Un galego Alén do Cosmos

Estrea do documental Alén do Cosmos, do xornalista Pedro Pablo Alonso, sobre o futbolista galego Santi Formoso, que tras emigrar de Vigo coa súa familia chegou a xogar con Pelé, Cruyff e Beckenbauer no New York Cosmos.

Por gcdeportes | Vigo | 02/12/2016 | Actualizada ás 09:07

Comparte esta noticia

“Un galego universal que non ten o recoñecemento merecido”, sostén o xornalista e director Pedro Pablo Alonso. Compartiu vestiario con Pelé, Johan Cruyff, Beckenbauer ou Carlos Alberto e foi o primeiro español en xogar no mítico New York Cosmos.

O xornalista Padro Pablo Alonso e Santi Formoso, na estrea en Vigo.
O xornalista Padro Pablo Alonso e Santi Formoso, na estrea en Vigo. | Fonte: GALICIANGOLES

O documental Alén do Cosmos, que narra en case unha hora a historia do futbolista vigués Santiago Formoso, estreouse este xoves en Vigo despois de tres longos anos de traballo, coa presenza do seu protagonista, chegado dende os Estados Unidos, e do seu director, o devandito Pedro Pablo Alonso. Ao acto no auditorio do Concello de Vigo, asistiron arredor de 200 persoas, entre eles os xogadores celestes Iago Aspas e Sergio Álvarez e o técnico Eduardo Berizzo.

Alén do Cosmos conta a peripecia vital de Santi Formoso, quen con tan só 15 anos emigrou xunto á súa familia a Estados Unidos. De pequeno, no seu Vigo natal, xogara ao fútbol no Santa Mariña e no Gran Peña, tamén representados na estrea, e en Newark continuou coa súa carreira, primeiro no instituto e despois como futbolista profesional, chegando a xogar a carón dos máis grandes no New York Cosmos. No documental cóntase como se pechou a súa fichaxe polo Cosmos e as súas lembranzas daquela etapa na que coincidiu con algúns dos mellores futbolistas de todos os tempos.

O traballo foi realizado pola empresa Quadra Producións e financiouse, en parte, grazas a unha campaña de crowdfunding. Comezouse a gravar en xuño do 2013, con localizacións en Newark, Nova York e Vigo. O máis difícil, segundo o seu director Pedro Pablo Alonso, foi conseguir imaxes de Santi Formoso xogando ao fútbol, polas dificultades para achalas e polo alto prezo nos EUA.
Os autores de Alén do Cosmos, que buscan dar a coñecer a figura de Santi Formoso en Galicia e no resto do mundo, pretenden estrear a película en Nova Iorque o vindeiro mes de xuño, como un agasallo á numerosa comunidade galega afincada na cidade dos rañaceos.

Pelé e o galego Santi Formoso.
Pelé e o galego Santi Formoso.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta