Heroe Xose Xoan

O CD Lugo, que regalou o 1-0 no arrinque, remonta con dous goles de Pedraza e vence 1-2 ao UCAM Murcia tras deter o meta lucense un penalti no minuto 89. Segunda vitoria a domicilio da Liga, dous meses e medio despois da primeira. Os de Luis César, con 24 puntos, tocan de novo postos de play-off de ascenso.

Por gcdeportes | Lugo | 03/12/2016 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Ficha técnica
UCAM Murcia 1:
Fernando; Tekio, Fran Pérez, Unai Albizua, Morillas; Kitoko, Juande, Collantes, Nono (Juanma Delgado, 67'), Jesús Imaz (Natalio, 58') e Pere Milla (Vicente, 78).
CD Lugo 2: Xose Xoan; Serge Leuko, Djalo, Carlos Hernández, Manu; Carlos Pita, Seoane; Iriome (Pablo Caballero, 75'), Pedraza (Sergio Gil, 84'), Campillo e Joselu (Dealbert, 91').
Goles: 1-0: Nono (minuto 9). 1-1: Pedraza (minuto 13). 1-2: Pedraza (75').
Árbitro: Arias López (cántabro). Amarelas a Carlos Hernández (61') e Carlos Pita (69').
Incidencias: partido da 17ª xornada de Segunda División no estadio La Condomina ante 2.040 espectadores. Minuto de silencio na memoria das vítimas do accidente aéreo de Colombia.

Un agasallo, case habitual, no arrinque; dous goles de Pedraza para remontar e Xose Xoan que detivo un penalti no minuto 89. Dous meses e medio e seis partidos despois, o  Lugo sumou ante UCAM Murcia a segunda vitoria a domicilio da Liga, tres puntos vitais para seguir na parte alta. Non foi un partido brillante dos lucenses, pero os puntos suman igual.

Xose Xoan, no momento de encaixar o 1-0, decisivo ao deter o penalti.
Xose Xoan, no momento de encaixar o 1-0, decisivo ao deter o penalti. | Fonte: lfp.es

Ao pouco de principiar, o partido púxose costa arriba tras un erro de Seoane, que pasou mal o balón cara a atrás e foi aproveitado por Nono para bater a Xose Xoan antes dos dez minutos. Pero o Lugo reaccionou axiña e apenas tres minutos despois igualou o choque tras un contraataque que finalizou Pedraza. O empate deu confianza aos lucenses, que tiveron outra xogada á contra que puido ser o 1-2, pero nin Pedraza nin Joselu acertaron. Nono e Jesús Imaz levaron perigo para os locais e Carlos Hernández e Campillo para os visitantes, pero a falla de puntaría e as intervencións dos metas mantiveron o 1-1 ao descanso.

Trala reanudación, UCAM buscou máis o ataque, e o Lugo apenas tivo opcións na área rival. Morillas tivo unha boa oportunidade, pero rematou sen forza ante Xose Xoan. O técnico local acumulou ata tres dianteiros coa entrada de Natalio e Juanma e UCAM fixo máis méritos para marcar, como nunha falta executada por Collantes. O Lugo estaba máis preocupado por non encaixar, pero en troques foi de novo Pedraza, nunha acción aillada e a pase de Pablo Caballero, case o primeiro balón que tocaba o arxentino, quen marcou o 1-2.

Golpe para o UCAM Murcia, co Lugo dominando a situación. Pero nos últimos minutos, Juanma rematou coa testa ao pau e o árbitro sinalou un penalti de Manu sobre Collantes. Outra volta semellaba que se escapaban puntos ao Lugo na recta fvinal, pero Xose Xoan adivinou a intención de Collantes e evitou o empate. O Lugo suma 24 puntos e toca de novo os postos de play-off de ascenso, e as dúas vindeiras citas serán no Anxo Carro, contra Numancia e Huesca.

Pedraza celebra o gol da vitoria lucense.
Pedraza celebra o gol da vitoria lucense. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta