Gaña COB, perde Marín

Ourense Provincia Termal vence 79-72 sen moitos alardes o pechacancelas CB Clavijo e suma a oitava vitoria en doce xornadas. O Peixegalego encaixa unha contundente derrota, a novena xa, por 62-85 ante Lleida na Raña. O derbi Leyma-Breogán, o vindeiro martes.

Por gcdeportes | Ourense / Marín | 30/11/2016 | Actualizada ás 00:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Ourense Provincia Termal 79:
Christian Díaz (18), Zarko Jukic (2), Mitrovic (7), Dmitry Flis (11) e Fran Guerra (12) –cinco inicial- Kapelan (17), Devin Wright (5), Hittle (5), Tomás Fernández (2) e Martín Rodríguez (0).
CB Clavijo 72: Garrido (6), Galarreta (14), Carles Bravo (12), Bonifant (8), Herun (20) –cinco inicial- Olumuyiwa (2), Andre Norris (6), Adrián Laso (3), Alberto Martín (1) e Birgander (0).
Parciais: 21-11, 19-13 (40-24), 18-25, 21-23 (79-72).
Árbitros: Juan González Cuervo e Jorge González Zumajo. Eliminaron por cinco faltas persoais a Andre Norris e Garrido nos rioxanos.

Christian Díaz, de novo o mellor dos ourensáns na vitoria ante CB Clavijo.
Christian Díaz, de novo o mellor dos ourensáns na vitoria ante CB Clavijo. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Puido ter pechado o COB o partido moito antes (chegou a estar 19 puntos arriba), pero non o fixo e tivo que agardar ata o último minuto, con cinco tiros libres, tras aproveitar o CB Clavijo os erros ourensáns para poñerse a catro (74-70). Bonifant errou unha tripla con 76-70 e COB acadou a oitava vitoria en doce xornadas por 79-72. O sábado, exame en Burgos, que gañou 71-76 ao Barça B e ten sete vitorias. O mellor dos galegos foi Christian Díaz, autor de 18 puntos, 3 rebotes e 3 asistencias, máis os 17 puntos de Diego Kapelan, 12 con dúas triplas no último cuarto.

Ourense comezou con triplas de Flis e Díaz, e axiña foi abrindo oco: 18-10 tras outra tripla de Mitrovic e tempo morto do coruñés Antonio Pérez para Clavijo. Un 2+1 de Fran Guerra puxo o 21-11, pero non houbo canastras nos últimos 2:46 do primeiro cuarto. Foi pésimo o arrinque do segundo acto, con só unha canastra de Tomás Fernández en tres minutos, pero Clavijo tampouco andaba sobrado (23-16). Kapelan anotou unha tripla pero as perdas permitiron ao rival poñerse a seis (28-22). Con triplas de Díaz e Hittle, e un parcial de 12-2, Ourense foise 40-24 ao descanso, con 20 puntos entre Fran Guerra e Christian Díaz.

Tras un 2+1 de Díaz (44-25) e a segunda tripla de Flis (47-28), Ourense acadou a máxima diferenza. Pero os de Gonzalo García perderon a concentración, cometeron moitos erros e CB Clavijo enganchouse o partido cun parcial de 0-8. Dun 53-37 ao 53-45, e tempo morto local. O rival púxose a sete, pero Kyle Hittle pechou o cuarto: 58-49. Kapelan anotou cinco puntos e a Clavijo íaselle o partido (65-52). Malia os puntos do aleiro bosníaco, os rioxanos puxéronse a cinco (67-62) e o Paco Paz tremeu pola vitoria. Kapelan anotou outros cinco puntos, pero COB errou varios ataque e Clavijo apertou de novo o marcador: 74-70. Os tiros libres de Christian Díaz, Jukic e un de Dmitry Flis sentenciaron o choque. Ao final, 79-72.

Ficha técnica:
Marín Peixegalego 62:
Jose Simeón (6), Andrés Miso (15), Tim Derksen (18), Jason Cain (11) e Mario Cabanas (2) –cinco inicial- Javi Múgica (6), Manu Ferreiro (2), Alec Kobre (0), Albert Homs (2) e Marc Bauzá (0).
Força Lleida 85: Agustí Sans (3), Nevels (12), Sevillano (9), Demetrio (6) e Mbaye (9) –cinco inicial- Miki Feliu (16), Rubin de Celis (7), Hermet (3), Sutina (4), Alzamora (4) e Martí Roig (12).
Parciais: 18-19, 12-29 (30-48), 14-17, 18-20 (62-85).
Árbitros: Juan Pinela García e Cristian García Rodríguez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Mario Cabanas e Tim Derksen nos marinenses.

Dez minutos durou a resistencia de Marín ante Lleida. No segundo cuarto, parcial de 12-29 e a remontada xa era imposible. Ao final do primeiro cuarto, 18-19; no arrinque do segundo acto, dúas triplas de Martí Roig e Sutina, dous erros baixo canastra de Mario Cabanas e parcial de 0-10 en apenas dous minutos para os cataláns: 19-29. Javi Llorente parou o partido, e con triplas de Múgica e Miso, o Peixegalego púxose 28-34. Ata o descanso, parcial de 2-14 para os visitantes, que chegaron ao descanso 30-48.

A diferenza chegou case aos 30 puntos (34-63, minuto 25). Pero tras un tempo morto local, Marín maquillou o resultado cun parcial de 10-2 para entrar nos últimos dez minutos 44-65. O Peixegalego tentou rebaixar a diferenza, pero non era o seu día. Ao final, 62-85, e novena derrota para os marinenses, que o venres xogarán un derbi co Breogán no Pazo lucense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta