Fran Alonso escribirá diariamente un poemario en Twitter

O escritor vigués explorará as posibilidades expresivas da literatura galega nas redes sociais co seu proxecto 'Estado de Malestar', un libro que empezará a escribir e compartir o 30 de novembro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/11/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Coa idea de "explorar as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías" e, máis concretamente, o potencial da literatura galega nas redes sociais, o escritor Fran Alonso (Vigo, 1963) porá en marcha en Twitter un proxecto experimental centrado en escribir diariamente un poemario nesta rede social.

Fran Alonso
Fran Alonso | Fonte: manuelgago.org

Baixo o título 'Estado de Malestar', Alonso explorará novos xeitos de achegar a literatura galega ao público. Para iso, abriu a conta de Twitter empregada @Tw140Poemas, cuxa cabeceira reproduce unha fotografía que o propio Fran Alonso fixo sobre unha instalación da artista plástica portuguesa Patricia Sumares exposta no Centro John Dos Passos de Ponta do Sol (Madeira) e titulada 'Tu és pó e ao pó voltarás II'.

O día elixido para a publicación do primeiro tuit é o mércores 30 de novembro. "Non é unha data elixida ao azar, eu quería ofrecer o primeiro poema no mes de novembro porque foi precisamente en novembro, hai trece anos, cando inaugurei a miña relación co ciberespazo xa que nese mes de 2003 naceu Cabrafanada, un dos blogs máis antigos do blogomillo e dos poucos que aínda continúan vivos", comenta Alonso.

O texto de presentación da obra que o autor pretende escribir di o seguinte: "Desde as latrinas da vida ao fulgor da lúa, Estado de Malestar é un berro de versos en Twitter escrito por Fran Alonso. Un poema ao día en estado de excepción".

O propio autor encargouse de presentar este proxecto a través da súa páxina web e redes sociais, e recoñece que xa existen diversos precedentes ao respecto na literatura electrónica, malia o cal considera que se trata dun "reto", en primeiro lugar porque o propio autor recoñece que elixiu o título pero aínda non ten moi claro por que camiños lle vai levar "esta escrita fugacísima pero intensa". "En todo caso a miña intención é procurar unha dimensión íntima que, desde o agocho da metáfora, remita a unha ollada social", explica. Ademais, asume que "a tensión de escribir un poema diario cun máximo de 140 caracteres tampouco parece doada". "De feito, non sei se serei quen de publicar ese poetuit diario, non sei se serei quen de facelo e de facelo coa calidade necesaria, pero, en todo caso, vouno intentar", comenta.

O autor mostra a súa preocupación polo posible resultado, pero non renuncia ao proxecto: "Se cadra lle vai faltar unidade, ou solidez, ou homoxeneidade, pero en todo o caso paga a pena probar porque a literatura, sen arriscar, perde a súa esencia".

TÍTULO DA OBRA

O título da obra, 'Estado de Malestar', "xoga cun determinado estado do proceso anímico que se detecta socialmente e que ironiza a partir do antónimo do propio concepto de «estado de benestar», pero tamén afonda nunha percepción íntima e persoal do social, do espazo público, que, ademais, nas redes sociais se mestura co privado ata confundirse", aclárase no propio sitio web de Fran Alonso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta