Joselu, a única boa nova

O Dépor cae 1-0 co Betis na súa estrea na Copa nun partido de pouca calidade e deberá remontar no partido de volta o vindeiro 21 de decembro. O dianteiro de Silleda xogou 25 minutos dous meses e medio despois da sua lesión e a piques estivo de marcar nun remate coa testa.

Por gcdeportes | A Coruña | 30/11/2016 | Actualizada ás 01:15

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Betis 1:
Dani Giménez; Piccini, Mandi, Donk, José Carlos, Durmisi; Darko Brasanac (Fabián, 86’), Jonas Martin (Bruno, 64’), Felipe Gutiérrez; Sanabria (Joaquín, 64’) e Álex Alegría.
RC Deportivo 0: Rubén Martínez; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Luisinho; Álex Bergantiños (Celso Borges, 75’), Pedro Mosquera (Guilherme, 46’); Carles Gil, Marlos Moreno (Joselu, 67’) e Florin Andone.
Gol: 1-0: Sanabria (minuto 18).
Árbitro: De Burgos Bengoechea (vasco). Amarelas Jonas Martin (35’) e Darko Brasanac (86’) no Betis e a Álex Bergantiños (73’) e Luisinho (79’) no Dépor.
Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Copa disputado no estadio Benito Villamarín ante 18.774 espectadores. Minuto de silencio polas víctimas do equipo brasileiro Chapeconense no accidente aéreo en Colombia.

Marlos Moreno, ao chan trala entrada de Mandi.
Marlos Moreno, ao chan trala entrada de Mandi. | Fonte: lfp.es


A boa nova, o regreso do agardado Joselu, que xogou os últimos 25 minutos na estrea do Dépor na Copa tras dous meses e medio de ausencia e case marca. O partido, de pouca calidade, para esquecer axiña. O resultado, 1-0 para o Betis, que obriga aos deportivistas a remontar no partido de volta en Riazor, o vindeiro 21 de decembro ás 21.00 horas.

Dous equipos máis preocupados pola súa marcha na Liga (Dépor, 10 puntos; Betis, 14) e con trocos nos seus onces, máis no equipo de Víctor Sánchez del Amo. Gaizka Garitano xogou con moitos dos habituais titulares, aínda que deu os primeiros minutos do curso a dous galegos: o meta Rubén Martínez e o capitán Álex Bergantiños.

O Dépor tivo máis dominio pero non aproveitou as súas oportunidades, e o Betis marcou na primeira ocasión que tivo: incursión pola esquerda do dinamarqués Durmisi e centro para o remate coa testa de Sanabria. O 1-0 que sería definitivo no minuto 18. O Dépor reaccionou e tivo dúas boas chegadas: un disparo lonxano de Juanfran que Dani Giménez despexou a córner e un remate coa testa de Sidnei tras un córner lanzado por Carles Gil. Ningunha acción máis de perigo ata o descanso.

Trala reanudación, mesmo guión e mesma escasa calidade. Dominio do Dépor pero sen ideas para facer dano ao rival. Luisinho tentouno no 53’ dende o bordo da área pero sen éxito. O Betis apenas asomou pola portaría de Rubén. A boa nova do partido chegou no 67, co regreso de Joselu aos terreos de xogo substituíndo a Marlos Moreno. E a piques estivo de marcar o de Silleda no seu primeiro remate coa testa, a quince minutos do final, pero foiselle preto do pau da meta bética. O dominio deportivista non trouxo máis ocasións, agás un tiro de Navarro a sete do final. Partido de difícil dixestión para os afeccionados. O Dépor deberá remontar en Riazor.

Ledicia dos xogadores béticos, desilusión de Álex Bergantiños.
Ledicia dos xogadores béticos, desilusión de Álex Bergantiños. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta