O Celta fai o xusto

O equipo celeste vence 0-1 o UCAM Murcia cun solitario gol de Sergi Gómez pouco antes do tempo de lecer. Os do Toto Berizzo, que dominaron pero sen crear moito perigo, xogarán a volta en Balaídos o xoves 22 para selar o pase a oitavos da Copa.

Por gcdeportes | Vigo | 01/12/2016 | Actualizada ás 00:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica
UCAM Murcia 0:
Biel Ribas; Tekio, Tito, Hugo Álvarez, Góngora; Basha, Juande (Morillas, 61’), Isi Ros, Guichón (Juanma, 81’); Pere Milla (Pallarés, 67) e Natalio.
RC Celta 1: Sergio Álvarez; David Costas, Sergi Gómez, Cabral, Roncaglia (Jonny, 82’); Marcelo Díaz (Daniel Wass, 46’), Pape Cheikh, Tucu Hernández; Josep Señé, Naranjo e Guidetti (Giuseppe Rossi, 65’).
Gol: 0-1: Sergi Gómez (minuto 42).
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas Guichón (29'), Góngora (37') e Hugo Álvarez (74') nos locais e a Tucu Hernández (31') e Naranjo (52') nos celestes.
Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Copa disputado no estadio da Condomina ante 5.103 espectadores. Minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do accidente aéreo de Colombia.

Trámite sen brillo. O mellor foi o marcador, 0-1 cun solitario gol de Sergi Gómez; mágoa dun chisco máis de ambición para deixar pechada a eliminatoria xa na ida. Pero agás sorpresa maiúscula (o xoves 22 en Balaídos), o Celta estará na vindeira eliminatoria da Copa tras vencer pola mínima o UCAM Murcia na Condomina. O equipo do Toto Berizzo dominou pero non xerou demasiado perigo ante un rival de categoría inferior (Segunda División).

Os celestes celebran con Sergi Gómez o único gol do partido.
Os celestes celebran con Sergi Gómez o único gol do partido. | Fonte: lfp.es

Moitos trocos en ambos os dous equipos, con David Costas, Pape Cheikh, Josep Señé e Jose Naranjo no once celeste. Minutos iniciais de tanteo, con poucas chegadas á portaría e sen un dominador claro. A mellor ocasión local foi no minuto 26, cun disparo de Guichón que obrigou a Sergio Álvarez a lucirse. A resposta chegou por parte de Tucu Hernández, pero Biel Ribas evitou o 1-0. Pouco antes do lecer, o único gol do partido: falta sobre a área local, Roncaglia remata ao pau esquerdo da portaría murciana e Sergi Gómez aproveita o rexeite para marcar o 0-1.

Daniel Wass entrou por Marcelo Díaz no descanso, pero houbo poucas variacións trala reanudación: minutos sen un dominador claro ata que o Celta asumiu o mando, pero sen levar perigo á área rival. Entrou Rossi por Guidetti no 65, e o italiano marcou coa testa un gol que foi anulado por fóra de xogo. A mellor dos murciano foi un saque dende o curruncho no que Góngora buscou o gol olímpico e petou na madeira. O UCAM botoulle máis gañas nos minutos finais, pero o Celta non pasou apenas apuros e mantivo o 0-1, un bo resultado para a volta en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta