Temas: IMAXE

Carolina Cruz Guimarey. Camiñando en círculos

Carolina camiñou en círculos en Edimburgo. Din que, dunha maneira intuitiva, é o que facemos cando estamos perdidos. Un instinto estrano que nos devolve unha e outra vez ao mesmo punto, un deja vu magnético de pasos e terra marcada que nos impide atopar a saída.

Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 29/11/2016 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

Pero ás veces perdernos é a única opción para atoparnos de novo. Xirar en círculos apártanos do camiño, e ao voltar a el farémolo máis conscientes das nosas pisadas.

Inauguración da exposición de Carolina Cruz en Edimburgo
Inauguración da exposición de Carolina Cruz en Edimburgo | Fonte: Sandra Platas

Carolina camiñou no Arthur’s Seat, monte xurdido do cadáver dun volcán. Chegou a Blackford Hill, onde se agocha o observatorio de Edimburgo  fuxindo das luces da cidade.  E o último dia, como despedida, deixou pisadas na area mollada de Portobello. Os seus pasos marcaron as follas, a terra e a area, máis non quixo rexistrar as probas de que estivo alí. Como mostrar logo que camiñou en círculos, que recorreu un anaco de chan para ir a ningures. Tampouco hai testemuñas, só as súas palabras nas que podemos crer, ou non.

E as fotografías que apenas recoñecemos, que poden ser Edimburgo ou calquer outro lugar. Se miramos a súa traxectoria, os seus autorretratos velados, parece que Carolina agora decidiu esvaecerse. Xa non vemos a súa silueta entre brumas, só o lugar no que estivo e as súas verbas.

Durante tres semanas esta obra, xunto a outros dos seus traballos, estivo na galería que dirixo en Edimburgo.Interview Room 11 está nun centro comercial do que non estabamos nada convencidos. Outro templo do consumismo. A nosa filosofía non encaixaba, ou quizáis sí, porque defendemos xusto o contrario... Convertémonos nun oasis, un local que non está enfocado á posesión de obxectos, senón a buscar outra mirada sobre o que xa coñecemos. A beleza das obras de Carolina como un respiro ás luces de nadal e aos códigos de barras, o andar sen obxectivo enfrentado aos paseos dirixidos e manipulados dun centro comercial. A natureza imponse neste pequeno recuncho de Ocean Terminal e deixa unha mensaxe clara para quen queira vela.  Quizáis non estemos camiñando na dirección correcta, quizáis debamos camiñar en círculos para atoparnos de novo.


Ana Chouciño

A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.

Foto de Carolina Cruz
Foto de Carolina Cruz

linkedin.com/in/anagonzalezchoucino

Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.

Foto de Carolina Cruz nunha exposición en Edimburgo
Foto de Carolina Cruz nunha exposición en Edimburgo
Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta