Nace ‘Cumiera’ para divulgar traballos sobre lingua galega feitos por novos investigadores

O primeiro número da publicación anual lanzada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo consta de sete capítulos, todos eles de autoría feminina.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/12/2016 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

Dar a coñecer os traballos científicos das investigadoras e investigadores máis novos no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. Este é o principal propósito co que nace Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega, unha publicación anual lanzada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo “na que reunir e divulgar algúns dos máis destacados traballos do alumnado”, tal e como subliña o profesor Xosé A. Fernández Salgado, editor deste primeiro número.

Presentación de 'Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega'
Presentación de 'Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega' | Fonte: DUVI.

Na presentación desta publicación, Fernández Salgado fio fincapé en que as páxinas da revista están tamén abertas aos estudos lingüísticos e literarios doutras linguas, en especial ós estudos lusófonos que resulten de interese para o galego, ao que o director do departamento Xosé-Henrique Costas, engade que “se ben nace pensada para o noso alumnado, terán tamén cabida traballos das alumnas e alumnos doutros graos e mestrados da Universidade relacionados cos estudos galegos”.

Co título de Cumieira réndese tamén homenaxe ao topónimo tradicional (A Cumiera) do anaco de monte en que se erguen as instalacións da Facultade de Filoloxía e Tradución, noutrora sede do chamado CUVI, Colexio Universitario de Vigo.

PRIMEIRO VOLUME

O primeiro volume de Cumieira, presentado no salón de graos da facultade, consta de sete capítulos, todos eles de autoría feminina. “Dous son magníficos traballos de clase, tres son proxectos fin de grao e dous fin de mestrado que foron dirixidos por diversos docentes que aconsellaron a súa divulgación, previa adaptación ás normas da publicación e á súa revisión de contidos por diferentes especialistas”, explica Costas, ao tempo que destacou o “potente nivel de calidade dos artigos seleccionados”.

Os contidos dos artigos son variados. No caso de Cristina Joven achega datos sobre a realidade sociolingüística do alumnado de secundaria en tres centros da provincia de Pontevedra tocante ás actitudes lingüísticas cara aos galegofalantes, o español de Galicia e o acento galego e, tamén no ámbito da sociolingüística, se inscribe a panorámica que realiza Andrea Castelo sobre a vitalidade en diversos eidos do mirandés, lingua minorizada pertencente ao grupo asturleonés que se fala nas terras portuguesas de Miranda do Douro raianas con Zamora.

Pola súa banda, Reyes Rodríguez ofrece un exhaustivo estudo dos trazos fónicos e morfosintácticos máis característicos da fala de Entrimo, que lle serven ademais para revisar algún dos datos dialectais que xa se recolleran hai máis de catro décadas desta zona limiá e, nas cuestións dialectais céntrase tamén Laura Piñeiro, neste caso cun estudo centrado nos falantes do Morrazo.

Outra das filólogas, Andrea Expósito, analiza un aspecto da sintaxe pronominal galega e, xa no eido da investigación literaria, Antía Monteagudo realiza unha rigorosa e reflexiva análise sobre os diferentes métodos de investigar a historia do relato Os europeos en Abrantes de Vicente Risco a partir da súa estrutura, personaxes e acción. Pola súa parte, Andrea Chantrero explora en doce novelas xuvenís galegas unha lectura didáctica centrada en salientar os aspectos máis relacionados coa educación en valores (éticos, corporais, afectivos...) que constitúen un foco de atención no alumnado de Secundaria.

Xunto aos profesores Xosé A. Fernández Salgado e X. Henrique Costas, formaron parte da comisión científica deste número da revista os profesores Manuel Forcadela e Ana Iglesias. “A idea fundamental é animar ao alumnado, tanto de grao como de mestrados, na investigación rigorosa en temas vencellados coa lingua e literatura galegas”, insiste Costas, ao tempo que lembra que “para todas estas autoras esta é a súa primeira publicación e agardamos que sexa tamén o inicio da súa vida investigadora”.

PRÓXIMOS NÚMEROS

De cara á publicación de vindeiros números, desde o departamento animan ao alumnado a que lles envíen as súas investigacións. Os únicos requisitos son que os textos non superen as 10.000 palabras, que se presenten en forma de artigo académico, estean redactados preferentemente en galego e a súa temática estea relacionada cos estudos galegos en todas as súas vertentes, ou doutras linguas sempre que sexan relevantes para o estudo do galego, informa a Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Manuel V

Como se pode conseguir?