COB, sen opcións en Burgos

Ourense Provincia Termal, que xa perdía de vinte no minuto 13, cae 79-60 e racha a xeira de tres vitorias consecutivas. Mal partido dos de Gonzalo García, con 8 de 28 en triplas. O venres, Cáceres no Paco Paz.

Por gcdeportes | Ourense | 03/12/2016 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
San Pablo Inmobiliaria 79:
Soluade (1), Álex López (4), Brine (14), Javi Vega (11), Gibson (8) -cinco inicial- Steinarsson (3), Akodo (2), Edu Martínez (11), Jorge García (6) e Huskic (19).
Ourense Provincia Termal 60: Christian Díaz (2), Mitrovic (8), Jukic (2), Dmitry Flis (13), Fran Guerra (9) -cinco inicial- Martín Rodríguez (2), Kapelan (10), Kyle Hittle (3), Tomás Fernández (7) e Devin Wright (4).
Parciais: 30-18, 18-15 (48-33), 13-13, 18-14 (79-60).
Árbitros: Zafra Guerra e Zamora Rodríguez. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 13ª xornada da LEB Oro disputado no pavillón El Plantío de Burgos.

Ata 30 puntos anotou Burgos nos primeiros dez minutos. E trece máis no arrinque do segundo, e Ourense, moi mal defensivamente nos dous primeiros actos, perdía xa 43-23. Mellorou o COB atrás tralo descanso, pero non estivo atinado dende 6,75. Sen opcións para os de Gonzalo García ante Burgos e derrota por 79-60. Fin á xeira de tres vitorias consecutivas. O vindeiro venres, Cáceres no Paco Paz.

Kyle Hittle e Kapelan, sobrepasados por Álex López.
Kyle Hittle e Kapelan, sobrepasados por Álex López. | Fonte: María González (CBM)

Cinco puntos de Fran Guerra deron a única vantaxe do partido a COB (4-5), pero Burgos sumaba con moito acerto e dúas triplas de Brine e Javi Vega abriron oco para os locais (16-8). Tempo morto ourensán, que se achegaron con dúas triplas de Kapelan, pero Burgos anotou dez puntos nos últimos dous minutos do cuarto: 30-18.

Goran Huskic sumou tres canastras consecutivas, Jorge García unha tripla e Burgos foise ata os 20 de vantaxe (43-23) malia o tempo de Gonzalo García. Cinco puntos consecutivos de Flis mantiveron a COB no segundo acto, e unha tripla de Mitrovic permitiu a Ourense chegar 48-33 ao descanso.

Trala reanudación, Ourense Provincia Termal apertou en defensa e durante varios minutos consiguiu conter o vendaval castelán, que apenas sumou oito puntos en oito minutos. Unha tripla de Hittle puxo a COB a doce (56-44), pero respostou o ex-cobista Edu Martínez cunha tripla lonxana e Burgos mantivo a diferenza ao remate do terceiro cuarto (61-46).

Apenas tivo historia o último cuarto: Tomás Fernández anotou a primeira canastra pero Ourense errou os catro ataques seguintes, e Burgos foise ata os 19 de vantaxe (69-50), os mesmos que levaba Goran Huskiz en tan só 18 minutos de xogo. Flis converteuse no máximo anotador ourensán con dúas triplas (71-58), pero respostou outra volta Edu Martínez con outras dúas dende 6,75 para deixar o marcador final no 79-60.

Chistian Díaz, só unha canastra de sete lanzamentos no Plantío.
Chistian Díaz, só unha canastra de sete lanzamentos no Plantío. | Fonte: María González (CBM)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta