Adianto do novo disco de Ses

Mañá sae á venda o cuarto traballo de SES, ‘Opoñerse á extinción’, “un disco de amor” á nosa cultura. Esta mañá SES presentou este disco en rolda de prensa no Museo do Pobo Galego. Xa hai anunciados varios concertos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/12/2016 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A estrea en directo terá lugar os días 28 e 29 de decembro no Teatro Rosalía da Coruña (logo de esgotarse as entradas para o primeiro día) e o 14 de xaneiro en Narón (Pazo da Cultura). "A paz esquiva" é o vídeo de adianto do disco:

SES presentando o seu disco en directo
SES presentando o seu disco en directo | Fonte: komunika kultura


Esta mañá SES presentou este disco en rolda de prensa no Museo do Pobo Galego, definíndoo así: “O título ‘Opoñerse á extinción’ é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”.

Segundo as súas propias palabras, “no disco falo dunha dupla extinción, en primeiro lugar da humanidade como eu a contemplo, con solidariedade entre os pobos, e en segurndo lugar a extinción da identidade galega, o país no que me insiro. A nosa lingua está morrendo, quédanlle 50 anos de vida como moito”. “Gustaríame falarvos sobre as miñas letras ou sobre a miña poética”, reiterou, “pero isto é o que me sae”.

A artista tamén falou da sexualización da muller “desde a máis curta infancia” e criticou este uso tamén no mundo da música: “actualmente unha muller non pode aspirar máis que a ser unha ‘barbie’ teledirixida”. Preguntada na rolda de prensa pola influencia que pode exercer a súa música na mocidade, SES respondeu que “gustaríame poder dicir que si, pero en realidade creo que é minimísima”.

‘Opoñerse á extinción’

Este novo traballo continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.

Mañá 2 de decembro o disco de SES estará en todas as tendas de discos e, a continuación, sairá á estrada para presentar o novo traballo por todo o país e máis alá. As primeiras datas confirmadas son: A Coruña os días 28 e 29 de decembro no Teatro Rosalía, logo de que se esgotaran para o primeiro día previsto, o 29 . E logo tocaralle a quenda a Narón o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta