14 empresas galegas participaron na primeira misión a Reino Unido liderada pola Cámara da Coruña tras o ‘Brexit’

Pertencen aos sectores de confección, alimentos, viños, metalurxia e automoción

Por E.P. | A CORUÑA | 05/12/2016 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

Catorce empresas galegas participaron na primeira misión comercial a Reino Unido liderada pola Cámara de Comercio da Coruña a finais de novembro tras a aprobación do 'brexit'.

En concreto, participaron catorce empresas galegas dos sectores de confección, alimentos, viños, metalurxia e automoción, que manifestaron que os resultados de participar nesta acción de promoción "foran positivos", segundo indicou a entidade cameral.

Non obstante, as mesmas fontes indicaron que o 'brexit' estivo presente durante todo o desenvolvemento da misión, "debido á incerteza nas relacións comerciais xerada tras a saída de Reino Unido de Europa, aínda que, polo momento, non parece que se estean a resentir as importacións".

As empresas participantes tiveron reunións de traballo principalmente en Londres, pero tamén noutras localidades como Manchester, Wimbledon e Luton, entre outras.

Reino Unido está considerado como o quinto mercado máis importante do mundo e un dos principais socios comerciais de España. Galicia exportou en 2015 case un 30 por cento máis que no ano anterior, vendeu máis de 1.097 millóns de euros a Reino Unido e importou 473 millóns de euros.

Esta misión comercial a Reino Unido estivo organizada pola Cámara de Comercio da Coruña dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), financiado polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Feder do programa operativo 2014-2020.

Proximamente, a Cámara de Comercio da Coruña organizará unha xornada, en colaboración coa Cámara española en Gran Bretaña, para analizar os diversos escenarios que se formulan tras o 'brexit' para as empresas galegas exportadoras. "En 2017 a entidade cameral coruñesa seguirá apostando por este mercado e ten prevista a participación en varias feiras de alimentación, así como unha misión comercial plurisectorial, entre outras accións", segundo avanzou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta