O deportivismo esixe xustiza para Jimmy

Club, Federación de Peñas e afección reclaman que os responsábeis paguen pola morte do seareiro deportivista ao cumprirse dous anos do seu asasinato por ultras do Frente Atlético. "Hai cousas que de ningún xeito se poden deixar pasar", a mensaxe do Deportivo. O proceso xudicial, estancado sen autores materiais.

Por gcdeportes | A Coruña | 01/12/2016 | Actualizada ás 08:49

Comparte esta noticia

“O tempo pasa, pero hai cousas que de ningún xeito se poden deixar pasar. #XustizaparaJimmy. Sempre con nós”. Foi a mensaxe do RC Deportivo nas redes sociais ao cumprirse dous anos do asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Taboada, un xeito inequívoco de apoiar as reivindicacións de afeccionados e peñas que esixen xustiza para Jimmy.

Concentración con bengalas no Torre de Marathón na memoria de Jimmy.
Concentración con bengalas no Torre de Marathón na memoria de Jimmy. | Fonte: @RB1987Oficial

Coincidindo co segundo aniversario da súa morte, preto de 200 persoas acudiron á convocatoria da plataforma Jimmy sempre con nós, apoiada pola Federación de Peñas e os Riazor Blues, para deixar claro que "nin esquecen nin perdoan" o sucedido hai dous anos en Madrid. O 30 de novembro de 2014, o seareiro deportivista, de 41 anos, faleceu nos arredores do Vicente Calderón tras unha malleira dos ultras do Frente Atlético. Dous anos despois, ningún dos 102 ultras detidos está acusado de homicidio e o proceso xudicial que se segue no xulgado número 20 de Madrid non avanza no esclarecemento dos feitos.

A marcha, detrás da pancarta na que se leía "Jimmy vive", comezou na praza de Portugal. Entre bengalas, avanzaron cara a Torre de Marathón, onde un mural lembra a figura del abuelo Jimmy. Alí, os seus amigos depositaron frores e leron un manifesto, no que criticaron aos xuíces, por non facer xustiza, á Policía e ao Goberno. “Non olvidamos, non perdoamos. Jimmy vive!, rematou a lectura do afeccionado entre aplausos.

Proceso xudicial estancado

O deportivismo esixe que os responsabéis da morte de Jimmy sexan identificados e paguen polo seu asasinato. En troques, a investigación atópase estancada no seu segundo aniversario, sen acusación para os autores materiais da malleira que acabou coa súa vida. Ningún dos 102 ultras detidos na chamada operación Neptuno está acusado de homicidio. Todo apunta a que o instrutor ditará auto de procesamento por rifa tumultaria, algo que se faría sen coñecerse aos autores materiais do crime. E o relato da testemuña protexida que apuntou a catro ultras como autores da morte (os mesmos aos que sinalaba a investigación policial, e que foron postos en liberdade en maio tras entrar ao cárcere) foi totalmente desacreditado e desautorizado pola Audiencia Provincial de Madrid. A sombra da impunidade ronda o peche do caso.

Ademais, a Audiencia de Madrid absolveu hai uns meses o daquela menor (Álvaro C. G., alias Kit-Kat, líder das xuventudes do Frente Atlético) que foi condenado a seis anos de internamento en réxime pechado por un delito de homicidio polo Xulgado de Menores nº 4 de Madrid, malia que o xuíz considerara acreditada a súa responsabilidade penal e directa na morte violenta de Jimmy. A Audiencia Provincial revogou a sentenza e absolveu o menor nun auto contundente que bota por terra a tese da testemuña ao no considerala nin críbel nin veraz, senón máis ben interesada e ambigua. Deste xeito, os maxistrados da Audiencia Provincial desmontaron a principal proba aportada pola Policía na súa investigación.  

Agora, o maxistrado Pedro Marchante Somalo, o cuarto que asumiu o caso, dividiu o procedemento en dúas causas. Na primeira, figuran un cento de persoas como investigadas por un delito de rifa tumultuaria e está a punto de pecharse coa intención de ir a xuízo. A segunda é unha nova peza separada denominada “homicidio y lesiones” para supostamente, e dous anos despois, investigar a morte de Jimmy e as lesións sufridas polo outro seareiro deportivista guindado ao río Manzanares, Santiago A. Pero o xuíz oponse á petición do fiscal de citar como investigados aos ultras do Frente Atlético detidos pola Policía. E está aínda por ver que decide sobre a nova petición da Fiscalía de citar a declarar á testemuña protexida.

Pancarta coa lenda 'Jimmy vive' que abría a marcha.
Pancarta coa lenda 'Jimmy vive' que abría a marcha. | Fonte: @RB1987Oficial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 expaña e crime

asi... asi... gaña o Madrid!!!!! - https://www.youtube.com/watch?v=IwC...