celebran a importante vitoria ante o Melilla.
Equipo e afección celebran a importante vitoria ante o Melilla. | Fonte: CBBreogan

Os dous equipos apertaron en defensa e as canastras escaseaban, pero agora era o Breogán quen levaba a iniciativa. Con dous tiros libres de Gilling e unha canastra de Salva Arco, os lucenses abriron un pequeno oco. Tempo de Melilla con 74-69 a 4:33 do final. Dos minutos sen anotar ningún dos dous, ata que Salva Arco puxo a máxima diferenza lucense: 76-69. Con cinco tiros libres, Melilla apertou o marcador (76-74) e Edu Gatell errou a dous metros a canastra do empate. Josep Franch (1/2), Romero (1/2) e Lobiño Fernández (2/2) decidiron dende o tiro libre. Ao final, 80-76. Vitoria e liderado para o Breogán, que xa pode contar con Salva Arco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta