As vítimas do Alvia acusan ao ministro de causarlles máis dor

Cando era alcalde de Santander, o Ministro de Fomento prometera apoiar a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento. Agora esquiva a cuestión. Ante o bloqueo en España, as vítimas de Angrois volverán a facer oír as súas voces en Bruselas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/12/2016 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O anuncio do novo Ministro de Fomento dunha nova reunión non contenta as vítimas do Alvia. “Levamos tres anos de loita e iso só son palabras”, declarou hoxe un dos voceiros da asociación Plataforma Víctimas Alvia 04155.

Arturo Domínguez, portavoz da Plataforma Víctimas Alvia 04155
Arturo Domínguez, portavoz da Plataforma Víctimas Alvia 04155 | Fonte: Europa Press.

Boas palabras que quedan en nada

Arturo Domínguez, en declaracións a Radio Galicia, dixo que se non hai medidas máis alá que montar outra reunión “será un engano máis as vítimas”. O ministro Íñigo de la Serna esquivou polo de agora responder a unha das grandes reclamacións das vítimas: unha comisión no Congreso dos Deputados que investigue o papel da administración no descarrilamento. 

Durante a súa visita ao país este luns, o mandatario do PP limitouse a dicir que el pensa  "dar prioridade absoluta ás familias" para poder atendelas, polo que prevé manter un encontro cos afectados antes de que finalice o ano. Nin unha palabra sobre a comisión de investigación, malia que cando era alcalde de Santander prometera formalmente apoiala, como lle volveron a recordar o martes os afectados.

Ante este regate dialéctico, Domínguez non ve cambios coa postura respecto da anterior ministro. “Parecía o mesmo mantra que o de Ana Pastor, repetir unha vez iso de ‘estou coas vítimas e imos colaborar’, pero logo nada diso é verdade”. É máis, na súa opinión, este tipo de declaracións “o único que fan é engadir máis sufrimento”.

A Plataforma Víctimas Alvia 04155 , afectados e familiares de mortes no accidente de tren en Santiago, protestan diante das Cortes en Madrid
A Plataforma Víctimas Alvia 04155 , afectados e familiares de mortes no accidente de tren en Santiago, protestan diante das Cortes en Madrid

Comparecencia no Europarlamento en xaneiro

Mentres o caso segue atoado nos xulgados -coa colaboración da Xunta que acaba de poñer pegas ao soldo do novo perito independente-, a Plataforma continúa a loitar na fronte política. Así, lograron seren invitados a comparecer na Eurocámara en xaneiro.

En concreto, os afectados expoñerán as súas denuncias na comisión de Peticións do Parlamento Europeo, debido a que o PSOE se uniu finalmente a petición dos grupos de Los Verdes-ALE (onde participa a deputada galega Lidia Senra de AGE) e GUE-NGL (onde colabora Ana Miranda do BNG). As vítimas denunciarán en Bruxelas ao Estado español por incumprimento da normativa e publicidade enganosa. Cómpre lembrar que foi o ditame europeo, alertando de que non se fixera unha investigación independente, o que contribuíu a que a instrución do preito tivese que volver á primeira fase, despois de que a Xustiza exculpase a todos menos ao maquinista.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, na súa recente visita a Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, na súa recente visita a Galicia | Fonte: Conchi Paz.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Leike

Seica os do PP non teñen responsabilidade ningunha. Estes da foto son uns que pasaban por aí...

1 Gamela

Unha longa historia que ten a súa orixe na neglixencia do que fora Ministro de Fomento (Pepe Blanco agora europarlamentario na sombra!) http://cabozo.com/taboext.php?grupo...