O ex-alcalde do Porriño pagou a familiares e amigos 1,6 millóns a dedo, segundo o fiscal

Nelson Santos participaba tamén na presunta retirada de multas de tráfico, que lle imputaban a un camioneiro portugués. Malia todo isto, non se lle piden penas de cárcere.

Por Galicia Confidencial | O Porriño | 29/11/2016 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A Fiscalía solicita unha pena de 10 anos de inhabilitación para o exalcalde do Porriño, Nelson Santos (PP) e para un exedil popular, José Manuel Jacobo, quen foi responsable de contratación neste municipio, como presuntos autores dun delito de prevaricación continuada, ao adxudicar irregularmente varios contratos a empresas cuxos responsables tiñan algunha relación familiar ou de afinidade con estes cargos públicos.

Nelson Santos, ex-alcaldo do PP no Porriño
Nelson Santos, ex-alcaldo do PP no Porriño | Fonte: libertadpopular.blogspot.com

CONTRATOS A DEDO

Segundo o escrito de acusación, ao que tivo acceso Europa Press, a Fiscalía responsabiliza aos dous políticos de adxudicar contratos de forma directa, sen licitación e sen seguir os procedementos administrativos pertinentes, a varias empresas para a realización de servizos como limpeza, recollida de residuos, actividades deportivas e de lecer, servizos eléctricos ou labores de saneamento.

Nese escrito, figuran centenares de facturas abonadas a estas empresas, por un valor que, en total, supera os 1,6 millóns de euros, e que foron tramitadas a pesar de que, en practicamente todos os casos, existían reparos da Intervención Municipal. Neses procedementos, o alcalde levantaba automaticamente o reparo para que se abonasen as facturas.

Nalgunhas ocasións, as facturas non podía ser satisfeitas no ano correspondente, co que o goberno municipal aprobaba modificacións de crédito no exercicio seguinte, alegando que non podían deixar de pagar eses gastos "urxentes" para evitar un enriquecemento ilícito da administración, e obviando, segundo expón o Fiscal, que a Intervención Municipal "levaba anos" advertindo "cada mes" das irregularidades.

O Ministerio Público deixa constancia de que os beneficiarios desas adxudicacións foron Ana María G.F., exesposa dun amigo de José Manuel Jacobo; a empresa Limantra, xestionada por un compañeiro de Nelson Santos, no partido Cidadáns por Porriño; a empresa Lincoporriño; e a empresa Abelmar.

CAUSAS PENDENTES

Esta causa deriva da chamada Operación Multiusos (é unha peza separada), que foi declarada complexa e segue en fase de instrución, e na que están a ser investigados, ademais do exalcalde, o propio José Manuel Jacobo, o concelleiro Manuel Alejandro Lorenzo, un exfuncionario do INEM, e tres empresarios vinculados ás firmas IMPI e Mecánica Rocha.

Os delitos que se investigan neste procedemento, que se iniciou para esclarecer supostas contratacións de persoal 'a dedo' e outras irregularidades, son malversación de caudais públicos, suborno, tráfico de influencias e delito contra os dereitos dos traballadores, entre outros.

Así mesmo, o exalcalde Nelson Santos está pendente doutra causa xudicial, relativa á suposta retirada de multas de tráfico a cidadáns, utilizando para iso datos dun camioneiro de nacionalidade portuguesa sen que este o soubese. Esta causa, na que tamén se investiga ao exjefe da Policía Local, tamén foi declarada complexa e segue en fase de instrución.

RETIRADA DO PSOE

O grupo municipal do PSOE no Porriño personouse no procedemento xudicial da chamada Operación Multiusos coa finalidade de "ter información" acerca da investigación. Dado que a Fiscalía formulou xa escrito de acusación na peza separada, e mantense a investigación na peza principal, os socialistas retiraranse da causa, segundo confirmou a Europa Press a alcaldesa, Eva García de la Torre. A rexedora tamén explicou que o Concello está acudido no procedemento pola suposta retirada de multas.

Con respecto á acusación da Fiscalía e á petición dos 10 anos de inhabilitación, a rexedora avogou por "deixar traballar" ao xulgado e ao ministerio público, aínda que desexou "a mellor das sortes" ao seu compañeiro de Corporación e antecesor no cargo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

este Nelson debe ser o único que non recibiu un cursillo para pasar cartos públicos aos amigos vía empresas pantalla tal e como fan tódolos demáis rexedores municipais ... ? Aquí hai información PRECISA de como facelo ao grande... pero a Fiscalía en Vigo debe ter moito traballo... http://www.noticiasvigo.es/aparcame...