O Leyma gaña un derbi espectacular

O Básquet Coruña vence 94-85 o Breogán en Riazor cun parcial final de 16-1. Os lucenses, que recuperaron 16 puntos de desvantaxe e chegaron a estar 78-84, só anotaron un tiro libre nos últimos seis minutos. Leyma e Breo, co-líderes da LEB Ouro con 9 vitorias e 4 derrotas.

Por gcdeportes | A Coruña | 06/12/2016 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Leyma Coruña 94:
Joan Creus (3), Ángel Hernández (2), Dago Peña (22), Zyle (15), Sergio Olmos (8) –cinco inicial- Javi Lucas (8), Filip Djuran (14), Zach Monaghan (11), Mikulic (11), Sabonis (0) e Pablo Ferreiro (0).
CB Breogán 85: Juan Fernández (13), Rafa Huertas (3), Salva Arco (25), Iván Cruz (0), Stainbrook (11) –cinco inicial- Geramipoor (8), Fakuade (6), Josep Franch (8), Gilling (8) e Sergi Quintela (3).
Parciais: 28-19, 23-23 (51-42), 20-27, 23-16 (94-85).
Árbitros: Arnau Padrós Feliu e Iyán González Gálvez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Gediminas Zyle.
Incidencias: partido da 12ª xornada da LEB Ouro disputado no pavillón municipal de Riazor ante preto de 4.000 espectadores.

Canastra de Dago Peña, máximo anotador do Leyma con 22 puntos.
Canastra de Dago Peña, máximo anotador do Leyma con 22 puntos. | Fonte: feb.es

Espectáculo total en Riazor. Leyma comezou a tope e chegou a estar 16 puntos arriba (39-23), pero Breogán fixo o máis difícil e liderado por Salva Arco (25 puntos) deulle a volta ao marcador e chegou a estar 78-84 con seis minutos por disputar. Natxo Lezcano sentou a un canso Arco con 81-84 e atascouse o ataque breoganista. Na recta final, parcial de 16-1 para os de Tito Díaz, que acabaron levando un derbi estelar: 94-85. Leyma e Breo son co-líderes da LEB Ouro con 9 vitorias e 4 derrotas, empatados con outros catro equipos: Palencia, Lleida, Gipuzkoa e Oviedo.

Saiu con intensidade en defensa e rapidez en ataque Básquet Coruña, e con 7 puntos de Dago Peña abriu oco axiña: 11-2. Parou o partido Natxo Lezcano e a primeira canastra lucense tardou catro minutos. Recuperouse o Breo con 4 puntos de Stainbrook e tres tiros libres sen erro de Quintela (16-11), pero as triplas de Javi Lucas e Djuran puxeron once de vantaxe para os locais. Ao final do primeiro cuarto, 28-19, con 0/5 en triplas e seis perdas dos lucenses.

Leyma anotou as tres primeiras triplas que intentou (Monaghan contra taboleiro, Mikulic e Djuran) e acadou a máxima diferenza: 39-23. Gilling anotou a primeira dende 6,75 para os lucenses pero Lezcano tivo que parar o partido tras outra tripla de Creus (Leyma levaba 7/11) e con 42-28. Apertou Breo en defensa, e con dúas triplas de Lobito Fernández e outra de Salva Arco acurtou a diferenza ao descanso: 51-42.

Todo mudou trala reanudación. Era Breogán quen apertaba en defensa e Leyma estaba atascado en ataque. Parcial de 2-12 e primeira vantaxe para os lucenses con 53-54. Tito Díaz parou o partido e Mikulic, saíndo á liña de 6,75, recuperou a iniciativa para Básquet Coruña (64-59). Matt Stainbrook e Salva Arco conseguiron dúas accións de 2+1 (66-65) pero Leyma chegou por diante ao cuarto decisivo (71-69) malia ao parcial de 20-27 no terceiro para os lucenses.

O lituano Zyle tapona a entrada a canastra de Gilling.
O lituano Zyle tapona a entrada a canastra de Gilling. | Fonte: @CBBreogan

Con triplas de Huertas e Arco o Breo púxose por diante (73-77). Dúas penetracións lucenses, outra tripla de Arco e Breogán semellaba co partido de cara (78-84). Pero respostou Dago Peña cunha tripla, o ataque lucense atascouse e Monaghan deulle a volta ao marcador con dúas canastras consecutivas (85-84). Tripla de Djuran e tempo de Natxo Lezcano con 88-84 a 3.09 do final. Pero os lucenses fixeron un par de ataques precipitados, Franch e Juan Fernández erraron dúas triplas liberados e Zyle anotou tras un rebote ofensivo decisivo. Ao final, 94-85. Primeiro asalto para o Leyma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta