Resolto o enigma: “O nome da Coruña nace no Códice Calixtino”

O profesor da Universidade de Vigo e escritor Gonzalo Navaza racha con todas as hipóteses anteriores e defende que o topónimo que comeza rexistrándose en latín como Crunia en 1208 é un nome de orixe literaria tomado da 'Historia Turpini', o libro IV do Codex Calixtinus. Dá así por pechada a cuestión científica.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 14/12/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O nome da cidade da Coruña ten unha orixe literaria, concretamente, na 'Historia Turpini', o libro IV do Codex Calixtinus, onde se fai mención a un lugar descoñecido chamado Crunia que tomou o rei Afonso IX para renomear en 1208 a cidade de Faro, anteriormente Brigantium. Así o defende o profesor e escritor Gonzalo Navaza —membro da Comisión de Toponimia e académico correspondente da RAG— nun amplo artigo no que racha con todas as hipóteses anteriores sobre a orixe dun topónimo que "só ten existencia na xeografía fantástica dun libro escrito en latín": o Códice Calixtino, a gran obra textual da cultura románica xacobea, unha das alfaias creativas da Europa medieval. Pode afirmarse, polo tanto, que "o nome da Coruña, coma o Pórtico da Gloria, é unha creación da arte románica galega, dos tempos do esplendor románico no Camiño de Santiago", segundo Navaza.

A Coruña
A Coruña | Fonte: Pachin en Wikipedia.

No seu estudo, publicado no último número da Revista Galega de Filoloxía —editada pola Universidade da Coruña— co título 'A orixe literaria do nome da Coruña', Navaza conclúe que "o topónimo Crunia que aparece no libro IV do Codex Calixtinus non é unha atestación medieval do nome da cidade da Coruña, é a súa fonte, o seu berce".

Esta é a primeira vez que se ofrece unha explicación sobre as orixes do topónimo que dá conta de todos os rexistros documentais. Tras compoñer o crebacabezas, Navaza afirma, sen lugar á dúbida, que "o nome da cidade da Coruña nace na Historia Turpini do Codex Calixtinus". O profesor da Universidade de Vigo argúe que cando se produciu esta mudanza de nome, as motivacións que levaban por entón aos monarcas a escolleren os novos topónimos non eran "arbitrarias", senón que respondían a "criterios definidos, guiados por unha vontade augural ou de prestixio". De acordo con isto, insiste en que o "nome que comeza rexistrándose en latín como Crunia en 1208 é un nome de orixe literaria, tomado dun topónimo que aparece na Historia Turpini, tamén coñecida como Historia Karoli Magni et Rotholandi ou Pseudo Turpín, isto é, o libro IV do Codex Calixtinus".

A historia do nome da Coruña ten un "insólito berce nas letras do nome dunha cidade inexistente que aparece unha soa vez nun manuscrito medieval".

Navaza, experto en toponimia, tiña unha débeda pendente coa Coruña e, máis concretamente, coa súa universidade e a Revista de Filoloxía Galega, na que vén de expoñer o seu traballo de investigación. Hai unha ducia de anos, adquirira cos profesores Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Freixeiro Mato —da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña— o compromiso de escribir para esta revista un texto sobre o topónimo da cidade e da institución. Agora, resolve este compromiso cun amplo e documentado artigo que racha coas hipóteses de toda a literatura anterior sobre as orixes do nome da cidade herculina.

'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino.
'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino.

"A demora foi longa porque carecía dunha explicación satisfactoria e non me contentaba con expoñer as variadas hipóteses etimolóxicas formuladas ata o momento e os problemas que indefectiblemente presentaban todas elas", recoñece o profesor da Universidade de Vigo no seu traballo, no que explica: "O estudo das retoponimizacións rexias dos séculos XII e XIII viñérame convencendo, hai algún tempo, da orixe medieval do nome, pero só cando explorei a posibilidade de que as motivacións de Crunia e dos distintos Viana peninsulares fosen as mesmas ou parecidas cheguei á Historia Turpini e á sospeita de que o Crunia dese texto podía non ser unha atestación do topónimo senón a súa fonte".

Agora, e tras as súas pescudas, conclúe que a historia do nome da Coruña ten un "insólito berce nas letras do nome dunha cidade inexistente que aparece unha soa vez nun manuscrito medieval": o Codex Calixtinus.

O topónimo da Coruña queda, por tanto, ligado aos "tempos en que ese libro cumpría de xeito cabal a misión fundacional para a cal fora creado: construír un pasado ao servizo duns intereses e dun proxecto histórico", argúe o profesor, quen se laia de que "a historia acabou frustrando ese proxecto e o libro destinado a construír un pasado e unha patria foi expulsado do lugar do mito en nome doutro pasado e outra patria, anatematizado, condenado á sombra durante séculos e aínda hoxe coñecido cun nome que o sinala como impostor". 

"Hai máis de oito séculos, un rei [Afonso IX] quixo comprometer a vila co mito e mudoulle o nome, e oitenta anos máis tarde, outro rei [Sancho IV] interesado en emendar a ocorrencia toponímica do bisavó galego deu licenza para que os seus funcionarios buscasen a maneira de erradicar da memoria os motivos daquel nome e sementar de atrancos o acceso á verdade. Mais scripta manent, os libros arden mal.", remata o artigo.

TRES DOCUMENTOS CLAVES

Gonzalo Navaza chegou até estas conclusións logo de fiar moi fino e combinar as pezas dun crebacabezas até dar coa solución.

Foi a partir da primeira década do século XIII cando os documentos reais comezan a empregar en latín o nome Crunia —e máis tarde Cruña en galego, ademais doutras variantes gráficas—, precedente do topónimo actual, segundo relata Gonzalo Navaza, que identifica tres documentos emitidos por Afonso IX en 1208 que "testemuñan a oficialización do novo nome para Faro".

O primeiro, o “documento fundacional”, asinouse en Santiago en xuño dese ano (descoñécese a data exacta); o orixinal non se conserva, "mais chegounos indirectamente nunha confirmación de Sancho IV, do ano 1286, que repite confirmacións previas de Fernando III e Afonso X". Con todo, tampouco se conserva o orixinal desa confirmación, da que se ten constancia por unha "transcrición deficiente e parcial" realizada por Enrique de Vedia y Goossens en Historia y descripción de la ciudad de la Coruña (1845).

"Por estas circunstancias hai que fiarse pouco da literalidade do texto que nos chegou (nel o topónimo aparece como Curunia, forma quizais verosímil para 1286 mais non para 1208 nun documento real, cando nos outros dous documentos auténticos de 1208 o que se le é Crunia), aínda que si se poida dar por exacto o seu contido", escribe Navaza.

Outros dous documentos de 1208 recollen as "compensacións que o rei lles concede á igrexa de Compostela e ao mosteiro de Sobrado pola mingua que van sufrir os seus intereses na zona a causa dos novos foros dados ao concello da vila que agora aparece denominada Crunia", prosegue o filólogo. O documento compostelán, incluído no Tombo A da catedral, está asinado en Santiago o 1 de xuño de 1208, mentres que o de Sobrado está datado en Lugo o 19 de xullo do mesmo ano.

"Ningún destes documentos fai referencia explícita á mudanza de topónimo, mais na práctica a nova realidade municipal resultante das decisións expresadas neles pasa a denominarse oficialmente co novo nome (Crunia en latín, nos documentos máis vellos, e só unhas décadas máis adiante Cruña en romance ou na forma relatinizada ou hiperlatinizada Clunia), que substitúe o de Faro na documentación escrita a partir dese momento", detalla o académico da RAG.

"O topónimo Crunia da Historia Turpini constitúe un auténtico hápax en todo o século XII: só se rexistra, e unha soa vez, nesa obra".

Navaza racha con moitas hipóteses sobre a xénese do nome da Coruña, algunhas das cales sitúan a orixe de Crunia anteriormente a 1208. Porén, o profesor estima que "posto que noutras retoponimizacións reais que coñecemos o cambio de nome coincide coa concesión de foros ou carta de poboamento, e o propio rei denomina Faro a vila en documentos previos a 1208, debemos concluír que o cambio do topónimo tamén se produciu nesta data".

"A hipótese de que Crunia podía ser o nome dunha parte da vila, ou dunha área inmediata, debemos desbotala non só porque non hai rexistro documental senón porque se contradí cos criterios habituais que levaron á escolla de novos nomes por parte de Fernando II e Afonso IX para a retoponimización de vilas reguengas", aduce Navaza. 

Desbotadas todas as precedentes, queda só unha atestación do nome Crunia anterior a 1208 e na cal se apoiaron os defensores da idea de que o topónimo xa tiña existencia previa. Mais non se trata dunha fonte notarial, senón literaria: a 'Historia Turpini', o libro IV do Codex Calixtinus, unha obra que "carga de connotacións xacobeas e carolinxias o nome de Viana e xustifica a súa escolla nunha retoponimización real", esclarece o profesor.

No capítulo III deste libro menciónanse os nomes das conquistas de Carlomagno en Gallecia e Yspania. Entre as primeiras aparece Crunia.


O topónimo Crunia, no capítulo III da 'Historia Turpini', libro IV do Códice Calixtino / Fonte: Xunta de Galicia.

"A área que abranguen os topónimos do fragmento é o que podemos chamar a Galecia Magna: todo o territorio galego e o norte de Portugal ata o Mondego, con Braga como metrópole arquidocesana, pois pretende reproducir unha xeografía de arredor do século VIII", explica Gonzalo Navaza. Porén, todas esas localidades eran "identificables para un lector do século XII", agás Crunia, "un topónimo inaudito na época, pois ningunha das grandes vilas e urbes dese territorio se chamaba así" e no texto non hai "ningunha indicación que permita localizalo espacialmente", continúa o profesor, que sentenza no seu artigo: "O topónimo Crunia da Historia Turpini constitúe un auténtico hápax en todo o século XII: só se rexistra, e unha soa vez, nesa obra".

UN ERRO DE COPIA OU LECTURA

A hipótese de Navaza é que a aparición do topónimo Crunia é froito do que "en lexicografía se chama unha palabra inexistente, produto dun erro de copia ou de lectura", o cal "abre a porta a unha explicación para a súa sorprendente ausencia na versión galega do libro de Turpín incluída nos Miragres de Santiago", realizada dous séculos máis tarde, "cando xa circulaban copias e traducións da 'Historia Turpini' por toda Europa". Así, a partir da verificación de que aquela versión do século XIV revela un "labor atento de identificación dos topónimos corruptos do texto latino para a asignación da forma romance", Navaza conclúe que "a ausencia da Cruña na versión galega incluída nos Miragres de Santiago non pode ser un simple lapsus, senón que é unha omisión á mantenta".

Nesta liña, o filólogo insiste en que "dado que no século XII, no momento de elaboración do Códice Calixtino, non hai no territorio da chamada Gallecia ningunha localidade recoñecible nese nome, o hápax de Crunia ten que deberse a un erro de lectura ou de copia dalgún outro topónimo semellante". E así, o investigador dá con Cauria, "ben coñecida como cidade da Lusitania romana e logo sé episcopal (Cauria, ecclesia cauriense) dependente da metrópole de Mérida (Emerita) durante toda a Alta Idade Media: a actual Coria, na provincia de Cáceres", cuxo nome é o único que "cumpre o requisito paleográfico de darse lido ou transcrito como Crunia entre a toponimia das fontes da xeografía calixtina", expón o profesor.

"Nada xustificaría o erro xeográfico de incluír a lusitana Cauria entre os lugares conquistados por Carlomagno na Gallecia arredor do ano 800, mais a mediados do século XII, cando se ideou a Historia Turpini, ese erro pode ser intencionado e obedecer aos intereses da igrexa compostelá", pois "a cidade de Coria e a súa diocese eran obxecto das pretensións de Santiago, coma outros territorios da antiga Lusitania que o dominio musulmán desligara da dependencia de Mérida", prosegue Navaza, quen deduce: "Nese contexto enténdese que un autor do scriptorium compostelán incluíse adrede Cauria entre as supostas conquistas de Carlomagno na Gallecia de trescentos e tantos anos atrás". 

Na súa argumentación, Navaza considera que "dada a importancia fundacional e simbólica" que tiña naquel tempo o libro de onde procede o topónimo Crunia,  a súa imposición foi "unha peza ao servizo da ideoloxía e a identidade do reino e do seu proxecto histórico, articulados arredor dun sepulcro e un tecido mítico e relixioso que lexitima a cruzada bélica contra o infiel", isto é, a "empresa xacobea".

"Desde o punto de vista filolóxico todas as outras hipóteses etimolóxicas presentaban algún problema ou entraban en contradición coa historia documental do topónimo".

ACLARACIÓNS

Navaza, que está traballando con outros tres filólogos —Ana Boullón, Luz Méndez e Antón Palacio— nun dicionario de apelidos galegos auspiciado pola Real Academia Galega (RAG), cuxa publicación agárdase en 2017, explícanos máis detalladamente algunhas cuestións sobre a súa investigación para aclarar aspectos substanciais.

- Racha este traballo con todas as investigacións e hipóteses anteriores sobre a orixe do nome da Coruña?

- É un traballo que se apoia nunha tradición científica, non sería posible sen todas esas investigacións previas. Pero desde o punto de vista filolóxico todas as outras hipóteses etimolóxicas presentaban algún problema ou entraban en contradición coa historia documental do topónimo, tal como expoño no artigo. Foi precisamente o estudo das deficiencias das outras hipóteses o que conduciu a esta explicación que, en efecto, contradí todas as formuladas anteriormente. Mais en última instancia non parte propiamente dun achado documental ou dunha descuberta, senón que se limita a interpretar con coherencia e con rigor histórico e filolóxico uns datos que xa se coñecían.

- Canto tempo lle levou e que foi o que máis lle sorprendeu na súa investigación e análise?

- Levo máis de tres décadas estudando a toponimia galega e nunca deixei de estar atento a calquera novo dato que puidese axudar a desentrañar ese topónimo, que sempre considerei problemático, especialmente polas rarezas da súa historia documental. Cando como toponimista tiña que tratar do nome da Coruña, e así o fixen por escrito nalgunha publicación, limitábame a reproducir como "comunmente aceptada" en medios científicos a hipótese céltica que o identificaba co nome da burgalesa Coruña del Conde, pero sempre consciente dos problemas que presentaba (por exemplo, contradicíase co feito de que nas atestacións máis antigas en latín sempre aparecía CRUNIA, e só décadas máis tarde empezaba a asomar nos textos a forma CLUNIA que permitía identificalo co nome latino da de Burgos). Un traballo sobre o nome de Baiona levoume a estudar con atención a política toponímica deses dous reis de Galicia (Fernando II e Afonso IX –Afonso oitavo chamado noveno–) e a partir de aí comecei a ver como ían encaixando todas as pezas. Hai ano e medio aproximadamente, un paleotoponimista alemán envioume un traballo seu sobre o topónimo, tal como conto no "Cabo", e a resposta que lle dei foi o xermolo do artigo. A pescuda ten moito de labor detectivesco, e cada obstáculo documental correctamente superado abría a porta á solución doutro obstáculo nun encadeamento apaixonante. Como pode comprobar calquera lector, o artigo tamén corrixe, confrontándoos coa documentación medieval, algúns erros comunmente aceptados desde hai moito tempo. En xeral, como habitualmente sucede cando consegues facer que as informacións que posúes encaixen sen contradicións, un acaba sorprendéndose de que ninguén reparase antes nesta ou naquela cuestión que estaban tan á vista na documentación antiga.

"A cuestión científica acerca da orixe queda pechada, porque a explicación que se formula é a única que pode dar conta da particular historia documental do topónimo".

- A lectura do artigo semella dar por probada a súa hipótese e, polo tanto, por pechada esta cuestión que tanta literatura académica, fábulas, lendas e historias populares deu. Dá realmente por pechada a cuestión?

- A cuestión científica acerca da orixe queda pechada, porque a explicación que se formula é a única que pode dar conta da particular historia documental do topónimo. Non é unha opinión, é unha constatación apoiada na documentación. Naturalmente, isto non son matemáticas, non é unha demostración de certeza absoluta, cumpriríanos dispoñer dun documento onde o rei dixera que impuxo tal nome por tal razón e que o tomou de tal fonte. No relativo ao “grao de certeza científica”, sería o que se chama un “modelo explicativo válido” que concorda con toda a información que se posúe. Como non se me ocorre que nova información podería aparecer no futuro que puidese contradicir este modelo, coido que debemos telo por unha verdade científica. As fábulas, lendas e historias non teñen por que verse afectadas. O que a xente pensa ou pensou acerca das palabras tamén forma parte da historia das palabras.

- Moito se ten especulado sobre o significado do topónimo da Coruña. Ao identificar a súa orixe nunha "cidade inexistente que aparece unha soa vez nun manuscrito medieval", nunha "xeografía fantástica", e ao constatar que o topónimo orixinal, Crunia, era unha "palabra inexistente, produto dun erro de copia ou de lectura", baléirase de significado o nome da cidade?

No artigo esforceime por deixar claro que a etimoloxía do nome comeza nese manuscrito. As razóns polas cales esa palabra aparece aí xa non pertencen propiamente á etimoloxía do nome da Coruña. Non é que o Códice Calixtino sexa un intermediario entre unha fonte orixinaria e o topónimo, non, a palabra nace no códice e do códice vai ao topónimo. Outra cousa é a explicación ecdótica desa palabra no códice. Se cadra non o deixei claro, pero procurei redactalo de xeito que non facilitase unha lectura frívola e simplificadora que dixera "o topónimo Tal vén de escribir Cal erradamente". O nome da cidade non se baleira de significado, non, gaña singularidade por múltiples razóns, e cárgase de significación histórica.

"Coñecermos hoxe a súa orixe permítenos recibir cargado de novas resonancias significativas o nome da cidade".

- Si lle outorga un enorme valor simbólico, mitolóxico e mesmo artístico cando escribe: "[...] a imposición dese topónimo é unha peza ao servizo da ideoloxía e a identidade do reino e do seu proxecto histórico, articulados arredor dun sepulcro e un tecido mítico e relixioso que lexitima a cruzada bélica contra o infiel". Ou: "Pode dicirse que o nome da Coruña, coma o Pórtico da Gloria, é unha creación da arte románica galega". Está resignificando o topónimo?

O significado e as connotacións que tiña ese nome no ano 1208, que xustificaron o seu emprego para mudarlle o nome a Faro, son os que lle outorga a fonte literaria de onde se tomou. En efecto, coñecermos hoxe a súa orixe permítenos recibir cargado de novas resonancias significativas o nome da cidade.

- O seu artigo liga A Coruña coa antiga Cauria, pois mantén que ese erro de copia ou lectura que dá lugar a Crunia non é outra cousa que “unha grafía deformante” da Cauria da Lusitania romana, a actual Coria estremeña. Cales considera que son as implicacións simbólicas e/ou históricas máis substanciais desta teoría?

Os protagonistas desta etimoloxía son un libro do Códice calixtino e o nome da cidade. Xa dixen que as razóns da aparición de Crunia no calixtino pertencen á ecdótica deste libro, pero non pertencen á historia do topónimo coruñés. Está claro que no ano 1208, para o rei Afonso ese CRUNIA do libro non era a CAURIA emeritense nin lle pasaba pola cabeza que puidese selo. Insisto, os posibles valores simbólicos do topónimo CRUNIA véñenlle da fonte literaria de onde se toma e do contexto en que aparece nela. O de Cauria é aquí secundario. A dimensión carolinxia e europeísta véñenlle da Historia Turpini. Un nome de orixe literaria, como California ou o Amazonas, cuxa elección por parte dun rei que se di rei de Galicia e de León ten unha interpretación e unhas connotacións históricas que non podemos obviar.

- No seu traballo tamén refuta que a forma trisilábica Coruña ou Curuña sexa un castelanismo, como se ten proposto, e asegura que se trata dunha forma culta galega. Ademais, aborda a cuestión da aparición e uso do artigo que a precede, tanto na súa forma galega 'a', como na castelá, 'la', o cal di, é "un artigo secundario, non etimolóxico". En resumo, estas achegas que fai, deben axudar a resolver o uso actual do topónimo. E se é así, como? 

A cuestión do uso do topónimo ou da forma oficial A Coruña non ten que verse afectada para nada. O topónimo úsase con artigo en galego e castelán desde a Idade Media e a forma trisilábica comeza rexistrándose en galego. Non digo que a forma trisilábica sexa unha forma culta galega, senón que responde a unha tendencia que podemos chamar cultista (creo que matizo dicindo que de “afastamento da tendencia popular” ou algo así). En orixe é unha forma minoritaria, artificiosa, contraria á fala, pero comeza a rexistrarse por escrito en textos galegos e non parece que responda á presión do castelán, así que en rigor non é un castelanismo. Do artigo, cando digo que é secundario e non etimolóxico, quero dicir que comezou a usarse con artigo espontaneamente en romance; pero como aparece xa nas atestacións máis antigas, deduzo que no século XIII a xente interpretaba que por exemplo un texto que dicía IN CRUNIA en latín equivalía a  “na Cruña” en romance.

- Como pensa que vai ser recibido este traballo, especialmente entre quen mantivo a defensa da orixe céltica, sobre unha cuestión que mesmo xerou moito debate e polémicas?

- Que o nome da Coruña teña orixe medieval non invalida a convicción de que a poboación prerromana do lugar e da Gallaecia en xeral era lingüisticamente céltica. No artigo non me ocupo unicamente do nome actual senón tamén das distintas denominación históricas do lugar... O nome celta da Coruña era Brigantium.

- Supón todo isto reescribir unha parte importante da historia da cidade?

- Creo que é unha achega que axuda a reinterpretar o seu papel como “vila e porto reguengos” no tempo histórico dos reis galegos da casa de Borgoña. A historia da cidade non se ve afectada no esencial, pero como é un topónimo posto á mantenta, as intencións que levaron a usalo admiten unha nova lectura histórica desde o punto de vista da chamada “historia das mentalidades”.

-----------------------------------------------------

Navaza, Gonzalo. (2016). 'A orixe literaria do nome da Coruña'. Revista Galega de Filoloxía, 2016, 17: 119-164.

Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo a académico correspondente da RAG
Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo a académico correspondente da RAG | Fonte: UVigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 36 comentarios

5 Bufffff

Y la abuela fuma. Alfonso IX funda pro utilitate regni mei y tal y tal, una ciudad "in loco qui dicitur Crunia", en un lugar llamado (ya) o que se dice (en ese momento) Coruña. Del hecho de que aparezca ESCRITO el nombre de La Coruña por primera vez, no se sigue necesariamente q D. Alfonso bautizase la ciudad en esa fecha de 1208, ni menos --hai que ser retorcido-- que lo hiciese como homenaje a Carlomagno pq el Pseudoturpín era muy conocido y en él se equivocaron y en 1150 escribieron Crunia cuando querían escribir Coria u otra población similar. Alguien tendría q explicar a los filólogos e historiadores nacionalistas, q inventan del carafio la vela, q por el hecho de q algo pudiese haber ocurrido de un modo, no se sigue necesariamente q hubiese pasado así.

1 Españolistas dades noxo

Que xa o di Navaza, que esa Crunia non é A Coruña. Deixa de decir estupideces pra xustificar o teu españolismo.

4 Toleo

Eu empezaría por renunciar ao posto de profesor e investigador da universidade de Vigo

3 Curuñes de toa la vida

Qué narices nos viene a contar uno de Vigo? En Coruña nos llamamos como queremos y porque queremos, y todos saben que Coruña fue la primera pobladora de MonteAlto. Y punto pelota!!

2 Fco Vázquez

Pero non era LA CURUÑA ?

1 nostrus

Pois enton resolto o enigma e si somos tan papistas xa non haberá polemica con A Coruña si, La Coruña tambien e a partir de agora deberia ser Crunia soamente. Sintoo polos naciotas intolerantes.