Obra, ledicia sobre a bucina

Unha canastra de Pustovyi no último segundo dá ao Obradoiro a vitoria 74-76 contra UCAM Murcia. O Obradoiro remontou cun parcial de 0-9 nos últimos 62 segundos. Terceiro triunfo compostelán en dez xornadas.

Por gcdeportes | Compostela | 27/11/2016 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
UCAM Murcia 74:
Facu Campazzo (11), Baron (2), Sadiel Rojas (5), Radovic (6) e Marcos Delía (2) -cinco inicial- Antelo (7), Vitor Benite (25), Llompart (0), Faverani (15) e Pocius (1).
Obradoiro 76: Fran Cárdenas (0), Mickey McConnell (11), Dulkys (8), Bendzius (18) e Artem Pustovyi (10) -cinco inicial- Whittington (9), Matulionis (0), Nacho Llovet (4), Santi Yusta (3), Adam Pechacek (0), Rosco Allen (8) e Pepe Pozas (5).
Parciais: 15-20, 17-16 (32-36), 27-17, 15-23 (74-76).
Árbitros: Antonio Conde, Jorge Martínez e Anna Cardús. Eliminaron por cinco faltas persoais a Pocius (minuto 33) no UCAM e a Bendzius (38') no Obra.
Incidencias: partido da 10ª xornada da Liga Endesa no pazo dos deportes de Murcia ante uns 5.000 espectadores.

Anotou Pustovyi no último segundo a canastra do triunfo e todo o Obra saltou para celebralo. Perdía Obradoiro de sete (74-67) a falla de 1:02, pero anotou nove puntos nos últimos 62 segundos e, malia as intermitencias habituais no seu xogo, sumou a terceira vitoria da campaña ante o UCAM Murcia. O noiés José Ángel Antelo perdeu o balón e cometeu unha antideportiva; McConnell puxo o 74-69 dende o tiro libre; Dulkys anotou unha tripla e unha canastra para empatar o partido e, a falla de dous segundos, saque de fondo e canastra do ucraíno Artem Pustovyi. Obradoiro reaccionou e gañou en Murcia, que sempre sabe mellor, un partido que semellaba perdido. Ao final, 74-76.

O ucraíno Artem Pustovyi anotou en Murcia a canastra decisiva a unha décima do final.
O ucraíno Artem Pustovyi anotou en Murcia a canastra decisiva a unha décima do final. | Fonte: ACBPhoto

Foi un partido de xeiras. Obradoiro, con Fran Cárdenas e McConnell no cinco inicial, comezou mellor e con 8 puntos de Bendzius púxose ata dez puntos arriba (9-19). Pero un parcial de 6-1 deixou o marcador en 15-20 tras dez minutos. UCAM Murcia seguiu coa súa reacción no segundo cuarto da man do brasileiro Vitor Benite (11 puntos case consecutivos), e púxose por primeira vez por diante (30-28), obrigando a Moncho Fernández a parar o partido. De novo cos puntos de Bendzius, parcial de 2-8 para os composteláns, que malia ao baixón no cuarto mantiveron a vantaxe no descanso: 32-36. Obradoiro non concedeu ningún rebote ofensivo a Murcia nos primeiros 20 minutos.

Non apareceu a regularidade que reclamaba Moncho Fernández, e Obradoiro tardou en saír de vestiarios para encaixar un parcial de 10-0 malia o tempo morto do técnico de Pontepedriña. O Obra xa perdía 42-36. Pustovyi anotou catro puntos, pero os murcianos chegaron a ter doce de vantaxe (54-42) tras un mate de Faverani e dúas triplas dun inspirado Benite (25 puntos ao final, con 5/7 en triplas). Pero os composteláns agarráronse ao partido, e coas triplas de Bendzius e Whittington e un 2+1 de Santi Yusta, chegaron 59-53 aos últimos dez minutos.

Obradoiro errou as catro triplas que intentou de saída, e UCAM Murcia foise de novo aos once puntos (64-53). A cousa pintaba mal, pero un parcial de 0-9 volveu meter no partido aos galegos (64-62) con cinco minutos por disputar. Outra volta apareceu Benite que, con dúas triplas consecutivas, parecía sentenciar o choque (72-64). Rosco Allen anotou unha tripla pero case non quedaba tempo (74-67). Campazzo precipitouse e Antelo axudou cunha falta antideportiva. Dous tiros libres de McConnell, tripla e bandexa de Dulkys e 74-74 a falla de 22 segundos. Murcia tiña un último ataque, pero de novo Campazzo precipitouse. McConnell non puido anotar, pero dende o saque do fondo, Pustovyi recibiu na zona e anotou para dar a terceira vitoria en dez xornadas do Obradoiro, que colle aire na táboa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta