Iago Aspas e vitoria plácida

O Celta gaña 3-1 a un frouxo Granada, pechacancelas da Liga, e suma a quinta vitoria consecutiva en Balaídos na Liga. Marcaron Iago Aspas, Theo Bongonda e Pape Cheikh. Este mércores, visita ao UCAM Murcia na Copa.

Por gcdeportes | Vigo | 27/11/2016 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 3:
Rubén Blanco; Roncaglia, Cabral, Fontás, Jonny; Marcelo Díaz, Radoja, Daniel Wass (Josep Señé, 81’); Bongonda, Iago Aspas (Pape Cheikh, 86’)e Giuseppe Rossi (John Guidetti, 69’).
Granada CF 1: Ochoa; Foulquier, Ruben Vezo, Lombán, Matthieu Saunier, Franck Tabanou (Bueno, 64’); Andreas Pereira (Atzili, 56’), Sergi Samper, Uche (Ponze, 71’), Mehdi Carcela e Kravets.
Goles: 1-0: Iago Aspas (minuto 22). 2-0: Theo Bongonda (38’). 2-1: Kravets (86’). 3-1: Pape Cheikh (90’).
Árbitro: Trujillo Suárez (tinerfeño). Amarelas a Andreas Pereira (34’), Sergi Samper (41’) e Franck Tabanou (62’) no Granada.
Incidencias: partido da 13ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante arredor de 17.000 espectadores.

Iago Aspas celebra coa afección o 1-0 ao Granada.
Iago Aspas celebra coa afección o 1-0 ao Granada. | Fonte: lfp.es

Tardou 22 minutos Iago Aspas en marcar o 1-0 e crebar a resistencia do Granada. Quince minutos despois, unha xenial asistencia do de Moaña puxo en bandexa o 2-0 de Bongonda. Ante un frouxo Granada, pechacancelas sen ningunha vitoria, o Celta gozou dun partido cómodo, sen moita esixencia, e só un erro de Cabral na recta final, que facilitou o 2-1 de Kravets, lle obrigou a recuperar a tensión ata que Pape Cheikh marcou o 3-1 definitivo. Trala derrota en Eibar e a frustración do empate co Standard de Liexa, os celestes recuperaron a boa senda cunha nova vitoria en Balaídos, a quinta consecutiva: Sporting, Barça, Dépor, Valencia e Granada.

O guión do partido foi o agardado. Un necesitado Granada, pechado cun 5-4-1, cedeu o balón ao Celta para tentar buscar as contras. Os o Toto Berizzo tiñan a posesión pero con moitas imprecisións (Chelo Díaz en especial) e non xerou perigo ata que a pasividade da defensa rival para despexar un balón lle concedeu o 1-0 a Iago Aspas. Daniel Wass tivo o segundo pouco despois pero Ochoa rexeitou o seu remate. Os minutos transcorrían sen incidencias ata que apareceu de novo Iago Aspas, quen deu unha maxistral asistencia para o 2-0 de Bongonda.

Tralo descanso, co 2-0, baixou o ritmo e o Celta limitouse a controlar o balón, aparecendo de cando en vez con perigo na área rival: Iago Aspas estivo a piques de facer o terceiro dende 30 metros tras ver a Ochoa adiantado, pero o disparo petou no traveseiro; Cabral, só no medio da área tras un córner, rematou coa testa ás mans do meta mexicano e un chute de Radoja tras xogada individual pasou rozando o pau.

O Celta era moi superior sen empregarse a fondo e o rival non facía nada para evitar unha nova derrota. O primeiro disparo do Granada entre paus chegou no minuto 72 obra de Kravets. Entrou Guidetti por Rossi e case ao final Josep Señé e Pape Cheikh. Pero os de Berizzo quixeron darlle emoción ao partido e un erro de Cabral na cesión a Rubén Blanco regalou o 2-1 a Kravets. Non pasou de aí o susto, e Pape Cheikh pechou unha cómoda vitoria co 3-1 no tempo engadido. O Celta é noveno con 20 puntos, e o mércores viaxa a Murcia para xogar a Copa co UCAM Murcia de Segunda.

Abrazo entre Bongonda e Pape Cheikh, autores do segundo e terceiro gol.
Abrazo entre Bongonda e Pape Cheikh, autores do segundo e terceiro gol. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta